Novo distintivo para empresas certificadas e adheridas á marca pescadeRías de onde se non?

As empresas certificadas e adheridas á marca pescadeRías de onde se non? contan xa cun novo distintivo que permitirá identificar de maneira clara o seu compromiso coa calidade, a trazabilidade e a pesca artesanal galega. O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, e o subdirector xeral de Valorización dos Produtos do Mar, Julio César García Varela, fixeron entrega destes novos elementos identificativos ás peixarías e restaurantes adheridos da cidade de Santiago de Compostela.

O acto tivo lugar na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, un espazo simbólico para a promoción dos produtos do mar de proximidade. Durante a entrega, o director xeral agradeceu a implicación das persoas titulares dos establecementos e salientou a importancia do seu labor na difusión da marca, ademais de destacar a vontade de fortalecer futuras colaboracións orientadas a impulsar o valor dos produtos da pesca artesanal galega.

Nos vindeiros días procederase tamén ao envío dos novos distintivos ao resto das entidades certificadas e adheridas, para facilitar a súa implantación en todo o conxunto de establecementos vinculados á marca.