Innovar hoxe para nutrir mañá: a pesca artesanal galega ante os retos da alimentación
Cada 16 de outubro celebramos o Día Mundial da Alimentación, que este ano leva por lema «Innovar hoxe para nutrir mañá». A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) destaca a importancia de combinar os avances científicos e tecnolóxicos cos coñecementos e a experiencia das persoas que producen, transforman e consumen os nosos alimentos.
A pesca artesanal galega ten moito que achegar a este desafío. A innovación en toda a cadea, desde a captura ata o consumo, permite aproveitar mellor os recursos mariños, reducir o impacto ambiental e avanzar cara a unha alimentación máis saudable e sustentable.
Innovar do mar á mesa
A innovación non consiste só en incorporar novas tecnoloxías. Tamén significa mellorar procesos, compartir coñecementos e atopar solucións que respondan ás necesidades do sector e da sociedade.
No proceso de pesca, as novas ferramentas permiten optimizar tempos na localización das capturas, mellorar a eficiencia enerxética e reducir o impacto ambiental da actividade.
Na conservación e transformación, os avances na refrixeración, no envasado e nas técnicas de elaboración axudan a preservar a frescura e a calidade dos produtos, prolongar a súa vida útil e reducir as perdas alimentarias. Tamén permiten desenvolver novas presentacións e aproveitar especies e partes do peixe menos valoradas. A transformación de descartes e subprodutos pesqueiros é outro dos retos importantes da cadena mar-industria.
Na comercialización, a dixitalización e os sistemas de trazabilidade facilitan o acceso aos mercados e achegan información sobre a procedencia dos produtos. Iniciativas como o etiquetado individual de pescadeRías de onde se non? permiten identificar os peixes e mariscos certificados da pesca artesanal galega.
Nos sistemas de control e seguridade alimentaria, a incorporación de novas tecnoloxías permite mellorar a vixilancia das condicións sanitarias, detectar riscos e reforzar a trazabilidade dos produtos. Os avances nos métodos de análise, a monitorización da cadea de frío e os sistemas de alerta temperá contribúen a previr incidencias e garantir que os peixes e mariscos cheguen ás persoas consumidoras con todas as garantías de seguridade alimentaria.
Alimentar o futuro é unha tarefa compartida
Como lembra a FAO, transformar os sistemas alimentarios require a colaboración de toda a sociedade. Profesionais do mar, empresas, centros de investigación, administracións e persoas consumidoras desempeñan un papel esencial.
A innovación debe contribuír tamén a crear oportunidades para as mulleres e a mocidade, fortalecer as comunidades costeiras e facer máis accesibles os avances científicos e tecnolóxicos.
Alimentar ás futuras xeracións comeza coas decisións que tomamos hoxe: como pescamos, como transformamos, como comercializamos e tamén como compramos, cociñamos e consumimos os produtos do noso mar.