Madrid Fusión

A Consellería do Mar estará presente na 23ª edición do Congreso Madrid Fusión Alimentos de España 2025, que terá lugar do 27 ao 29 de xaneiro. Neste destacado evento gastronómico, o stand institucional contará coa participación de dez empresas coexpositoras, entre as que se inclúen Artesa Rías Baixas, S.L., O Percebeiro S.L., HQ Seaweed S.L. e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre. Estas entidades presentarán os produtos da pesca artesanal galega certificados pola marca pescadeRías de onde se non?, destacando a súa calidade e orixe.

Madrid Fusión 2025 é un referente mundial no sector gastronómico, como o demostran as cifras da pasada edición, que reuniu preto de 200.000 visitantes, máis de 2.000 expositores e 15.000 xornalistas acreditados.

Especie do mes: Camarón

O camarón común (Palaemon serratus) ten un rostro longo e un corpo semitransparente comprimido lateralmente. A cabeza presenta liñas debuxadas en sentido lonxitudinal e oblicuo, liñas que tamén están presentes no abdome, aínda que son máis curtas e transversais. A diferenza da quisquilla, o camarón ten a cabeza moi triangular e aguzada (cun potente rostro) e ten dous pares de pinzas que non ten aquela.

Vive preto da costa, en augas de pouca profundidade e tranquilas, sobre fondos de rochas ou con moita vexetación (pódense atopar incluso nas pozas da baixamar). Captúrase con nasas durante todo o ano, aínda que a súa extracción cunha nasa específica para nécora e camarón só se fai cando esta arte está permitida, na época na que a nécora non está vedada.

Podes ampliar a información aquí.

Entidades certificadas

No pasado mes de decembro realizouse a auditoría de seguimento de Conservas Artesanas Curricán S.L., empresa ubicada en Xove (Lugo) certificada para a transformación de cefalópodos. Baixo a súa recoñecida marca Currimar, comercializan produtos de alta calidade capturados mediante técnicas de pesca tradicionais e sostibles. Entre eles destaca o polbo procedente de lonxas e distribuidores certificados pola marca pescadeRías de onde se non?.

O seu obrador artesanal é un exemplo de tradición e coidado, onde cada conserva é empacada a man seguindo as receitas tradicionais da costa de Lugo. Entre as súas especialidades destacan o polbo en aceite de oliva virxe extra e as fabas de Lourenzá con polbo, unha combinación única que honra o sabor da gastronomía galega.

Formación

O pasado mes, o servizo de xestión da marca de calidade da pesca artesanal galega pescadeRías de onde se non? impartiu formación a diversos profesionais do sector, relacionada coas boas prácticas para garantir a calidade, trazabilidade e seguridade alimentaria dos produtos do mar.

Na Confraría de Pescadores de Porto do Son levouse a cabo unha sesión formativa centrada na hixiene e manipulación de alimentos, dirixida ao persoal de lonxa, asistencia técnica e ao vixiante.

En Pescados Loureda, empresa actualmente en proceso de certificación, impartíronse coñecementos específicos sobre análise de perigos e puntos de control críticos (APPC), promovendo a implementación de procesos que aseguren a trazabilidade dos seus produtos.

PERMEX

O Departamento Territorial da Consellería do Mar en Vigo convocou o proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación para embarcacións ao abeiro do plan de xestión de moluscos bivalvos en zona de autorización, da confraría de pescadores de Baiona.

Podes consultar a resolución da convocatoria aquí.

Podes consultar o baremo para incrementar o número de cotas nas embarcacións que xa participan nun plan de xestión, e para acceder á modalidade de marisqueo con vara no permiso de explotación no marco dun plan de xestión aquí.

Podes consultar o catálogo de actividades formativas recoñecidas como mérito para acceder á modalidade de marisqueo con vara aquí.

A entidade do mes: Mariscos Comesaña S.L.

Mariscos Comesaña, S.L., con sede no porto de Marín, destaca como unha empresa pioneira na distribución de peixes e mariscos certificados pola marca pescadeRías de onde se non?, un recoñecemento que posúe desde o ano 2008. A certificación avala o seu compromiso coa calidade e sostibilidade, abarcando a distribución de crustáceos, equinodermos, cefalópodos, antozoos e peixes procedentes da pesca artesanal galega.

A través da súa tenda en liña Sal y Laurel, Mariscos Comesaña achega produtos frescos e de proximidade á Península Ibérica e Baleares, converténdose nun referente para consumidores e profesionais da gastronomía que buscan a excelencia nos sabores do mar. Unha opción perfecta para levar a calidade das rías galegas directamente á túa mesa.

Aperturas e peches

O pasado 5 de xaneiro, o santiaguiño (Scyllarus artus), a nécora (Necora puber) e a lagosta (Palinurus elephas) despedíronse temporalmente dos mercados galegos ao entrar en veda, unha medida que busca garantir a súa conservación e sostibilidade. Tamén o día 3 rematou a campaña de marisqueo en Noia, que agora pecha de forma temporal tras o período de Nadal.

Por outra banda, o 2 de xaneiro deu comezo a campaña de pesca da lamprea de mar (Petromyzon marinus) no tramo internacional do río Miño, onde están autorizadas artes tradicionais como a rede lampreeira de tres panos e a nasa butrón. A Confraría de Pescadores Santa Tecla de A Guarda, certificada pola marca pescadeRías de onde se non?, lidera a primeira venda deste prezado manxar en Galicia.

Axudas á primeira adquisición dun buque pesqueiro

A Consellería do Mar abriu a convocatoria de axudas para o ano 2025, destinadas a tripulantes de buques pesqueiros. Estas subvencións buscan fomentar actividades pesqueiras que sexan sostibles nos ámbitos económico, social e medioambiental.

Poderán acceder a estas axudas as persoas que cumpran os requisitos establecidos na orde de convocatoria, cun procedemento en réxime de concorrencia competitiva.

As solicitudes deben presentarse antes do 20 de xaneiro de 2025, ás 23:59 horas, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Para consultar os detalles, requisitos e documentación necesaria, pode acceder á información completa aquí.

Proxecto ESClimaTIC

Laura Vidal Bralo, doutora en Bioloxía e coordinadora de sustentabilidade da cooperativa Dalle que dalle, preséntanos os resultados do proxecto ESClimaTIC (acrónimo de Estratexia, Clima e Tecnoloxías da Información e Comunicación), na que participaron varias confrarías da ría de Arousa.

Un equipo técnico composto por persoas con diversos perfís das confrarías da Pobra do Caramiñal, da Pastoriza de Vilanova, de San Martiño do Grove e de San Antonio de Cambados adaptou ao contexto pesqueiro-marisqueiro local a Climate-Resilient Fisheries Planning Tool (CRF), unha metodoloxía desenvolvida pola SNAPP (Science for Nature and People Partnership). Esta ferramenta facilita a toma de decisións estratéxicas das PEMEs locais, promovendo a súa resiliencia climática e a sustentabilidade das actividades que desenvolven.

Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes

Mariví Otero, cociñeira do Chiringuito Coco Bao na Illa de Arousa, comparte as claves para preparar unha receita sinxela e deliciosa: carneiros á tixola en salsa verde. Este molusco, versátil e cheo de posibilidades, está gañando protagonismo tanto nos mercados como nas cociñas dos restaurantes.

Con poucos ingredientes e un proceso doado de seguir, esta proposta é ideal para quen desexe iniciarse na cociña co carneiro, gozando do seu sabor único e fresco.

A receita formou parte do Obradoiro de Cociña con Algas e Mariscos, organizado pola OPP20 Illa de Arousa e impartido por Mariví Otero no Chiringuito Coco Bao. Unha experiencia que une tradición, innovación e o amor polos produtos do mar galego.

Podes ver a receita completa aquí.