Equiocio

A marca pescadeRías de onde se non? estivo presente un ano máis en Equiocio, a proba deportiva ecuestre celebrada en Ferrol do 31 de xullo ao 3 de agosto, para dar a coñecer os produtos da pesca artesanal galega. O público asistente puido gozar de seis showcookings con produto certificado pola marca, protagonizados por especies emblemáticas da ría de Ferrol como o carneiro, a navalla, a ameixa rubia, a zamburiña, a vieira, o polbo ou o sargo.

As degustacións estiveron a cargo dos cociñeiros Diego Couto, Marcos Arufe, Nair González e Marcos Cabanas, coa colaboración das confrarías de Barallobre e Ferrol. Podes ver un vídeo coas elaboracións aquí.

Charla no Obradoiro de Hostalaría de Moaña

O pasado 30 de xullo tivo lugar unha nova acción formativa sobre a pesca artesanal galega no marco do Obradoiro Labora Hostalaría de Moaña. A charla «A marca da pesca artesanal de Galicia: pescadeRías de onde se non?» achegou ao alumnado das especialidades de cociña e sala os principios, valores e requisitos que definen a marca, así como a súa función como garantía de orixe, calidade e pesca responsable.

A actividade incluíu unha parte práctica de recoñecemento de especies comerciais e dos seus tamaños mínimos de comercialización, aspecto clave para unha cociña profesional comprometida coa sustentabilidade e co respecto ás normas vixentes.

Festa do Marisco de Barallobre

O porto de Barallobre acollerá unha nova edición da Festa do Marisco, organizada pola Confraría de Barallobre coa colaboración do Concello de Fene. O evento celebrarase o 24 e 25 de agosto, e ofrecerá degustacións de marisco fresco procedente da ría de Ferrol e certificado pola marca pescadeRías de onde se non?

O programa inclúe dous showcookings diarios, a cargo da cociñeira Nair González, do restaurante Muelle 43, adherido á marca.

Tamén haberá actividades de ocio para os máis pequenos e música ao vivo, nunha cita que pon en valor o traballo do mar e a calidade dos produtos procedentes da pesca artesanal galega.

II Xornadas Gastronómicas Corcubión

Do 22 ao 24 de agosto, a Confraría de Pescadores de Corcubión celebrará as II Xornadas Gastronómicas, co polbo como gran protagonista. O programa incluirá showcookings a cargo do chef Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, entidade adherida á marca pescadeRías de onde se non?, onde o público poderá descubrir novas formas de preparar e gozar deste emblemático produto da pesca artesanal galega. As prazas para os showcookings son limitadas e requiren inscrición previa no teléfono 981 746 951.

Ademais, haberá obradoiros infantís para achegar o mundo do mar aos máis pequenos e degustacións de racións de polbo a prezos populares.

Unha cita para saborear o verán!

Certificacións

Durante o mes de xullo realizáronse auditorías de seguimento a catro axentes certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

Sociedade Cooperativa Galega Ría de Arosa, con sede en Abanqueiro e certificada desde 2017 para bivalvos, crustáceos, equinodermos e gasterópodos.

Porto-Muiños S.L., transformadora especializada en algas ecolóxicas, certificada desde 2012.

Descaexport S.L., distribuidora de polbo con sede en Burela e certificación para cefalópodos desde 2017.

Lonxa de Baixura do Porto Pesqueiro de Vigo, certificada desde 2009 para peixe, cefalópodos e crustáceos.

FICBUEU 2025

A edición deste ano do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), que se celebrará do 5 ao 20 de setembro, contará de novo cunha degustación guiada de produtos da pesca artesanal galega. O Souto Bar Restaurante, de Pontevedra, adherido á marca, será o encargado de ofrecer o showcooking, que terá lugar o 13 de setembro, dentro do programa oficial do festival.

Esta proposta gastronómica ofrece ao público asistente a oportunidade de coñecer en directo diferentes elaboracións con produto certificado pola marca pescadeRías de onde se non?, destacando o valor do peixe e marisco fresco, de tempada, procedente da nosa costa e obtido mediante artes de pesca respectuosas co medio mariño.

Nova normativa de traslado de especies

A Orde do 4 de xullo de 2025, publicada no DOG o 22 de xullo, regula a actividade de traslado en vivo de especies como a nécora, o camarón, o boi, o lumbrigante, a lagosta, a centola, o santiaguiño e a anguía na costa galega.

A norma define e establece os requisitos mínimos dos traslados en vivo previos ao desembarque: instalacións, apertura da declaración de traslado, rexistro de finalización, identificación dos puntos de almacenamento, duración máxima, número límite de operacións e garantías de trazabilidade.

Esta regulación responde a unha demanda do sector e busca unha maior seguridade xurídica e transparencia nas prácticas de comercialización. Podes consultar a orde aquí.

Tripulación pescadeRías: María José Basanta

María José Basanta, autora do blog Laurel y Canela, únese á Tripulación pescadeRías!

Acompañamos a María José nun percorrido pola praza de abastos de Santiago, onde nos fala da súa aposta pola pesca artesanal galega. Entre peixes e mariscos, destaca a importancia de mercar produto fresco e de tempada, e de confiar no saber facer dos praceiros e praceiras. Para ela, un bo peixe de calidade non precisa receitas complicadas: a cociña sinxela proporciónanos pratos auténticos e saudables.

María José tamén nos dá claves para consumir mellor: coñecer a orixe, escoller especies de tempada e apostar pola pesca responsable.

Podes ver a entrevista aquí.

Especie do mes: Bonito alistado

O bonito alistado (Katsuwonus pelamis) é un peixe fusiforme e robusto, sen escamas, co dorso azul escuro. Ten os flancos e ventre prateados, que lucen entre 4 e 6 bandas lonxitudinais escuras, converxentes cara á cola.  

Alimentase activamente de peixes, cefalópodos e crustáceos. É unha especie peláxica, gregaria e migratoria. Forma grandes bancos que se achegan á costa en verán, momento no que tamén é capturada pola frota artesanal galega, que o pesca con artes de cerco e palangre.

Na cociña admite múltiples preparacións, tanto á brasa ou a grella, como con mollos tradicionais (escabeches ou salsas de tomate) e tamén elaboracións ao estilo asiático.

Podes ampliar a información aquí.

Entidade do mes: Grupo Envimar NW

Desde novembro de 2018, Grupo Envimar NW, S.L. opera como empresa certificada baixo a marca pescadeRías de onde se non?, cun amplo alcance que inclúe peixes, cefalópodos, equinodermos, bivalvos e crustáceos. A empresa, con sede en Ribeira, está certificada como distribuidora, transformadora e centro de expedición de produtos da pesca artesanal galega, garantindo unha cadea de trazabilidade completa e calidade sistemática.

A empresa selecciona directamente produto fresco nas principais lonxas galegas e dispón dunha rede de distribuidores á que abastece tanto o sector da restauración como outras empresas transformadoras. Os seus procedementos son auditados periodicamente e están orientados á excelencia desde o mar ata o consumidor.