Salón Gourmets 2025

A marca pescadeRías, de onde se non? estivo presente na 38ª edición do Salón Gourmets, coa celebración do Día da Cociña Atlántica e das catas organizadas no stand institucional da Consellería do Mar. No día da Cociña Atlántica, Javier Olleros e Lucía Freitas cociñaron produtos certificados da pesca artesanal galega ante un público especializado.

Participaron como coexpositores as seguintes entidades certificadas: Fish Factory, S.L, Porto-Muiños, S.L., Mares de Galicia S.A., Conservas Portomar SLU., Conservas La Brújula, S.L., Artesa Rías Baixas S.L., O Percebeiro S.L., Conservera Gallega S.A. e Costas y Miñán S.L.

Podes ver un vídeo resumo aquí.

Alberto Carou únese á Tripulación pescadeRías

Este mes incorpórase á Tripulación pescadeRías Alberto Carou, cociñeiro e propietario do Curral do Marqués, en Taragoña, Rianxo. Alberto ábrenos as portas do seu restaurante e da súa cociña para compartir unha receita moi querida da súa tradición familiar: as ameixas de María A Pilota.

Ademais, falamos dos seus inicios na cociña, das lonxas onde se abastece e dos seus consellos para cociñar con produto fresco da pesca artesanal galega.

Unha entrega chea de sabor, tradición e paixón polo mar!

Podes ver o vídeo aquí.

Certificacións

O pasado mes realizáronse as auditorías de seguimento de tres entidades:

A Confraría de Pescadores de Noia, certificada para bivalvos, pasou a auditoría do centro de venda do Freixo.

Mariscos Comesaña S.L., no Porto de Marín, está certificado para equinodermos, crustáceos, peixe, antozoos e cefalópodos. Destaca na distribución de produtos da pesca artesanal galega.

Conservera Gallega S.A., en Vilanova de Arousa, está certificada para a transformación de bivalvos. Elabora conservas de xeito tradicional, seleccionando e empacando os produtos a man cunha presentación coidada.

Formación

En abril recibiron formación en Hixiene e Manipulación de Alimentos o patrón maior, a asistencia técnica e o persoal administrativo da Confraría de Pescadores de Miño. Esta acción, orientada á implantación do sistema APPCC (Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico), busca formar ao equipo no aseguramento da calidade e seguridade dos produtos.

A formación enmárcase no proceso de preparación para a obtención da certificación pescadeRías de onde se non?, que garante a orixe e frescura dos produtos do mar, reforzando o compromiso da confraría coa sustentabilidade e a trazabilidade.

Novos restaurantes adheridos

Damos a benvida á marca pescadeRías, de onde se non? a dous novos establecementos de hostalaría: o Restaurante A Carboeira e La Ratona.

A Carboeira, en Miño, ofrece cociña galega elaborada á grella cos mellores peixes e mariscos de proximidade, e forma parte da marca “Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo”.

La Ratona, en Barizo (Malpica), é unha homenaxe á bravura do mar, aos cantís que debuxan a costa galega e á natureza. Un espazo onde se mesturan arte, cultura e gastronomía local nunha proposta auténtica.

Nova peixería adherida: Oso Polar

A Peixería Oso Polar, en Cee, súmase á marca pescadeRías, de onde se non?, afianzando o seu compromiso coa pesca artesanal galega. Baixo unha nova dirección, o establecemento continúa a ofrecer produtos do mar frescos, de calidade e proximidade.

A súa oferta inclúe peixes e mariscos procedentes das lonxas de Fisterra e Corcubión, capturados de xeito artesanal e coa garantía da certificación de orixe.

A peixería realiza envíos a toda a península e ás Illas Baleares, achegando o mellor do mar galego aos residentes noutras comunidades.

A especie do mes: O Rodaballo

O rodaballo (Psetta maxima) é un peixe bentónico, plano e asimétrico, cunha excelente reputación na gastronomía galega pola calidade e sabor da súa carne. Habita fondos areosos ata os 150 m de profundidade e reprodúcese entre a primavera e o verán. A flota artesanal galega captúrao con artes de enmalle e anzol, principalmente entre marzo e agosto.

Pode prepararse ao forno, á prancha, en caldeirada ou guisado. É un dos peixes máis apreciados da nosa cociña pola súa textura fina e sabor delicado.

Podes ampliar a información aquí.

A entidade do mes: Cíes Artesanais, S. Coop. Galega

Cíes Artesanais S. Coop. Galega nace en 2006 da fusión de dúas cooperativas da ría de Vigo e conta hoxe con preto de setenta socios e socias. Dende xullo de 2022 está certificada pola marca pescadeRías, de onde se non? para peixes, bivalvos, crustáceos e cefalópodos.

Desenvolve a súa actividade no Porto Pesqueiro de Vigo, onde realiza a primeira venda das capturas de embarcacións propias e tamén doutras procedentes da flota de baixura de diferentes portos das Rías Baixas. Dispón de instalacións para descarga e almacenamento na Lonxa de Vigo.

Peches de campaña

A campaña de extracción de ourizo de mar (Paracentrotus lividus) en Galicia chegou ao seu fin o pasado 30 de abril. A veda manterase ata o outono, cando poderá retomarse a actividade nos meses de outubro ou novembro, dependendo das zonas e dos plans de xestión das entidades.

Este peche temporal coincide coa etapa de reprodución natural da especie, que adoita producirse nos meses de marzo e abril. 

O produto, considerado un manxar, conta cunha importante demanda tanto no mercado nacional como internacional.

PERMEX

O Departamento Territorial da Consellería do Mar da Coruña estableceu o calendario para a renovación dos Permisos de explotación de recursos específicos a pé nas modalidades de percebe, ourizo, anemones, poliquetos e algas para o ano 2026. Podes consultar a resolución aquí.

A Dirección Territorial da Consellería do Mar da Coruña publicou o calendario para a renovación do permiso de explotación de marisqueo a pé na modalidade xeral para o ano 2026. Podes consultar a resolución aquí.

As solicitudes deberán ser enviadas ás xefaturas indicadas nas respectivas resolucións e poderán presentarse directamente ou a través das entidades asociativas do sector.