Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña vén de publicar un estudo pioneiro que conecta a alta gastronomía coa restauración dos ecosistemas mariños.
A investigación analiza a reutilización de cunchas de pectínidos procedentes de restaurantes con estrela Michelin como material sostible para a construción de arrecifes artificiais. O traballo, publicado na revista International Journal of Gastronomy and Food Science, demostra que estes refugallos poden substituír parte dos áridos tradicionais en ecoformigóns sen perder resistencia, contribuíndo á economía circular e á rexeneración costeira. Un exemplo de como ciencia, mar e gastronomía poden avanzar xuntas desde Galicia con proxección internacional.