Galicia sabe a orixe

O 28 de maio celebrouse en Madrid a primeira xornada do ciclo “Galicia sabe a orixe”, impulsado polas consellerías do Medio Rural e do Mar, co apoio de MOM Culinary Institute e o restaurante Bancal. A conselleira María José Gómez e o conselleiro Alfonso Villares asistiron ao evento, centrado na valorización dos produtos galegos.

A xornada contou coa participación do chef executivo do restaurante Bancal, Miguel Vidal, e promoveu a calidade dos alimentos do mar nun formato divulgativo e experimental. Entre os produtos destacados atopábanse peixes e mariscos certificados pola marca pescadeRías de onde se non?, presentes como embaixadores da orixe, da frescura e do compromiso coa pesca artesanal galega.

SALIMAT

Do 5 ao 8 de xuño, a marca pescadeRías de onde senon? participa no 28º Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), en Silleda. A Consellería do Mar conta cun stand institucional con sala de catas, onde se promocionan os produtos do mar galegos.

O xoves 5 e o sábado 7 de xuño celebraranse demostracións de peixe e marisco certificado. Seis empresas participan como expositoras, entre elas Insuapesca S.L., certificada pola marca pescadeRías de onde se non?

Este evento representa unha oportunidade para reforzar a visibilidade da pesca artesanal, difundir a súa calidade e fomentar o seu consumo a través de experiencias culinarias directas co público.

Mercado Mar de Mares

O sábado 7 de xuño ás 12.00 h terá lugar o showcooking «pescadeRías. Tesouros da nosa pesca artesanal» no Mercado Mar de Mares, que se celebrará no Mercado de Abastos de San Agustín da Coruña.

O cociñeiro Moncho Méndez, do restaurante Millo Orzán, , presentará a proposta «Sardiñas ao estilo escandinavo», peixe axul que está no seu momento óptimo de consumo xa que, como di o refrán: por San Xoán a sardiña molla o pan.

Participa no mercado como expositor a empresa certificada Porto-Muiños S.L. O mercado Mar de Mares está enmarcado no Festival Mar de Mares, que se celebra do 6 ao 15 de xuño.

Feiras Internacionais

No mes de xuño a Consellería do Mar asistirá a dúas feiras internacionais para ampliar a proxección internacional dos produtos do mar galegos.

Á Seoul Food & Hotel 2025 de Corea, do 13 ao 15 de xuño, asistirá en colaboración coa Federación Española de Industrias de Alimentación y Bebidas-FIAB. Participarán catro empresas coexpositoras, incluída a empresa certificada Conservas La Brújula S.L.

Na Summer Fancy Food Show de Nova York, do 29 de xuño ao 1 de xullo, a consellería acudirá da man do ICEX , con 8 empresas, entre as que se atopan as entidades certificadas: Costas y Miñán S.L., Conservas La Brújula S.L., Fish Factory S.L. e Conservas Portomar, SLU.

Congreso AECOC en Baiona

A Asociación AECOC celebra en Baiona a 25ª edición do Congreso de Produtos do Mar os días 17 e 18 de xuño. O encontro reúne profesionais da cadea mar-industria para abordar retos actuais como a caída do consumo, os novos hábitos alimentarios, a dispoñibilidade de produto, a regulación crecente ou a sustentabilidade no marco da economía azul.

A marca pescadeRías de onde se non? participará neste espazo para reflexionar, compartir experiencias e explorar vías de colaboración para poñer en valor os produtos do mar galegos. O congreso incluirá mesas de debate e zonas de networking para fomentar o intercambio de ideas entre empresas, administración e distribución.

Pilar Otero únese á Tripulación pescadeRías

Este mes incorpórase á Tripulación pescadeRías Pilar Otero, responsable de administración de Frigoríficos Rosa de los Vientos S.L. e presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA).

Frigoríficos Rosa de los Vientos é unha empresa familiar creada no ano 1991 en Bueu para o procesado e ultraconxelado de polbo capturado na Illa de Ons. Pilar cóntanos a súa historia e a súa evolución como empresa dedicada á produción e comercialización de produtos do mar tanto frescos como conxelados. Unha entrega chea de tradición, cultura e innovación!

Podes ver o vídeo aquí.

Festa do Marisco de Barallobre

O sábado 7 de xullo celebrarase unha nova edición da Festa do Marisco organizada pola Confraría de Pescadores Santiago Apostol de Barallobre, entidade certificada pola marca pescadeRías de onde se non?, en colaboración co Concello de Narón. Nesta ocasión, levarase a cabo no paseo marítimo de Xuvia, en Narón, de 12:00 a 00:00 horas.

Poderanse degustar produtos certificados da lonxa de Barallobre e asistir a dúas demostracións de cociña gratuítas ás 12:00 e 18:30 horas. A confraría instalará un stand expositor con produtos do mar e unha pantalla na que se proxectará un audiovisual para coñecer o proceso desde que se captura o marisco ata que chega ao prato.

Certificacións

Damos a benvida á empresa Peixoto Alimentación S.L., entidade que se dedica á conxelación de polbo nas súas instalacións no Porto de Marín e acaba de certificarse para a transformación de cefalópodos.

En maio leváronse a cabo as auditorías de seguimento da Confraría de Pescadores de Cangas, como lonxa, centro de expedición e distribuidor de produto fresco e transformado, con alcance de bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixes, algas e antozoos; Cultivos Marinos Vilanova S.L., depuradora e centro de expedición pertencente ao distribuidor Mares de Galicia S.A. pasou a auditoría de seguimento co alcance de bivalvos, equinodermos, gasterópodos e crustáceos.

Formación

Durante o mes de maio impartiuse formación aos responsables dos equipos APPCC da Confraría de Pescadores de Miño e de Cíes Artesanais S. Coop. Galega. O obxectivo foi reforzar as capacidades técnicas dos equipos que aplican os sistemas de xestión APPCC nas entidades produtoras.

A correcta implantación destes sistemas é fundamental para garantir a trazabilidade e seguridade alimentaria dos produtos pesqueiros. Esta acción formativa está aliñada cos valores da marca pescadeRías de onde se non?, que aposta pola profesionalización do sector e pola valorización dos recursos pesqueiros galegos mediante a formación continua e o compromiso coa calidade.

Nova entidade: tenda online Lonxa de Sada

A Lonxa de Sada dá un paso máis no seu compromiso coa pesca sostible coa posta en marcha dunha tenda online. Os consumidores poden adquirir peixe azul e marisco fresco, como sardiña, xurelo, centola ou camarón, con total trazabilidade e procedentes da pesca artesanal local.

Coa adhesión da tenda online ao selo pescadeRías de onde se non?, a Lonxa de Sada garante orixe galega, frescura e calidade. Esta nova canle de comercialización achega o produto do mar directamente á mesa dos consumidores, reforzando a visibilidade do traballo das confrarías e facilitando o acceso a produtos frescos e sostibles desde calquera punto de Galicia.