Tres novas citas internacionais para a promoción dos produtos da pesca artesanal galega

O mes de maio será clave para a proxección internacional dos produtos do mar galegos, con presenza destacada en tres importantes eventos: Seafood Expo Global (Barcelona), Tutto Food (Milán) e PLMA (Ámsterdam). A Consellería do Mar contará con stands institucionais nas tres citas, que servirán de plataforma de apoio ás  empresas do sector mar-industria.

Á Seafood Expo Global de Barcelona, do 6 ao 8 de maio, acudirán 38 empresas coexpositoras. Entre elas, destacan seis entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Frigoríficos de Camariñas S.L., Mariscos Daporta S.L., Mares de Galicia S.A., O Percebeiro S.L., Conservas La Brújula S.L. e Porto-Muiños S.L. Trátase dun dos encontros máis relevantes a nivel mundial da industria de produtos da pesca e a acuicultura, e espérase a asistencia de máis de 35.000 profesionais.

En Tutto Food (Milán), do 5 ao 8 de maio, feira de referencia para a industria alimentaria europea, estarán presentes 12 empresas galegas, incluída Costas y Miñán S.L., certificada pola marca pescadeRías de onde se non? Tutto Food é unha feira internacional especializada en alimentos e bebidas dirixida a profesionais.

A terceira cita será a PLMA’s World of Private Label en Ámsterdam, os días 20 e 21 de maio. A Consellería participará  xunto con 12 empresas, entre as que se atopan dúas entidades certificadas: Costas y Miñán S.L. e Conservas Portomar SLU. Esta asistencia forma parte dunha colaboración coa Federación Española de Industrias de Alimentación y Bebidas.

Ademais, a Consellería tamén terá presenza noutras dúas citas de referencia para o sector: Expomar (Burela, 7-10 de maio) e Aquafuture Spain (Vigo, 20-21 de maio), consolidando así o seu apoio á proxección da pesca artesanal galega.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *