XII Xuntanza de Bloggers Gastronómicos de Galicia

A marca pescadeRías de onde se non? estará presente nos menús que se degustarán na XII Xuntanza de Bloggers Gastronómicos de Galicia que terá lugar os días 14 e 15 de setembro. Durante estes dous días, os bloggers percorrerán a comarca do Salnés, cun programa de experiencias gastronómicas e turísticas que compartirán cos seus seguidores/as a través das súas canles e redes sociais.

Un dos puntos centrais desta xuntanza será o menú elaborado pola cociñeira Sefita de Monteagudo na bodega Gran Bazán de Vilanova de Arousa. Os bloggers poderán degustar polbo, rodaballo e berberechos procedentes da pesca artesanal galega e certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

Esperamos que nolo conten!

O Mar en Tapas

A OPP20 Illa de Arousa organizará o 14 de setembro a II Edición da súa ruta “O mar en tapas”. Nesta edición, na que participarán 15 establecementos de hostalería da Illa de Arousa, os produtos protagonistas serán a navalla e o longueirón capturados por mergulladores locais e certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

Realizarase un sorteo de 2 quilos de marisco da Illa entre aquelas persoas que completen os selos do folleto que se lles facilitará coa primeira tapa. O público tamén poderá votar para escoller a mellor tapa, e o local que obteña a maior puntuación recibirá un diploma de recoñecemento.

Toda a información sobre os locais, horarios e tapas aquí.

Formación en APPCC

No mes de agosto impartiuse formación en materia de Análise de Perigos e Puntos de Control Críticos -APPCC ao equipo administrativo e a asistencia técnica da Confraría de Pescadores de Mugardos.

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. A plantilla das entidades certificadas debe coñecer tanto o manual de xestión da marca pescadeRías de onde se non? como as súas responsabilidades e funcións.

O equipo de xestión da marca imparte formación aos distintos axentes certificados para que poidan aplicar estes coñecementos no seu día a día.

Consúltanos.

Axudas

Están convocadas as seguintes axudas da Consellería do Mar:

Axudas autonómicas para a paralización temporal das persoas mariscadoras a pé. Información aquí.

Axudas a proxectos de rexeneración que permitan mellorar a produtividade dos bancos marisqueiros con problemas de perda de produción e que contribúan á mellora da xestión e conservación sustentables dos recursos mariños. Información aquí.

Axudas para accións formativas que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro. Información aquí.

Xarda vs. Xarda Pintada

A xarda (Scomber scombrus) e a xarda pintada (Scomber colias) son dous peixes pertencentes ao mesmo xénero, pero distinta especie. Teñen características físicas similares, que en ocasións poden confundirnos.

A principal diferenza a simple vista é a apariencia do ventre, que no caso da xarda é prateado e sen manchas, mentras que na xarda pintada presenta unhas manchas escuras difusas. Cando temos os dous peixes xuntos e podemos comparalos entre si, obsérvase que a xarda ten o corpo máis esvelto que a xarda pintada, que pola contra é máis redondeada. Ademais, a xarda ten os ollos máis pequenos que a xarda pintada.

Podes ampliar a imaxe aquí.

A entidade do mes: Cetaria Salitre

A entidade deste mes é a Cetaria Salitre, ubicada en Porto de Son, que conta cun punto de venda físico e tenda en liña. Desde o ano 2020 ofrecen ao público todo tipo de crustáceos e moluscos procedentes da pesca artesanal e local. Tamén venden peixe baixo pedido e conservas artesanais de peixes e mariscos de alta gama.

Contan coa certificación pescadeRías de onde se non? para as actividades de cetaria e distribución de crustáceos, cefalópodos, bivalvos e peixes.

Realizan envíos a toda a península e Baleares, e tamén a outros países, entre eles Portugal, Francia e Alemania.

Máis información aquí.

A especie do mes: carneiro

A especie do mes do noso boletín é o carneiro (Venus verrucosa), un molusco bivalvo que estaba pouco presente nos puntos de venda en fresco e ata hai pouco tempo se destinaba fundamentalmente á conserva. Na actualidade este recurso está despegando nas cociñas, e numerosos cociñeiros e cociñeiras de renome están apostando por incorporalo nas súas propostas gastronómicas.

Trátase dun bivalvo de forma case circular e valvas moi grosas de cor parda, que presentan surcos moi pronunciados. Captúrase con artes de marisqueo desde embarcación, en fondos de area algo lamacentos.

Podes ampliar a información aquí.

Proxecto Hippo-DEC

O grupo de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo Hippo-DEC (IIM-Vigo CSIC) liderado por Miquel Planas  e Jorge Urcera está a avaliar a situación actual das poboacións salvaxes de cabaliños de mar no litoral español para identificar zonas de protección e propoñer medidas de conservación.

O rexistro dos avistamentos de exemplares, tanto vivos como mortos, é fundamental para levar a cabo este proxecto. O grupo de investigación Hippo-DEC solicita a colaboración dos profesionais do sector marítimo pesqueiro galego na comunicación dos avistamentos de cabaliño de mar que teñan oportunidade de realizar no seu día a día. Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes

A receita do mes é unha saborosa elaboración que ten como ingrediente principal un dos moluscos estrela das nosas rías: a vieira. Nesta ocasión, trátase dun bocado presentado na última edición da Festa da Vieira de Cambados polo cociñeiro e comunicador Xoanqui Ameixeiras: un boliño de vieiras con mollo do seu coral que fixo as delicias do público.

Un bocado exquisito e orixinal que agora podemos reproducir nas nosas casas, pois non puidemos resistirnos a pedirlle a receita. Está disponible na sección de receitas do sitio web da marca e tamén podes consultala aquí.

pescadeRías de onde se non? no FICBUEU 2024

A 17ª Edición do Festival Internacional de Cinema de Bueu FICBUEU, que comeza o 6 de setembro, exercerá de escaparate internacional das bondades e calidade dos produtos certificados da pesca artesanal galega.

O certame contará novamente coa colaboración da Consellería do Mar e o selo pescadeRías de onde se non? para organizar unha degustación gastronómica cos convidados/as o día 14 de setembro na praza de abastos de Bueu. A actividade pilotará sobre tres eixos: os produtos da pesca artesanal galega, a trazabilidade dos produtos do mar e a marca pescadeRías de onde se non?. A elaboración correrá a cargo do equipo de cociña do Bar Restaurante O Souto de Pontevedra, adherido á marca.

Está confirmada a asistencia de 25 persoas, todas elas profesionais do audiovisual e procedentes de Galicia, Madrid, Alicante, Valencia, Estonia, Suiza, Finlandia, Serbia, Italia e Estados Unidos.

Toda a información do FICBUEU aquí.