Bo Nadal!

Chegamos ao último boletín do ano e queremos agradecervos que nos acompañarades no camiño de poñer en valor os peixes e mariscos da nosa pesca artesanal.

A todas as empresas certificadas e adheridas, ás persoas prescritoras, colaboradoras e consumidoras, queremos trasladarvos o noso agradecemento polo compromiso, a confianza e o traballo compartido. Cada unha de vós contribuídes a que pescadeRías de onde se non? siga garantindo a calidade, frescura, orixe e sustentabilidade dos peixes e mariscos da nosa costa.

Que o ano novo traia prosperidade, boa mar e novas oportunidades para seguir coidando o noso mar e o seu futuro.

Bo Nadal e moitas grazas por formar parte deste proxecto.

Estivemos en Xantar e Etiqueta Negra

Os produtos da pesca artesanal galega tiveron unha presenza destacada nas feiras Xantar e Etiqueta Negra, dúas citas gastronómicas de referencia na nosa comunidade. O público puido coñecer de primeira man a calidade e o valor do peixe e marisco de proximidade a través de degustacións, showcookings e actividades divulgativas.

Entre as intervencións máis salientables de Etiqueta Negra, Héctor López, do Restaurante España de Lugo, presentou creacións elaboradas con robaliza e berberechos certificados, poñendo en valor a versatilidade destes produtos. A participación en ambas feiras reforzou a difusión da pesca artesanal como recurso sostible e de alta calidade.

Podes ver un vídeo resumo cos mellores momentos aquí.

Pasión por el pescado en Canal Cocina

Canal Cocina estreará o martes 9 de decembro, ás 21:30 h, Pasión por el pescado, unha nova produción na que os produtos da pesca artesanal galega toman o protagonismo da man do chef Manuel Costiña.

O xefe de cociña do Retiro da Costiña, con dúas estrelas Michelin, amosará como traballar peixes e mariscos de proximidade, profundando nas técnicas de manipulación, limpeza e cocción que realzan a súa calidade.

O sanmartiño, a pescada e outras especies emblemáticas serán a base das súas propostas, pensadas para poñer en valor o sabor auténtico e a versatilidade dos produtos frescos do mar.

Podes ver aquí un avance do programa.

Entidades certificadas

No mes de novembro realizáronse auditorías de seguimento a dúas entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?, co obxectivo de verificar o mantemento dos requisitos de calidade, trazabilidade e control.

En Pescados y Mariscos del Noroeste S.L. avaliouse a súa actividade como distribuidor, cetaria e transformador, cun alcance de certificación que inclúe peixe e crustáceos.

Na Confraría de Pescadores de Aguiño realizouse o seguimento da súa lonxa, certificada para bivalvos, crustáceos e equinodermos.

Estas auditorías garanten que ambas entidades continúen ofrecendo produtos da pesca artesanal baixo os estándares esixidos pola marca.

Actividades formativas

En novembro desenvolvéronse diversas accións formativas dirixidas a entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?, co obxectivo de reforzar a seguridade alimentaria e a trazabilidade dos produtos certificados.

En Da Lonxa ao Prato S.L. impartíuse formación en hixiene e manipulación de alimentos tanto ao persoal de planta como ao persoal de oficina.

En Mariscos Calimar S.L. realizouse unha sesión de hixiene e manipulación dirixida ao persoal de planta e outra centrada nos sistemas APPCC, destinada ao equipo de administración.

Estas actividades contribúen a garantir procesos seguros e unha xestión rigorosa dos produtos da pesca artesanal.

Novos restaurantes na marca

En novembro incorporamos á marca pescadeRías de onde se non? a catro novos establecementos que apostan pola calidade e pola pesca artesanal galega: Terras Meigas – Catering de Pulpeiros, en Elche; O Escabeche Culturtasca de Mugardos; Muíño do Vento de Fene e Fame Kanalla de Narón.

Estes negocios ofrecen nos seus servizos peixe e marisco do día procedentes das lonxas galegas. A súa adhesión reforza a presenza da marca na comarca de Ferrolterra e achega aos consumidores propostas gastronómicas que poñen en valor os produtos capturados pola frota artesanal galega.

Agradecemos a súa confianza e o seu compromiso coa pesca artesanal e a sustentabilidade.

Nova adhesión: Peixería Carmiña

Damos a benvida á marca pescadeRías de onde se non? a Peixería Carmiña, situada no Mercado Municipal de Carballo. Este establecemento tradicional súmase ao proxecto coa súa aposta firme polos produtos da pesca artesanal galega, ofrecendo peixe e marisco de proximidade, seleccionado directamente nas lonxas e con total garantía de frescura, orixe e trazabilidade.

A incorporación de Peixería Carmiña supón unha nova canle para dar visibilidade aos produtos da frota artesanal e achega unha opción segura e de confianza para mercar produto do mar de alta calidade.

Celebramos a súa adhesión e o seu compromiso coa nosa pesca artesanal.

Julio Fernández únese á Tripulación pescadeRías

Este mes, en Tripulación pescadeRías visitamos Mariscos Islas Cíes S.L. para coñecer de preto o traballo de Julio Fernández nunha depuradora de moluscos e cetárea de mariscos.

Ao longo da visita, Julio explícanos o proceso de depuración, as especies que comercializan, os seus produtos estrela e o sistema de clasificación por tamaños, mostrando o coidado e a precisión que require cada tarefa. A experiencia permítenos descubrir desde dentro o labor imprescindible que garante a calidade, a frescura e a trazabilidade do marisco que chega ás nosas mesas.

Podes ver o vídeo completo aquí.

Especie do mes: alfóndega

A alfóndega (Chelidonichthys lucerna) é un peixe de corpo cónico, escamas pequenas e cabeza grande e angulosa. O dorso presenta tons pardo-avermellados e destaca polas aletas pectorais cos radios inferiores libres, que lle permiten desprazarse polo fondo.

Habita en fondos de area, fango ou grava entre 20 e 300 m de profundidade e aliméntase de crustáceos e moluscos. Distribúese no Atlántico oriental, de Noruega a Senegal, e no Mediterráneo. É unha especie común nas lonxas galegas e moi apreciada pola firmeza e sabor da súa carne. A frota artesanal captúraa con trasmallos e palangre de fondo.

Amplía a información aquí.

Índice gonadal do ourizo na zona V

O artigo deste mes, elaborado por un equipo multidisciplinar formado polas asistencias técnicas das confrarías de Lira, Fisterra e Corcubión, un técnico da Xefatura Territorial da Coruña e un investigador do Cima, analiza os factores ambientais que condicionan o ciclo reprodutivo do ourizo.

O estudo destaca o papel da temperatura da auga, da dispoñibilidade de macroalgas, da dinámica do afloramento costeiro e do cambio climático, variables que inflúen directamente no desenvolvemento das gónadas e no momento da posta. Unha información esencial para comprender e xestionar este recurso clave da pesca artesanal.

Podes ler o artigo aquí.