Certificacións

En xuño realizáronse as seguintes auditorías de seguimento:

Mariscos Laxe de Rons S.L. renovou a súa certificación como cetaria, distribuidor e transformador para cefalópodos, crustáceos e peixe, que ofrece marisco fresco e tamén listo para o consumo.

Cíes Artesanais S. Coop. Galega, cooperativa de pescadores da ría de Vigo, mantén a súa certificación para a primeira venda de bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe nas lonxas de Vigo.

Insuapesca S.L., distribuidora instalada no porto de Portosín, renovou certificación en peixe, cefalópodos e crustáceos.

En xuño tamén se realizou a auditoría de certificación inicial da Confraría de Pescadores de Miño para primeira venda de bivalvos.

A entidade do mes: Confraría de Cangas

A Confraría de Pescadores San José de Cangas iniciou a súa certificación na marca pescadeRías de onde se non? no ano 2012. Na actualidade, o seu alcance inclúe bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixe, algas e antozoos.

A súa actividade abrangue a primeira venda en lonxa, a expedición de produtos procedentes de zonas A, a distribución de produto fresco e transformado, así como a venda a consumidor final. Colabora con depuradoras e empresas tamén certificadas para garantir a calidade ao longo de toda a cadea.

En 2023, a confraría lanzou ao mercado a liña gourmet NavalladasCíes, unha conserva artesanal en aceite de oliva con navallas de alta calidade, capturadas polos mergulladores/as da confraría.

A especie do mes: o lumbrigante

O lumbrigante galego (Homarus gammarus) é un dos mariscos máis prezados pola súa calidade gastronómica. Vive en fondos rochosos de ata 150 metros, aínda que se localiza sobre todo por debaixo dos 40, e captúrase de forma artesanal con nasas e, ocasionalmente, con artes de enmalle.

É unha especie de crecemento lento e moi voraz. Aliméntase de cefalópodos e pequenos peixes, e destaca polo seu alto valor nutricional: achega proteínas, Omega-3, vitaminas do grupo B e minerais como fósforo, zinc e selenio.

Comercialízase fresco e consúmese principalmente nos meses de verán. Cocido, á prancha ou en arroces, o lumbrigante galego é sinónimo de sabor do mar.

Podes ampliar a información aquí.

O mapa secreto do marisco galego

No artigo deste mes, o investigador do CSIC Antonio Figueras achéganos os resultados dun estudo desenvolvido nas Rías Altas galegas, centrado na distribución de seis especies de bivalvos comerciais. A investigación, baseada en máis de 3.000 mostras recollidas en 51 bancos marisqueiros, identifica os principais factores hidrográficos e sedimentarios que determinan a presenza e rendemento destas especies. As conclusións achegan evidencias útiles para a mellora da xestión marisqueira, destacando o papel dos gradientes de salinidade, o tipo de substrato e a dispoñibilidade de nutrientes.

O estudo completo ofrece tamén ferramentas para anticipar o impacto do cambio climático sobre os ecosistemas intermareais e a súa produtividade.

Podes acceder ao artigo aquí.

A receita do mes: xarda con allo branco de mexillóns

O cociñeiro Marcos Arufe, do Espazo Remollo de Ames, preséntanos unha receita de xarda semicurada con allobranco de mexillóns, que formou parte da cata pescadeRías de onde se non? no Fórum Gastronómico de Galicia.

A elaboración combina lombos de xarda curados e mariñados nunha mestura de mel, salsa tamari e kimchee, cunha crema fría feita con améndoas, mexillóns, xenxibre, miso branco e pan galego. O peixe sérvese sobre o allobranco e decórase con ceboliña, cebola vermella envinagrada e fíos de chile. Un prato fresco, saboroso e con produto do mar como protagonista, que mestura tradición e creatividade cun resultado equilibrado e cheo de matices.

Podes ver a receita completa aquí.

Volven aos mercados a nécora, o lumbrigante e o polbo capturados en augas galegas

Co inicio do mes de xullo, volven aos mercados tres especies moi prezadas e fundamentais para a frota artesanal galega: a nécora (Necora puber), o lumbrigante (Homarus gammarus) e o polbo (Octopus vulgaris). A apertura das súas respectivas vedas permite retomar a súa captura e comercialización, coincidindo coa alta demanda estival.

Tamén acaba de comezar a campaña do boliche nas rías galegas, unha arte tradicional empregada para a pesca da lura (Loligo vulgaris) e outras especies acompañantes. Esta actividade prolongarase ata o 31 de outubro, ofrecendo un produto fresco de proximidade e con garantías de trazabilidade e calidade.

En contraposición, outras especies entraron en veda. A centola (Maja brachydactyla), protagonista da tempada outono-inverno, iniciou a súa veda no mes de xuño e non volverá aos mercados ata novembro. Así mesmo, o vindeiro 21 de xullo comezará a veda do choco (Sepia officinalis) nas rías de Vigo e Pontevedra, que se estenderá ata o 31 de outubro.

Este calendario de vedas e campañas busca garantir un equilibrio entre actividade extractiva e conservación mariña que permita respectar os ciclos naturais das especies e promover un consumo responsable.