Estaremos en Auténtica Sevilla

Un total de 12 empresas de produtos do mar participarán como coexpositoras no stand da Consellería do Mar en Auténtica Sevilla, que se celebra os días 14 e 15 de setembro.

Entre elas estarán tres entidades certificadas coa marca pescadeRías, de onde se non?: El Percebeiro, S.L., a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre e Costas y Miñán, S.L.

A súa participación permitirá amosar aos profesionais da restauración e da gastronomía presentes no encontro unha selección de produtos do mar galegos e dar visibilidade á súa orixe, calidade e sustentabilidade.

Formación para futuros profesionais da hostalaría

En setembro e outubro continuaremos a achegar a marca pescadeRías, de onde se non? aos futuros profesionais da hostalaría con dúas novas actividades formativas.

O 29 de setembro, o alumnado do Obradoiro de Hostalaría do Salnés, de Sanxenxo, visitará a praza de abastos de Portonovo e participará nunha charla e nun taller práctico de diferenciación de moluscos.

O 2 de outubro será a quenda do Obradoiro de Hostalaría Marín II, cunha sesión sobre a marca, os seus requisitos, as artes de pesca e os produtos que poden certificarse. A actividade completarase cun taller de diferenciación de moluscos.

Nova edición de #OMarEnTapas

Os días 12 e 13 de setembro, A Illa de Arousa acolle a IV edición de #OMarEnTapas, unha proposta da OPP20 para percorrer diferentes establecementos da localidade e gozar dos produtos do mar a través da gastronomía.

Nesta ocasión, a ameixa rubia e as algas serán as protagonistas das tapas elaboradas polos locais participantes, que poderán degustarse ao mediodía durante as dúas xornadas.

A iniciativa inclúe tamén un concurso: o público poderá puntuar as tapas e participar no sorteo de 2 kg de Marisco de A Illa. A proposta máis valorada recibirá o recoñecemento á mellor tapa desta cuarta edición.

Máis info aquí.

Entidades usuarias da marca

Durante o pasado mes de agosto realizáronse novas auditorías de seguimento e recertificación de entidades usuarias da marca pescadeRías, de onde se non?

Mariscos Inés S.L., certificada desde 2017 como depuradora, centro de expedición e distribuidora, superou a súa auditoría de seguimento. A certificación abrangue bivalvos, gasterópodos, crustáceos, cefalópodos, peixes e equinodermos.

Pola súa banda, a Confraría de Pescadores de Porto do Son, usuaria do selo desde 2021, pasou a auditoría de recertificación para bivalvos, crustáceos, peixes, cefalópodos e equinodermos. Ademais, ampliou a súa certificación ás algas, incorporando este novo grupo de produtos ao alcance do selo.

Novo membro da Tripulación pescadeRías: Iago Conde

Este mes incorporamos á Tripulación pescadeRías a Iago Conde, director comercial e de marketing de Real Conservera Española S.L.

Con el falamos do seu traballo, da importancia das marcas e da evolución das conservas artesanais de peixes e mariscos, que pasaron de ser un produto habitual nas nosas despensas a ocupar un lugar destacado na gastronomía e ser consideradas hoxe un produto premium.

Tamén descubrimos como se elaboran estas conservas, o valor da materia prima procedente da pesca artesanal galega e o latoturismo como unha nova forma de achegarse á tradición e á cultura conserveira galega.

Non deixes de ver a entrevista!

A especie do mes: caramuxo

O caramuxo (Littorina littorea) é un pequeno molusco gasterópodo que vive sobre fondos rochosos, desde a zona intermareal ata os 40-50 metros de profundidade. A súa captura realízase a pé durante a baixamar, coa axuda de rasquetas ou coitelos, e está regulada polos plans de explotación de marisqueo.

Moi apreciado como aperitivo, consómese habitualmente cocido e a súa carne extráese da cuncha coa axuda dun alfinete. Ademais, o caramuxo forma parte da nosa cultura gastronómica desde hai séculos: atopáronse cunchas desta especie en xacementos castrexos.

Descubre na nosa ficha máis curiosidades sobre o caramuxo, as súas propiedades nutricionais e como consumilo. Podes vela aquí.

Entidade do mes: Frigoríficos Moldes

Este mes destacamos Frigoríficos Moldes S.L., empresa certificada desde 2015 co selo pescadeRías, de onde se non? para a transformación de cefalópodos.

O seu produto estrela é o polbo conxelado, que comercializa baixo a marca Congelados La Marina. O produto envásase respectando a súa calidade e frescura, sen ningún tipo de aditivos.

Desde as súas instalacións en Pontevedra, Frigoríficos Moldes abastece diferentes canles de comercialización, como hostalaría e restauración, tendas, cadeas de supermercados e colectividades.

A certificación permite que os cefalópodos amparados pola marca manteñan a súa identificación e trazabilidade ao longo da cadea de comercialización. Deste xeito,  as persoas consumidoras poden coñecer a procedencia dos produtos do mar no momento de facer as súas compras.

Proxecto VOLARIA

Este mes achegámonos ao proxecto VOLARIA da man de Paula Sánchez Marín, científica titular do Centro Oceanográfico de Vigo, pertencente ao Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC).

A iniciativa investiga as causas dos elevados niveis de chumbo que desde hai anos impiden a comercialización da volandeira (Aequipecten opercularis) na Ría de Vigo. O estudo analiza os factores biolóxicos que condicionan a súa acumulación nos exemplares e a distribución e posible orixe deste metal na ría.

VOLARIA reúne persoal investigador de diferentes institucións e conta coa colaboración do sector. O obxectivo é obter coñecemento científico que permita identificar posibles vías para recuperar a comercialización deste recurso.

Podes ler o artigo aquí.

A receita do mes: xurelo afumado sobre auga de tomate, cogombro e aceite de alfábega

O xurelo é o protagonista da receita deste mes, unha proposta fresca e sorprendente que Alejandro Iglesias, de Alex Iglesias Gastro (Lalín), presentou na última edición do Salón Gourmets.

O prato combina xurelo afumado en frío cunha delicada auga de tomate, dados de cogombro, raviños, algas e gromos de fiúncho ou aneto. O toque final pono un aceite de alfábega que achega cor, aroma e frescura ao conxunto.

Unha elaboración que aproveita a intensidade e a textura dun dos nosos peixes azuis máis apreciados e o combina con ingredientes frescos para conseguir un prato lixeiro, equilibrado e moi saboroso.

Consulta a receita completa aquí e anímate a preparala na casa!

Entregados os premios do sorteo de verán de pescadeRías, de onde se non?

As gañadoras do sorteo de verán de pescadeRías, de onde se non?, celebrado durante o mes de agosto nas nosas redes sociais, xa teñen os seus premios.

Lola González, gañadora do sorteo realizado en Facebook, e Ángela Barrán, premiada entre as persoas participantes en Instagram, recibiron cadanseu lote de agasallos da marca.

Con esta iniciativa quixemos agradecer a participación e a fidelidade da comunidade que nos acompaña nas redes sociais e, ao mesmo tempo, seguir dando a coñecer pescadeRías, de onde se non? e os valores que representa.

Durante todo o ano, as nosas canles en Facebook e Instagram achegan información sobre as especies que se capturan nas nosas rías, receitas de cociña, entidades certificadas pola marca, actividades de promoción e divulgación, e o traballo das persoas que forman parte da pesca artesanal galega.

Moitas grazas a todas as persoas que participastes no sorteo e parabéns a Lola e Ángela!