A Confraría de Cangas, Premio Alimentos de España 2026

A Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas foi distinguida co Premio Alimentos de España 2026 á Produción da Pesca e da Acuicultura, o máximo recoñecemento nacional neste ámbito. O galardón pon en valor o seu compromiso coa pesca artesanal, a sustentabilidade e a calidade dos produtos do mar.

Certificada pola marca pescadeRías, de onde se non? desde o ano 2008, a confraría destaca polo seu labor pioneiro na valorización das capturas e pola aposta por marcas comerciais propias como Percebe das Cíes e Navalla das Cíes.

Este recoñecemento supón un importante impulso para o sector pesqueiro galego e para o traballo desenvolvido polas confrarías na promoción dos produtos de proximidade. Parabéns!

Equiocio 2026

No marco da campaña Galicia Sabe Amar desenvolveuse un amplo programa de catas e degustacións protagonizado por peixe, marisco, conservas e algas en Equiocio Ferrol, do 6 ao 9 de agosto. O evento coa participación de cociñeiros de referencia e a colaboración de entidades do sector.

Os produtos da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol e da Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre tiveron un especial protagonismo nesta edición. Percebe, zamburiña, xarda, carneiro e ameixa babosa foron algunhas das especies empregadas nas degustacións, que puxeron en valor a calidade, a versatilidade e o potencial gastronómico da pesca artesanal galega.

Podes ver un vídeo resumo aquí.

Nova edición da Festa do Marisco de Barallobre

Os días 22 e 23 de agosto, o porto de Barallobre (Fene) acollerá unha nova edición da Festa do Marisco da Confraría de Barallobre, unha cita que rende homenaxe ao marisqueo artesanal e aos produtos da ría.

Durante a fin de semana, veciñanza e visitantes poderán degustar marisco a prezos populares e participar nun amplo programa de actividades, que inclúe música en directo, xogos infantís, unha regata deportiva e unha carreira popular, entre outras propostas.
Organizada pola Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre, a festa constitúe unha oportunidade para promover o consumo de produtos do mar galegos e poñer en valor o traballo das persoas mariscadoras e do sector pesqueiro local.

Produtos da pesca artesanal galega na gala benéfica da AECC

Un ano máis, os produtos da pesca artesanal galega certificados por pescadeRías, de onde se non? estiveron presentes na Gala Benéfica organizada polo Eurostars Gran Hotel La Toja a beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

O evento celebrouse o pasado 7 de agosto e reuniu representantes do ámbito empresarial e institucional co obxectivo de recadar fondos para apoiar a pacientes e familiares, impulsar a investigación oncolóxica e promover accións de prevención e concienciación fronte ao cancro.

O menú da cea incluíu produtos certificados pola marca pescadeRías, de onde se non?, concretamente polbo e ameixa xapónica das rías galegas

Veda temporal do choco nas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo

Desde o pasado 20 de xullo e ata o 31 de outubro permanece en vigor a veda temporal para a captura do choco (Sepia officinalis) nas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. Durante este período queda prohibida a captura, a tenza a bordo, o transbordo, a comercialización e a venda desta especie nas zonas afectadas, así como a súa pesca recreativa. Ademais, as capturas accidentais deberán ser devoltas ao mar.

Esta medida forma parte das accións de xestión sostible dos recursos mariños e busca favorecer a conservación do choco, contribuíndo á recuperación dos seus stocks e ao mantemento dunha actividade pesqueira responsable e sostible nas rías galegas.

Podes ler a resolución completa aquí.

Mónica Suárez únese á Tripulación pescadeRías

A Tripulación pescadeRías segue a medrar coa incorporación de Mónica Suárez, peixeira cunha ampla traxectoria profesional e un firme compromiso cos produtos da pesca artesanal galega.

Desde os seus postos nas prazas de abastos de Vilagarcía de Arousa e A Estrada, Mónica achega cada día peixe e marisco fresco ás persoas consumidoras, apostando pola calidade, a proximidade e a confianza. Nesta reportaxe comparte a súa experiencia no oficio, lembra os seus comezos, fala das especies máis demandadas e destaca a importancia do asesoramento e do trato directo coa clientela como un dos principais valores do comercio tradicional de peixe.

Preme aquí para ver o vídeo.

Entidades certificadas

Durante o mes de xullo realizáronse as auditorías de recertificación de tres entidades adheridas á marca pescadeRías, de onde se non?

A Confraría de Pescadores de Portonovo, certificada desde 2008, foi auditada para o alcance de bivalvos, cefalópodos, equinodermos, peixes e crustáceos. Tamén tivo lugar a auditoría da Confraría de Pescadores de Vilaboa, certificada desde 2008 para bivalvos e cefalópodos. Pola súa banda, a Confraría de Pescadores de Vilanova de Arousa, adherida á marca desde 2016, foi auditada para os alcances de bivalvos, crustáceos, algas e antozoos.

Estas auditorías forman parte do proceso periódico de renovación do compromiso das entidades certificadas e permiten verificar o cumprimento dos requisitos establecidos pola marca.

Novas adhesións á marca pescadeRías

Os restaurantes Ó Fragón, de Fisterra, e A Taberna da Cofradía, de Portonovo, incorporáronse o pasado mes á rede de establecementos adheridos á marca pescadeRías, de onde se non? Ámbalas dúas incorporacións reforzan o compromiso dos seus promotores coa promoción e valorización dos produtos da pesca artesanal certificada.

A través da súa adhesión, estes restaurantes comprométense a ofrecer peixe e marisco de orixe galega certificado pola marca, garantindo a súa procedencia, frescura e trazabilidade.

Con estas novas incorporacións, pescadeRías continúa a visibilizar a súa rede de establecementos comprometidos coa calidade e coa difusión dos produtos da pesca artesanal galega.

A entidade do mes: Confraría La Anunciada de Baiona

A Confraría de Pescadores de Baiona é a entidade destacada deste mes. Obtivo o selo pescadeRías, de onde se non? para a comercialización de bivalvos, cefalópodos, equinodermos, crustáceos, peixes e gasterópodos no ano 2008.


Os bivalvos, os equinodermos e os peixes concentran o maior volume de comercialización, mentres que os crustáceos, os equinodermos e os bivalvos encabezan a facturación. Entre as especies de maior valor económico sobresae o percebe, seguido do ourizo e da cornicha.

A lonxa realiza venda directa das capturas dos seus socios e socias de luns a venres, a partir das 9:30 horas, e ofrece tamén a posibilidade de realizar encargas no teléfono 669 380 357.

A especie do mes: peixe porco

O peixe porco (Balistes capriscus) é unha especie pouco habitual nas nosas cociñas, pero cun enorme potencial gastronómico. A súa carne branca, firme e saborosa convérteo nun produto de gran calidade que admite múltiples preparacións, desde fritido ou ao forno ata á brasa.

Ademais das súas cualidades culinarias, destaca polas súas características biolóxicas: a súa pel dura actúa como unha auténtica armadura protectora e o seu nome popular en Galicia procede do característico son que emite ao ser extraído da auga, similar ao ronco dun porco.

Nesta nova ficha de especie descubrimos as súas principais características, hábitat, época de consumo e algunhas recomendacións para gozalo na cociña. Podes ampliar a información aquí.