Entidades usuarias e adheridas

No 2019 seguimos medrando. Na actualidade son xa 118 as entidades usuarias da marca: 41 lonxas ou centros de primeira venta, 27 depuradoras e cetarias, 26 empresas de distribución e 24 empresas transformadoras. En relación ás entidades adheridas, suman un total de 304: 110  restaurantes, 182 peixerías e 12 tendas on line. Premendo aquí podes ver o listado completo e na seguinte ligazón a evolución desde o seu inicio no ano 2008. Grazas a todos/as polo voso compromiso.

Vedas de crustáceos

O día 6 de xaneiro toca despedirnos das nécoras, xa que ese día comeza o seu período de veda, que non rematará ata o vindeiro 1 de xullo. Tamén o día 6, comeza a veda do santiaguiño, crustáceo que tan só pode ser capturado os últimos tres meses do ano.

En canto ás aperturas, a partires do día 1 deste mes, e ata o 30 de setembro, a lagosta regresa ás lonxas, tras finalizar o seu periodo de veda.

Inicios de campaña

O 2 de xaneiro comeza a campaña da lamprea.  A lamprea é una especie eurihalina, é dicir, que pasa parte do seu ciclo de vida no río e outra parte no mar. Podemos atopala certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? procedente da lonxa de A Guarda.

Por outra banda, o pasado 27 de decembro, a Confraría de Pescadores de Bueu, comezou a campaña da vieira, na cal participan cinco embarcacións.

Galicia, desde o mar

A Consellería do Mar presentou en Bruxelas o vídeo Galicia, desde o mar (Galicia, by the sea), que conta coa participación de profesionais do sector pesqueiro galego que relatan o seu día a día e amosan o que para eles significa traballar no mar. O seu obxectivo é dar a coñecer ao executivo comunitario a realidade do sector e que ésta sexa tida en conta á hora de tomar medidas relacionadas coa xestión pesqueira. Preme aquí para ver o vídeo.

Julia’s story (the FARNET channel)

Julia Haz, presidenta da Agrupación de Mariscadoras Esteiro do Río Anllóns, protagoniza o vídeo elaborado por FARNET, no que explica o seu traballo e a evolución e dignificación do mesmo nos últimos anos. Preme aquí para velo.

O principal recurso explotado por esta agrupación, formada por 30 mariscadoras/es, é o berberecho, cunha cota de 25 quilos diarios, que extraen na enseada do río Anllóns.

Elas son a forza do Nadal

A Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), puxo en marcha a campaña Elas son a forza do Nadal, co obxectivo de visibilizar a contribución das mulleres a un sector tan estratéxico na provincia de Pontevedra como é o pesqueiro.

Os vídeos da campaña están dispoñibles na súa canle de youtube. Premendo aquí podes acceder ao protagonizado por Marta, da Peixería Mar de Arousa, en Vilagarcía, no que fala da importancia do etiquetado.

Adquisición de buques de pesca

Publicada a ORDE do 9 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para tripulantes de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2020 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

A finalidade das axudas é a primeira adquisición dun buque de pesca e o prazo de presentación remata o 27 de xaneiro.

Axudas pesca sustentable

Publicada a ORDE do 5 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos que fomenten a pesca sustentable para propietarios de buques pesqueiros, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e se convoca para o ano 2020 o devandito procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto.

A orde inclúe 5 diferentes liñas de axuda e o prazo de presentación remata o vindeiro 20 de xaneiro.

Axudas ao sector da transformación

Publicada a ORDE do 5 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento tramitado como expediente anticipado de gasto para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O prazo de presentación remata o vindeiro 20 de xaneiro. Preme aquí para acceder ao procedemento.

Recursos marisqueiros e algas

Publicado o DECRETO 153/2019, do 21 de novembro, polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, coa finalidade de garantir unha xestión sustentable dos recursos marisqueiros e das algas tendo en conta aspectos ambientais, económicos, sociais e de emprego. As actividades realizaranse ao abeiro de plans de xestión ou en zonas de libre marisqueo no marco do Plan Xeral de Explotación Marisqueira para recursos xerais. Como novidade, os plans poderán incluir actividades de turismo mariñeiro realizadas por mariscadoras/es.