A marca achégase aos futuros profesionais da hostalaría

pescadeRías de onde se non? continúa achegando os valores da pesca artesanal galega aos futuros profesionais da hostalaría a través de novas accións formativas.

O alumnado do Obradoiro de Hostalaría do Salnés de Sanxenxo, participou nunha visita á praza de abastos de Portonovo, seguida dunha charla sobre a marca e dun taller práctico para aprender a diferenciar distintas especies de moluscos.

O alumnado do Obradoiro de Hostalaría Marín II, tivo unha sesión dedicada á marca, ás artes de pesca e aos produtos certificados, que se completou cun taller práctico.

Estas actividades permiten achegar ao alumnado coñecementos sobre a orixe, a trazabilidade e a identificación dos produtos pesqueiros.

Aperturas e peches de campaña

Outubro trae novidades aos mercados galegos. Comeza a campaña do ourizo (Paracentrotus lividus), que se estenderá ata marzo ou abril, segundo as zonas e os plans de xestión das entidades. Tamén se abre a veda do santiaguiño (Scyllarus arctus), que poderá capturarse ata o 31 de decembro.

Na ría de Vigo arranca a campaña da vieira (Pecten maximus), coa participación da Confraría de Cangas e a evisceración a cargo de Porto de Cambados e Artesa Rías Baixas.

En Noia, a campaña marisqueira comezará o 13 de outubro, coa participación de case 1.400 profesionais.

Mentres comezan estas campañas, outras rematan: a lagosta (Palinurus elephas) despediuse dos mercados o 30 de setembro.

Tripulación pescadeRías: Gumersindo Feijoo

Este mes, en Tripulación pescadeRías, conversamos con Gumersindo Feijoo, director do CRETUS da Universidade de Santiago de Compostela, para coñecer como a investigación pode contribuír a avanzar cara a unha pesca máis sostible.

Abordamos cuestións como a pegada de carbono dos peixes e mariscos, a taxa de retorno enerxético e a relación entre nutrición e sustentabilidade. Tamén nos achegamos ao ecoetiquetado e ao proxecto Pescaenverde, centrado en avaliar e comunicar o impacto ambiental dos produtos pesqueiros.

Ademais, coñeceremos os novos proxectos de investigación e divulgación relacionados coa pesca artesanal galega nos que está a traballar.

Podes ver a reportaxe aquí.

Entidades usuarias da marca

Durante o mes de setembro realizáronse novas auditorías a entidades usuarias de pescadeRías de onde se non? para renovar a súa certificación.

Na Confraría de Pescadores de Arcade levouse a cabo o proceso de recertificación para a comercialización de bivalvos amparados pola marca.

Tamén se realizou a auditoría de recertificación de José María Daporta Leiro e Hijos S.L., como depuradora, cetárea e centro de expedición, cun alcance que inclúe bivalvos e crustáceos.

Estes procesos permiten verificar o cumprimento dos requisitos establecidos pola marca e reforzar as garantías de orixe e trazabilidade dos produtos certificados.

Novos restaurantes adheridos: BaceLo e Ronsel

A rede de restaurantes adheridos a pescadeRías de onde se non? suma dous novos establecementos: BaceLo, en Ferrol, e Ronsel, en Cabo de Cruz.

Situado no barrio da Magdalena, BaceLo aposta por unha cociña tradicional actualizada, con protagonismo do produto e pequenos toques de vangarda. Poucos meses despois da súa apertura entrou na selección de restaurantes recomendados pola Guía Michelin.

Pola súa banda, Ronsel, situado no Náutico de Cabo de Cruz, ofrece unha cociña estreitamente ligada ao mar e ao territorio. Peixes e mariscos da ría, produto local e de tempada e preparacións á brasa protagonizan unha proposta baseada na proximidade, na orixe e no respecto polo produto.

A especie do mes: ourizo

O ourizo de mar (Paracentrotus lividus) é un equinodermo de corpo redondeado, cuberto de espiñas fortes e longas, que pode alcanzar os 7 cm de diámetro. A súa coloración varía do morado ao verde escuro e pardo.

Habita en fondos rochosos, desde a zona intermareal ata os 30 m de profundidade, onde se alimenta sobre todo de algas. É unha especie habitual no litoral galego.

Do ourizo consómense as gónadas, moi apreciadas polo seu intenso sabor a mar e textura cremosa. Pódense degustar crúas ou empregar en revoltos, arroces, pastas, sopas, mollos e cremas. Tamén se comercializan en conserva e utilízanse para elaborar patés e maionesas.

Podes ampliar a información aquí.

Entidade do mes: Mariscos Malliño

Con máis de 75 anos de traxectoria, Mariscos Malliño S.L. é unha empresa familiar galega dedicada desde 1948 á distribución e comercialización de mariscos. Unha longa experiencia ligada ao mar e ao coñecemento do produto, coa calidade e a orixe como piares da súa actividade.

Desde 2013 está certificada por pescadeRías de onde se non? como depuradora e distribuidora de bivalvos.  A certificación permite identificar e acreditar a procedencia dos produtos amparados pola marca e garantir a súa trazabilidade ao longo da cadea de comercialización.

Unha empresa con décadas de experiencia que mantén o seu compromiso co produto galego e cunha comercialización responsable.

Cartografando as zonas intermareais desde o espazo

Como podemos coñecer e seguir a evolución das zonas intermareais ao longo de toda a costa? Santiago Parra Descalzo, Gema Casal Pascual e Verónica García Redondo, do Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC), achégannos un artigo sobre o uso da teledetección por satélite para afrontar este reto.

A través das imaxes dos satélites Sentinel-2, o proxecto traballa na creación dunha cartografía continua e actualizada da franxa intermareal española, diferenciando substratos sedimentarios, rochosos e zonas con vexetación. Esta información permitirá mellorar o seguimento destes ecosistemas e apoiar a súa xestión e conservación.

Podes ler o artigo aquí.

A receita do mes: sopa de pataca con polbo e terra de tomate

Polbo, pataca e tomate protagonizan a receita que nos propón este mes Criselda Iglesias, cociñeira de Espazo Gastronómico Remollo. Un prato que Criselda elaborou na última edición de Salimat e que combina produto galego cunha presentación diferente.

A intensidade do polbo acompáñase da suavidade dunha sopa cremosa de pataca Kennebec e lacón, mentres que a terra de tomate achega un toque crocante e un contraste de sabor e cor.

Unha proposta orixinal para gozar do polbo dun xeito diferente e que, ademais, está elaborada con ingredientes sen glute.

Podes ver os ingredientes e o paso a paso da receita aquí.