Beatriz Chousa únese á Tripulación pescadeRías

Acompañamos a Beatriz Chousa, asistencia técnica da Confraría de Pescadores do Porto do Son, nunha xornada do seu traballo, esencial na xestión do marisqueo e dos recursos específicos.

Bea cóntanos en que consiste o seu traballo, cales son os recursos que se traballan na súa confraría, e a importancia das mostraxes biolóxicas e do seguimento dos recursos mariños para garantir unha explotación responsable e sostible.

Unha reportaxe que permite coñecer mellor o papel das asistencias técnicas das confrarías e a súa contribución á conservación dos recursos e ao futuro do sector.

Podes ver o vídeo aquí.

Entidades certificadas

Durante o pasado mes de xuño continuaron as auditorías do sistema de certificación da marca pescadeRías de onde se non?, co obxectivo de verificar o cumprimento dos requisitos de orixe, trazabilidade e calidade dos produtos certificados.

Neste período realizáronse as recertificacións da Confraría de Pescadores de Moaña (bivalvos), da Lonxa de Campelo A.I.E. (bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixes) e de Frigoríficos Moldes S.L. (cefalópodos).

Ademais, superaron as correspondentes auditorías de seguimento a Confraría de Pescadores de Malpica, para cefalópodos, crustáceos, equinodermos, antozoos e peixes, e Grupo Envimar NW S.L., no ámbito de peixes, cefalópodos, equinodermos, bivalvos e crustáceos.

Veda da centola e do boi

O pasado 20 de xuño comezou a veda da centola e do boi en Galicia, co peche da campaña extractiva destas dúas especies ata o outono.

O novo Plan experimental para a xestión da centola e do boi 2026-2027 establece que a veda se prolongará ata o 8 de novembro nas zonas A e B, comprendidas entre a desembocadura do río Miño e o cabo Corrubedo, e entre o cabo Corrubedo e o cabo Estaca de Bares, respectivamente. Na zona C, entre Estaca de Bares e o río Eo, a veda da centola rematará o 29 de novembro, mentres que a do boi finalizará tamén o 8 de novembro.

Podes consultar aquí o Plan experimental para a xestión da centola e do boi 2026-2027.

Festas gastronómicas

Do 16 ao 19 de xullo, Cambados celebrará a XXII Edición da Festa da Vieira, cunha programación gastronómica e de ocio que inclúe showcookings e actuacións musicais. O 25 de xullo e o 8 de agosto, Portocubelo (Lira) acolle unha nova edición da Degustación Popular dos Produtos da Reserva Mariña de Lira, con polbo, navallas, percebe, nécoras, mexillóns e berberechos como protagonistas.

Ademais, o 2 de agosto, Aguiño celebrará a XXVII Festa do Percebe, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, un evento que rende homenaxe a un dos produtos máis emblemáticos do litoral galego.

Tres citas imprescindibles para gozar da gastronomía mariñeira, apoiar o sector pesqueiro e coñecer de preto a calidade dos produtos do noso mar.

Nova orde que regula a formación náutico-pesqueiro.

A Consellería do Mar aprobou unha nova orde que regula a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente en Galicia.

O novo texto adapta os requisitos de acceso e a formación ás necesidades actuais do sector co obxectivo de facilitar a incorporación de novos profesionais e favorecer a remuda xeracional.

Entre as principais modificacións destaca a redución da duración do curso de mariñeiro/a pescador/a de 50 a 23 horas, así como a flexibilización dos requisitos de acceso ás distintas titulacións.

Podes consultar a orde aquí.

Especie do mes: a agulla

A agulla (Belone belone) é a especie protagonista do mes. Trátase dun peixe azul facilmente recoñecible polo seu corpo longo e estreito e polas súas características mandíbulas alongadas provistas de pequenos dentes. Habita preto da superficie, en augas abertas e batidas, aínda que durante o verán adoita achegarse á costa formando bancos.

En Galicia, a época habitual de consumo comprende os meses de primavera e verán, e captúrase principalmente con cerco e anzol. A súa carne é firme, saborosa e rica en proteínas, ácidos graxos omega-3, vitaminas A e E e minerais como calcio, potasio, ferro e zinc. Un peixe versátil na cociña, ideal para preparar frito, guisado, en escabeche ou afumado.

Podes ampliar a información aquí.

Entidade do mes: Peixoto Alimentación S.L.

Peixoto Alimentación S.L. é unha empresa galega especializada na distribución de produtos refrixerados e conxelados, con especial dedicación aos peixes e mariscos procedentes das rías galegas. As súas instalacións, situadas no Porto de Marín, permítenlle ofrecer un servizo áxil e garantir a máxima calidade dos seus produtos.

A empresa está certificada coa marca pescadeRías de onde se non? como transformadora de cefalópodos desde maio de 2025, unha aposta e compromiso coa trazabilidade e a valorización da pesca artesanal galega.

O seu produto máis representativo é o polbo, que comercializa en distintos formatos: enteiro cocido no seu propio envase, medio polbo ou patas, que se adaptan ás necesidades tanto da canle profesional como das persoas consumidoras.

O artigo do mes: a intelixencia artificial ao servizo da calidade dos produtos do mar

A intelixencia artificial e as imaxes hiperespectrais están chamadas a revolucionar o control de calidade dos produtos da pesca.

No artigo deste mes, Juan Rodríguez Herrera, Carlos Vilas Fernández e Silvia Muñoz Santiago, persoal investigador do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), explican como estas tecnoloxías permiten avaliar de forma automática, obxectiva e non destrutiva a frescura do peixe en tempo real.

O traballo presenta os resultados obtidos en pescada e rodaballo, demostrando o potencial destas ferramentas para optimizar os procesos de control, reducir o desperdicio alimentario e reforzar a seguridade e a confianza das persoas consumidoras.

Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes: cornicha con salsa verde do mar

A cornicha (Spisula solida) é a protagonista da receita deste mes, unha proposta que reivindica o potencial gastronómico deste molusco. O seu autor é Ángel Parada, cociñeiro de Ribeira, chef da Bodega Gran Bazán e colaborador de Espazo Remollo, quen presenta un prato inspirado nos sabores do Atlántico.

A elaboración combina a delicadeza da cornicha cunha salsa elaborada a partir de diferentes algas mariñas que potencia a súa intensidade e achega unha gran profundidade de sabor.

Unha proposta que demostra a versatilidade da cornicha na cociña e pon en valor este produto a través dunha interpretación contemporánea, respectuosa coa materia prima e coa identidade da gastronomía atlántica.

Podes ver aquí os ingredientes e a elaboración paso a paso.