Real Conservera Española en Dubai

Entre o 13 e o 17 de febreiro, a empresa certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? Real Conservera Española, S.L. estivo en Dubai na Gulfood 2022, mostrando os seus produtos ao público de Oriente Medio.

Os seus produtos tiveron unha boa aceptación entre os/as asistentes á feria, que quedaron sorprendidos polo concepto gourmet das súas conservas, que xa contan con presencia neste país asiático.

Lucía Freitas, Chef de L’Avenir

A cociñeira Lucía Freitas, que conta cunha Estrella Michelín e dous Soles Repsol no seu restaurante en Santiago de Compostela A Tafona Casa de Xantar adherido ao selo pescaderías, ¿de onde se non?, foi recoñecida como Chef de L’Avenir pola Academia Internacional de Gastronomía, galardón que recoñece ao chef con máis futuro e proxección.

Parabéns polo merecido recoñecemento!!

Empresa do mes: Mariscos Islas Cíes

Mariscos Islas Cíes é unha empresa familiar adicada principalmente á pesca, recolección e comercialización directa de peixe e marisco fresco galego. Nace no ano 2009 grazas ao carácter innovador e emprendedor de mariscadores e recolectores submarinos das Rías Baixas Galegas. A súa misión principal é trasladar a mellor esencia e sabor do peixe e o marisco de Galicia ás mesas de quen aprecie a calidade e a exquisitez dun produto único.

Especie do mes: linguado

O linguado (Solea solea) é un peixe plano, de corpo asimétrico, boca e ollos pequenos e cabeza redondeada. A súa cor pola parte superior é parda ou marrón agrisada, con grandes manchas irregulares escuras. Vive en fondos de area e limo desde a costa ata 200 metros e podemos atopalo con frecuencia nos esteiros. Artesanalmente captúrase con trasmallo e tamén con rascos e miños. Se queres saber máis sobre esta especie preme aquí para ver unha ficha.

Novos minoristas adheridos

A Tenda da Lonxa, xestionada pola Confraría de Pescadores de Cedeira, ofrece ao público en xeral bivalvos procedentes desta localidade e de lonxas veciñas depurados nas súas instalacións que están certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Pola súa banda, Da Lonxa ao Prato, que ofrece á súa clientela peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal, suma un novo establecemento, nesta ocasión na praza de abastos de Sarria (Lugo). Con esta son catro as peixerías que ten adheridas ao selo de calidade: Sarria, Monforte de Lemos, Lugo e A Pobra do Caramiñal.

Novos restaurantes adheridos

Na provincia de A Coruña, durante o mes de marzo adheríronse ao selo pescadeRías o Restaurante O Badulaque, no paseo marítimo de Cedeira e A Casa do Peixe e Son de Mar, ambos a carón da Praia da Cruz, en Muxía.

Por outra banda, na provincia de Pontevedra, contamos este mes con cinco novas adhesións: Casa Acuña, na Illa de Ons, o Restaurante Nabeira, na estación marítima de Cangas do Morrazo e La Isla Lunch&Bar, no paseo marítimo desta mesma localidade, Restaurante Nabeira, na estación marítima de Vigo e A Fonda do Sopapo, na emblemática Praza da Pedra, tamén na cidade de Vigo.

Recertificacións e seguimentos

En marzo, Consevas La Brújula, S.L., certificada para bivalvos, cefalópodos, equinodermos e peixe, tivo unha auditoría para a recertificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Así mesmo, realizáronse auditorías de seguimento nas empresas distribuidoras de peixes e mariscos Pescados Jaime, S.L., certificada para peixes, cefalópodos, crustáceos e equinodermos, e Pescados Manuela García, certificada para peixes e cefalópodos. Ambas entidades teñen a súa sede en Ribeira e mercan os seus produtos principalmente na lonxa desta localidade.

Aperturas e peches

O 31 de marzo, finalizou o período autorizado para a captura do lumbrigante en Galicia, que será permitida de novo o 1 de xullo. Tamén nesta data, rematou a campaña da volandeira na Ría de Arousa.

A Secretaría Xeral de Pesca, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, publicou dúas resolucións polas que establecen disposicións adicionais da pesquería da xarda (Scomber scombrus) das zonas VIIIc e IXa, para os buques da frota doutras artes distintas ao arrastre e cerco do Cantábrico e Noroeste, con porto base nas provincias de PontevedraLugo.

Accións formativas

Durante o mes de marzo impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a todo o persoal da Confraría de Pescadores «San José» de Cangas do Morrazo e a todo o persoal responsable da manipulación dos produtos pesqueiros da empresa Mariscos Inés, S.L., que ten as súas instalacións no concello de Redondela.

Ter formación actualizada nestas materias é requisito imprescindible para a certificación no selo pescadeRías, ¿ de onde se non?.

Cursos de mariñeiro/a pescador/a

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro convoca tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol.

O número de prazas é de 60 por cada centro. O prazo de prematrícula finaliza ás 15:00 horas do 12 de abril de 2022. Os cursos celebraranse entre o 10 de maio e o 17 de xuño de 2022.