Mónica Suárez únese á Tripulación pescadeRías

A Tripulación pescadeRías segue a medrar coa incorporación de Mónica Suárez, peixeira cunha ampla traxectoria profesional e un firme compromiso cos produtos da pesca artesanal galega.

Desde os seus postos nas prazas de abastos de Vilagarcía de Arousa e A Estrada, Mónica achega cada día peixe e marisco fresco ás persoas consumidoras, apostando pola calidade, a proximidade e a confianza. Nesta reportaxe comparte a súa experiencia no oficio, lembra os seus comezos, fala das especies máis demandadas e destaca a importancia do asesoramento e do trato directo coa clientela como un dos principais valores do comercio tradicional de peixe.

Preme aquí para ver o vídeo.

Entidades certificadas

Durante o mes de xullo realizáronse as auditorías de recertificación de tres entidades adheridas á marca pescadeRías, de onde se non?

A Confraría de Pescadores de Portonovo, certificada desde 2008, foi auditada para o alcance de bivalvos, cefalópodos, equinodermos, peixes e crustáceos. Tamén tivo lugar a auditoría da Confraría de Pescadores de Vilaboa, certificada desde 2008 para bivalvos e cefalópodos. Pola súa banda, a Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa, adherida á marca desde 2016, foi auditada para os alcances de bivalvos, crustáceos, algas e antozoos.

Estas auditorías forman parte do proceso periódico de renovación do compromiso das entidades certificadas e permiten verificar o cumprimento dos requisitos establecidos pola marca.

Novas adhesións á marca pescadeRías

Os restaurantes Ó Fragón, de Fisterra, e A Taberna da Cofradía, de Portonovo, incorporáronse o pasado mes á rede de establecementos adheridos á marca pescadeRías, de onde se non? Ámbalas dúas incorporacións reforzan o compromiso dos seus promotores coa promoción e valorización dos produtos da pesca artesanal certificada.

A través da súa adhesión, estes restaurantes comprométense a ofrecer peixe e marisco de orixe galega certificado pola marca, garantindo a súa procedencia, frescura e trazabilidade.

Con estas novas incorporacións, pescadeRías continúa a visibilizar a súa rede de establecementos comprometidos coa calidade e coa difusión dos produtos da pesca artesanal galega.

A entidade do mes: Confraría de Baiona

A Confraría de Pescadores La Anunciada de Baiona é a entidade destacada deste mes. Forma parte da marca pescadeRías, de onde se non? desde o ano 2008 para a comercialización de bivalvos, cefalópodos, equinodermos, crustáceos, peixes e gasterópodos.


Os bivalvos, os equinodermos e os peixes concentran o maior volume de comercialización, mentres que os crustáceos, os equinodermos e os bivalvos encabezan a facturación. Entre as especies de maior valor económico sobresae o percebe, seguido do ourizo e da cornicha.

A lonxa realiza venda directa das capturas dos seus socios e socias de luns a venres, a partir das 9:30 horas, e ofrece tamén a posibilidade de realizar encargas no teléfono 669 380 357.

A especie do mes: peixe porco

O peixe porco (Balistes capriscus) é unha especie pouco habitual nas nosas cociñas, pero cun enorme potencial gastronómico. A súa carne branca, firme e saborosa convérteo nun produto de gran calidade que admite múltiples preparacións, desde fritido ou ao forno ata á brasa.

Ademais das súas cualidades culinarias, destaca polas súas características biolóxicas: a súa pel dura actúa como unha auténtica armadura protectora e o seu nome popular en Galicia procede do característico son que emite ao ser extraído da auga, similar ao ronco dun porco.

Nesta nova ficha de especie descubrimos as súas principais características, hábitat, época de consumo e algunhas recomendacións para gozalo na cociña. Podes ampliar a información aquí.

Investigación xenética ao servizo do marisqueo

A xenética e a xenómica están a abrir novas posibilidades para mellorar a produtividade, a resistencia ás enfermidades e a sustentabilidade das especies de interese comercial.

No artigo deste mes, Paulino Martínez Portela, catedrático de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela e coordinador do grupo ACUIGEN, explica como os avances en secuenciación do ADN e selección xenómica están a transformar a produción de peixes e moluscos. A identificación de marcadores xenéticos e o desenvolvemento de ferramentas de mellora permiten avanzar cara a sistemas produtivos máis eficientes, e contribúen á conservación da biodiversidade e á adaptación do sector aos retos ambientais.

Podes ler o artigo aquí.

Receita do mes: tapenade de olivas e kombu

A nosa receita deste mes é unha proposta sinxela, saborosa e chea de matices mariños: tapenade de olivas e kombu. Elaborada por Mariví Otero, cociñeira do Chiringuito Coco Bao (A Illa de Arousa), combina ingredientes tradicionais coa alga kombu para crear un aperitivo versátil, perfecto para untar en torradas ou como acompañamento de peixes, mariscos e verduras.

Esta elaboración foi presentada no Obradoiro de Cociña con Algas e Mariscos organizado pola OPP20 Illa de Arousa, unha iniciativa que pon en valor as posibilidades gastronómicas dos produtos do mar e fomenta novas formas de incorporalos á nosa cociña.

Podes consultar a receita completa e seguir a elaboración paso a paso aquí.

Sorteo de verán 2026

Co obxectivo de agradecer o apoio e a fidelidade das persoas que seguen a actividade da marca pescadeRías, de onde se non? nas redes sociais, puxemos en marcha un sorteo de verán a través dos nosos perfís oficiais de Facebook e Instagram.

A iniciativa contempla o sorteo de dous lotes de agasallos, un para as persoas participantes en Facebook e outro para as de Instagram. Cada lote está composto por diferentes artigos pensados para desfrutar do verán e do mar: unha bolsa de praia, un neceser, unha toalla, un abanico, un sombreiro, unha botella isotérmica e parasois para o coche.

Para participar é preciso seguir o perfil de pescadeRías, de onde se non? na rede social correspondente, indicar “Gústame” na publicación do sorteo e comentar cal é o agasallo favorito do lote. O prazo de participación permanecerá aberto ata o 16 de agosto ás 23:59 horas.

O sorteo é válido para todo o territorio español, agás Canarias e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla. As persoas gañadoras daranse a coñecer unha vez rematado o prazo de participación, de acordo co establecido nas bases do sorteo, que poden consultarse aquí.

Con esta acción, a marca segue a reforzar o seu vínculo coa cidadanía e a promover o coñecemento e a valorización dos produtos da pesca artesanal galega.