Data de caducidade e consumo preferente: sabes cal é a diferenza?

Ao mercar produtos do mar podemos atopar diferentes indicacións sobre a súa vida útil. Data de caducidade e data de consumo preferente non significan o mesmo: a primeira está relacionada coa seguridade do alimento e a segunda coa conservación das súas características de calidade. Pero, antes de falar delas, debemos distinguir entre os produtos frescos vendidos sin envasar e os produtos envasados.

Produtos do mar frescos sin envasar

O peixe e o marisco fresco que atopamos sin envasar nos postos das prazas de abastos, peixerías ou supermercados están exentos de presentar unha data de caducidade ou de consumo preferente.

Nestes produtos debemos prestar atención á información obrigatoria que acompaña a venda, como a denominación comercial e científica da especie, o método e a zona de produción ou a categoría da arte de pesca empregada, entre outros datos.

Tamén podemos observar o seu estado de frescura. O olor, a textura, o aspecto da pel, os ollos ou as branquias, no caso dos peixes, son algúns dos elementos que nos poden axudar a valoralo. A data de captura, aínda que pode facilitarse como información adicional, non forma parte con carácter xeral da información obrigatoria ao consumidor/a.

E nos produtos envasados?

Nos produtos envasados debemos consultar a data indicada na etiqueta. Aquí é fundamental diferenciar entre data de caducidade e data de consumo preferente.

A data de caducidade emprégase nos alimentos microbioloxicamente moi perecedoiros que, despois dun período curto, poden supoñer un perigo inmediato para a saúde. Indica ata cando o alimento pode consumirse con seguridade, sempre que se respectasen as condicións de conservación indicadas polo fabricante.

Unha vez superada a data de caducidade, o produto non debe consumirse, aínda que aparentemente presente bo aspecto ou olor.

Podemos atopala, por exemplo, en peixe fresco envasado (por exemplo, nas bandexas dos supermercados) e noutros produtos do mar refrixerados de curta vida útil. Nestes casos é especialmente importante manter a cadea de frío e seguir as condicións de conservación que figuran no envase.

Nos produtos procesados refrixerados, como determinados produtos pasteurizados, é especialmente importante consultar a etiqueta: se se trata dun alimento microbioloxicamente moi perecedoiro, levará unha data de caducidade.

A data de consumo preferente, que na normativa se denomina data de duración mínima, indica ata que momento o alimento mantén as súas características de calidade nas condicións de conservación indicadas. Superada esta data, o produto pode continuar sendo seguro para o consumo se se respectaron as condicións de conservación e o envase permanece intacto, aínda que pode perder parte das súas características de sabor, aroma, textura ou calidade.

É a indicación habitual en produtos cunha vida útil máis longa, como as conservas de peixe e marisco e moitos produtos conxelados.