Estivemos no Salón Gourmets 2026

O pasado mes celebrouse en Madrid o Salón Gourmets, no que participaron 29 empresas do sector mar-industria como coexpositoras no stand da Consellería do Mar, entre elas nove certificadas coa marca pescadeRías de onde se non?

Durante o evento desenvolvéronse showcookings, catas e actividades divulgativas na sala de catas inmersiva da Consellería do Mar, para poñer en valor os produtos da pesca artesanal galega.

Destacamos tamén a celebración do Día da Muller na Cociña Atlántica, coa proposta “Elas levan o timón”, unha homenaxe ás mulleres que sosteñen o mar e levan a nosa, e o levan á nosa mesa: mariscadoras, pescadoras, artesás…

Podes ver aquí un vídeo resumo das actividades.

Formación na Confraría de Portonovo

O pasado 27 de abril, o equipo de xestión da marca pescadeRías de onde se non? impartiu unha xornada formativa sobre manipulación e hixiene alimentaria na Confraría de Pescadores San Roque de Portonovo.

Esta acción permitiu actualizar coñecementos en aspectos clave como a hixiene, a seguridade alimentaria, a trazabilidade e as boas prácticas na manipulación dos produtos do mar. A formación está orientada a reforzar a calidade e as garantías no traballo diario coa pesca artesanal galega.

A iniciativa enmárcase no compromiso da marca coa formación continua do sector, co fin de contribuír á profesionalización e á mellora dos estándares en toda a cadea de valor.

Feiras profesionais en maio

A Consellería do Mar promoverá en maio a presenza dos produtos da pesca artesanal galega en tres feiras internacionais:

Á feira TuttoFood, que terá lugar en Milán do 11 ao 14 de maio, asistirán 13 empresas coexpositoras; entre elas, as empresas certificadas Costas y Miñán S.L. (Conservas Mariscadora) e Conservas La Brújula S.L.

En Sial Shanghai, que se celebrará do 18 ao 20 de maio, participarán 5 empresas coexpositoras, entre as que destacamos Conservas La Brújula S.L., certificada pola marca pescadeRías de onde se non?

Na feira PMLA Ámsterdam, que nesta edición terá lugar os días 19 e 20 de maio, participarán 13 empresas coexpositoras: entre elas, a entidade certificada Conservas Portomar S.L.U.

Galicia Market Place

Os produtos da pesca artesanal galega teñen unha nova cita en Vigo co Galicia Market Place, que se celebrará o vindeiro 12 de maio no Círculo de Empresarios de Galicia, en colaboración coa Consellería do Mar e ABANCA.

O evento ofrece unha oportunidade para empresas da cadea mar-industria, cun espazo propio para visibilizar proxectos, establecer contactos e xerar novas oportunidades de negocio. Está confirmada a presenza no espazo expositivo das marcas certificadas Capitán Alga e Conservas Mariscadora. A xornada combinará exposición de produtos, conferencias, entrevistas e tech talks.

Completarase cun xantar sectorial e actividades gastronómicas como catas, degustacións e showcooking.

Información e inscricións aquí.

Certificacións

Durante o mes de abril, leváronse a cabo as auditorías de recertificación das entidades certificadas Da Lonxa ao Prato S.L. e Mariscos Islas Cíes S.L. e de seguimiento da Lonxa de Cambados.

A Confraría de Cambados está certificada desde o ano 2009 para a primeira venta de bivalvos, cefalópodos, crustáceos, peixe e para algas desde o 2020.

Da Lonxa o Prato, S.L., situada no porto de Ribeira, conta coa certificación para depuración, expedición, cetaria e distribución de bivalvos, peixes, cefalópodos, crustáceos, equinodermos e antozoos desde o ano 2021.

Pola súa banda, Mariscos Islas Cíes S.L., con sede en Domaio, está certificada desde 2021 como depuradora, cetaria e empresa distribuidora de bivalvos, crustáceos, peixes, cefalópodos, gasterópodos, equinodermos e antozoos.

Xornadas de calidade diferenciada do CIFP Carlos Oroza

Un ano máis, os produtos da pesca artesanal galega co selo pescadeRías de onde se non? estarán presentes nos menús elaborados polo alumnado de hostalaría do CIFP Carlos Oroza nas xornadas dedicadas aos produtos de calidade diferenciada, que se celebrarán ao longo dos meses de maio e xuño.

O alumnado de cociña traballará con navalla fresca, así como con polbo e volandeira en formato conxelado, todos eles produtos certificados que protagonizarán propostas culinarias centradas na orixe e na calidade.

As sesións centradas na pesca artesanal galega desenvolveranse no restaurante Álvaro Cunqueiro do centro os días 15 de maio e 5 de xuño, e tamén na Sociedade Gastronómica do CD Vasconia, en Donostia, o 22 de maio.

Inauguración da Peixería de Barallobre

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre inaugurou o pasado mes unha tenda física para reforzar a aposta pola venda directa e a valorización dos produtos do mar de proximidade.

A peixería de Barallobre, situada no edificio da lonxa, está aberta de martes a venres, de 09:30 a 13:30 e os sábados de 09:30 a 12:00. A peixería incorpora ademais un acuario de grandes dimensións que combina función comercial e divulgativa, e dá continuidade a unha traxectoria iniciada en 2008 coa venda directa de marisco.

Esta iniciativa enmárcase nun modelo de cadea curta de comercialización que busca achegar o produto ao consumidor final, reducir intermediarios e mellorar os retornos para o sector. Dámoslles a benvida á marca!

Formación para futuros profesionais de peixerías na Confraría de Ferrol

As instalacións da Confraría de Pescadores de Ferrol acollen actualmente un curso de peixería dirixido á formación de novos profesionais para o sector. Esta iniciativa, organizada e promovida polo Concello de Ferrol, conta coa participación de 11 persoas de distintas nacionalidades, e favorece a integración e a capacitación laboral.

O curso ten un enfoque eminentemente práctico e inclúe un período de prácticas en establecementos comerciais, que se desenvolverá nas próximas semanas. Esta acción formativa dá resposta á crecente demanda de persoal cualificado no ámbito da venda de peixe, un perfil clave para garantir o relevo xeracional nas peixeirías tradicionais, tanto nas prazas de abastos como noutros puntos de venda especializados.

Hotel Restaurante Javier Montero

Damos a benvida á marca ao Hotel Restaurante Javier Montero, situado en Ribadeo (Lugo), que se incorpora coa súa aposta por unha cociña tradicional creativa.

Á fronte está Javier Montero, quen combina a súa experiencia profesional coas raíces da cociña herdada da súa nai, o que da lugar a unha proposta innovadora e con identidade propia. A súa oferta gastronómica baséase en produtos de tempada e de proximidade, e adáptase á dispoñibilidade do mercado en cada momento.

Os menús degustación evolucionan ao longo do ano, mentres que o equipo de sala ofrece un asesoramento personalizado para a selección de viños, completando así unha experiencia coidada e de calidade.

Envimar obtén a certificación ISO 22000:2018

Grupo Envimar NW S.L., empresa distribuidora situada na lonxa de Ribeira e certificada pola marca pescadeRías de onde se non?, vén de obter a certificación, o que reforza o seu compromiso coa seguridade alimentaria no sector pesqueiro.

Esta norma internacional garante un control rigoroso da inocuidade e da trazabilidade ao longo de toda a cadea, desde a recepción ata a entrega de produto fresco e conxelado. O sistema integra os principios APPCC e aposta pola mellora continua dos procesos.

Con este recoñecemento, Envimar consolídase como unha empresa aliñada cos máis altos estándares internacionais, ofrecendo unha garantía adicional de calidade e confianza para clientes e distribuidores.