Visita a Bueu coa Asociación Mulleres que Poden

O pasado sábado 28 de marzo organizamos unha visita guiada á praza de abastos de Bueu na que participaron 30 mulleres da Asociación Mulleres que Poden, da Estrada.

A xornada comezou no porto de Bueu cunha introdución á realidade pesqueira local, na que se explicaron as distintas artes e modalidades de pesca e se destacou o papel esencial da pesca artesanal no tecido económico e social da vila. Tamén se puxo en valor o coñecemento do mar como parte do noso patrimonio.

A continuación, desenvolveuse a visita á praza de abastos, onde se percorreron os postos para coñecer as especies dispoñibles, a súa tempada, os distintos cortes, o etiquetado e as claves para identificar a frescura do produto. As persoas participantes puideron resolver as súas dúbidas directamente cos praceiros e praceiras, que lles ofreceron explicacións claras e detalladas sobre os peixes e mariscos que venden.

Formación a futuros/as profesionais da hostalaría

O equipo de pescadeRías de onde se non? realizou unha actividade formativa dirixida ao alumnado do curso de Cociña Colectiva promovido polo Concello de Ribeira no marco do seu Plan de Emprego.

A sesión desenvolveuse en dúas partes: unha visita guiada á Praza de Abastos de Ribeira, onde o alumnado puido coñecer de primeira man as especies dispoñibles, a súa tempada, o etiquetado e os criterios de frescura; e un obradoiro na aula centrado na identificación de moluscos.

Durante a xornada abordáronse tamén aspectos clave como o etiquetado, a seguridade alimentaria, a trazabilidade e a valorización da pesca artesanal galega, para reforzar a formación práctica do alumnado e o coñecemento dos produtos do mar.

Con esta son tres as actividades formativas destinadas a futuros profesionais da hostalería que se impartiron no que vai de ano.

Feiras Profesionais Abril

A Consellería do Mar promoverá en abril a presenza do sector en tres feiras internacionais clave.

No Salón Gourmets de Madrid participarán 29 empresas coexpositoras, entre as que se atopan nove co selo pescadeRías de onde se non?: Conservas Portomar SLU, Fish Factory S.L., Costas y Miñán S.L., Porto Muíños, Conservas La Brújula S.L., El Percebeiro S.L., Mares de Galicia S.A., Conservera Gallega S.A. e a Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín.

Á Seafood Expo Global de Barcelona asistirán 44 empresas coexpositoras; das certificadas, Frigoríficos de Camariñas S.L., Porto Muíños, El Percebeiro S.L., Mares de Galicia S.A., Conservas La Brújula S.L., Mariscos Daporta S.L. e a Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín.

En SIAL Canadá (29 de abril–1 de maio), participarán sete empresas, entre elas as certificadas Conservas La Brújula S.L. e Conservas Portomar S.L.U.

Tripulación pescadeRías: Fernando Simón

Nesta ocasión, a Tripulación pescadeRías incorpora a Fernando Simón Vázquez, xerente de Pulponor S. Coop. Galega, que nos achega á realidade do sector da comercialización do polbo galego desde a súa experiencia profesional.

Ao longo da reportaxe, coñecemos en que lonxas se abastece a empresa e como se organiza o proceso de comercialización do produto. Ademais, afondamos na colaboración que manteñen coa Confraría de Pescadores de Lira para o procesamento do polbo por parte dun grupo de socios e socias.

Acompañamos ás mariscadoras e mariñeiros para observar de preto as tarefas de evisceración, limpeza e envasado, para descubrir o traballo que hai detrás dun produto de alta calidade.

Novos restaurantes adheridos

A marca pescadeRías de onde se non? continúa medrando coa incorporación de dous novos restaurantes adheridos: Restaurante Evoca, en Combarro, e Restaurante Naveira, en Baiona.

Ambos establecementos apostan polo produto do mar de Galicia e pola súa posta en valor a través dunha cociña baseada na proximidade, a tempada e o respecto pola materia prima. Tanto Evoca como Naveira comparten unha proposta gastronómica centrada no produto fresco de lonxa, cunha cociña que combina tradición, identidade e unha coidada elaboración.

Estas novas adhesións reforzan a visibilidade dos produtos da pesca artesanal na restauración galega.

Dámoslles a benvida!

Formación a entidades certificadas: Mariscos Islas Cíes

O equipo de pescadeRías de onde se non? desenvolveu o pasado mes unha sesión formativa co equipo de Mariscos Islas Cíes S.L., nas súas instalacións en Domaio.

A formación centrouse en aspectos clave relacionados coa hixiene alimentaria e a correcta manipulación dos produtos pesqueiros, co obxectivo de reforzar os estándares de calidade e seguridade ao longo de toda a cadea de valor.

Durante a xornada abordáronse as boas prácticas no manexo, conservación e preparación do produto, así como a importancia da trazabilidade e do cumprimento da normativa vixente.

Con este tipo de accións, a marca continúa a traballar para garantir a excelencia, a seguridade alimentaria e o bo facer no sector.

Certificacións

No mes de marzo realizáronse auditorías de seguimento e recertificación a varias entidades certificadas pola marca.

En canto ás auditorías de seguimento, tiveron lugar en Conservas Portomar S.L., como empresa transformadora de bivalvos, equinodermos e peixe; e en Orixe da Ría S.L., como centro de expedición e empresa distribuidora de peixe, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e bivalvos.

Pola súa banda, completaron o proceso de recertificación a Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, no ámbito da primeira venda de bivalvos, crustáceos, cefalópodos e peixes, e Fish Factory S.L., como empresa distribuidora de conserva de bivalvos e peixe, que comercializa os seus produtos baixo a marca La Curiosa.

Aperturas e peches

O cambio de tempada vén marcado por aperturas e peches de campañas nas nosas rías.

A volandeira (Aequipecten opercularis) despediuse dos mercados o 31 de marzo na Ría de Arousa cunha campaña destacada: 423.801 quilos e 1.822.770 euros de facturación. Na mesma data pechou tamén o lumbrigante (Homarus gammarus), con 12.844 quilos e 536.868 euros.

O 1 de abril abriu a campaña da lagosta (Palinurus elephas), mentres que en marzo comezou a extracción de vieira (Pecten maximus) na Ría de Vigo, con oito embarcacións das confrarías de Cangas e Redondela, e un obxectivo de 7.500 quilos. A súa transformación realízase en Porto de Cambados S.L. con todas as garantías sanitarias.

Entidade de do mes: Majeja Mariscos

A entidade do mes é Majeja Mariscos S.L, empresa situada en Sanxenxo, que obtivo o selo pescadeRías de onde se non? en 2023. A súa certificación abrangue as actividades de depuradora, cetárea, axente distribuidor e transformador, cun alcance que inclúe peixes, cefalópodos, bivalvos e crustáceos.

A súa actividade baséase na selección rigorosa de materias primas, e a aposta por produtos frescos procedentes das principais lonxas de Galicia. A presenza diaria nestes puntos de venda permítelle escoller exemplares de máxima calidade, capturados con artes tradicionais.

Na actualidade, a empresa centra a súa actividade no canal da restauración, e ofrece un servizo adaptado ás necesidades dos seus clientes, aos que garante un produto fresco, trazable e de alta calidade.

Especie do mes: o peixe sapo

A especie do mes é o peixe sapo (Lophius budegassa), tamén coñecido como rape negro, un peixe característico das nosas rías e moi valorado na gastronomía galega.

Trátase dunha especie demersal que vive semienterrada en fondos de area e lama, entre os 20 e os 500 metros de profundidade.

Destaca pola súa cabeza grande e boca ampla, así como pola súa capacidade de atraer presas mediante un apéndice que emprega como cebo. Aliméntase principalmente de peixes e cefalópodos.

A súa carne branca, firme e de gran calidade nutricional, rica en proteínas e baixa en graxas, convérteo nun produto moi apreciado no mercado e na cociña.

Podes ampliar a información aquí.