Gastronomic Forum Barcelona

A marca pescadeRías de onde se non? participou na última edición de Gastronomic Fórum Barcelona, que se celebrou do 3 ao 5 de novembro.

As catas de produtos certificados pescadeRías de onde se non? estiveron a cargo de Marcos Arufe, do Espazo Remollo de Ames e de Javier Rodríguez “Taky” de Boqueté Catering de A Coruña.

As entidades certificadas Fish Factory, S.L., Artesa Rías Baixas S.L., O Percebeiro S.L, Costas y Miñán S.L. e Marítima de Hoteles y Restaurantes S.L. (HORESMAR) participaron como coexpositoras no stand institucional.

Etiqueta Negra Gourmet

Do 8 ao 10 de novembro celebrouse en Pontevedra a novena edición da feira ETIQUETA NEGRA Gourmet galego e innovación inspiradora.

O domingo día 9 tivo lugar o showcooking GALICIA SABE AMAR. pescadeRías de onde se non?, onde Héctor López do Restaurante España de Lugo presentou as súas creacións con robaliza  e berberechos certificados. Unha boa oportunidade para amosar a riqueza e a calidade dos produtos da pesca artesanal galega.

Participaron na feira as empresas certificadas Costas y Miñán S.L. e Insuapesca S.L.

Galicia sabe a orixe

O 6 de novembro celebrouse en Madrid o segundo evento Galicia sabe a orixe impulsado pola Xunta de Galicia, que ten como obxectivo destacar e promocionar a calidade dos produtos alimentarios entre un público profesional. O evento, no que participaron cociñeiros galegos de recoñecido prestixio, tivo lugar no Restaurante Bancal en Madrid, dependente da escola de cociña MOM Culinary Institute.

Entre os produtos destacados atopábanse peixes e mariscos certificados pola marca pescadeRías de onde se non?, presentes como embaixadores da orixe, da frescura e do compromiso coa pesca artesanal galega.

Certificacións

En outubro realizáronse diversas auditorías no marco da marca pescadeRías de onde se non?. Renovaron a súa certificación a OPP20, como lonxa, con alcance para bivalvos, crustáceos, algas e antozoos; Mariscos Daporta S.L., como depuradora e centro de expedición, con alcance para bivalvos e equinodermos; Confraría de Pescadores de Lira, como lonxa e entidade de transformación, con alcance para cefalópodos, gasterópodos, equinodermos, bivalvos, crustáceos e peixe; Confraría de Pescadores de Redondela, como lonxa e distribuidor, con alcance para bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe. A Confraría de Pescadores de Fisterra realizou a auditoría de seguimento para a súa lonxa, con alcance para bivalvos, cefalópodos, equinodermos, crustáceos, peixe e gasterópodos.

Formación

En outubro recibiron formación en Hixiene e Manipulación de Alimentos dúas entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?. Na Confraría de Redondela a formación estivo dirixida ao persoal administrativo, de lonxa e ao persoal que transporta os moluscos bivalvos á poxa da Lonxa de Mariscos de Vigo. En Pescados Noroeste S.L. recibiu a formación o persoal de pranta. Nesta entidade impartiuse ademais formación en APPCC ao persoal de calidade da empresa.

A formación enmárcase no proceso de preparación para a obtención da certificación pescadeRías de onde se non?, que garante a orixe e frescura dos produtos do mar, reforzando o compromiso da confraría coa sustentabilidade e a trazabilidade.

Peixerías adheridas

Durante o mes de outubro, adheríronse á marca catro novas peixerías:

Pescados e Mariscos Fátima, Pescadería Marcela, Peixes Portosín e Pescados Ramón.

As catro entidades atópanse na praza de abastos de Noia. Pescados e Mariscos Fátima e Peixes Portosín continúan na marca baixo unha nova dirección, afianzando o seu compromiso cos produtos do mar frescos, de calidade e proximidade.

En todos os establecementos, comercializan produtos da pesca artesanal procedentes das lonxas de Ribeira e Portosín e doutras lonxas da contorna.

Novo restaurante adherido

Damos a benvida á marca pescadeRías de onde se non? a un novo establecemento de hostalaría: Bágoa Gastrobar de Ourense.

En Bágoa, o cociñeiro Martín Fernández fai unha homenaxe ás súas avoas. O seu proxecto ten como base a comida tradicional galega pero cun toque moderno e internacional.

No seu establecemento mestúrase a tradición coa vangarda, o bo comer co bo rollo, e as ganas de festa co sabor de verdade.

A proposta gastronómica inclúe produtos procedentes da pesca artesanal galega que adquire a provedores certificados.

Aperturas de campaña

O 3 de novembro comezou a campaña do bou de vara na Ría de Arousa, e do bou de man ou rapeta nas Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo. Por tanto, volve a volandeira (Aequipecten opercularis) aos mercados. O período de capturas remata o 31 de marzo.

A campaña da centola (Maja brachydactyla) comeza o 10 de novembro nas zonas A e B, desde a desembocadura do Miño ata Estaca de Bares. O 1 de decembro abrirá a zona C, de Estaca de Bares ao Río Eo.

A campaña do boi (Cancer pagurus) comezou o 3 de novembro na zona C (de Estaca de Bares ao río Eo) e nas zonas A e B o 10 de novembro (da desembocadura do Miño a Estaca de Bares).

A especie do mes: melgacho

A especie protagonista deste mes é o melgacho (Scyliorhinus canicula), pequeno tiburón presente nas lonxas e mercados onde se vende limpo e esfolado porque ten unha pel moi áspera ao tacto. Este peixe cartilaxinoso posúe unha cabeza aplanada dorsoventralmente, algo triangular, morro curto. Os ollos son grandes, ovalados, en posición lateral. A súa cor é marrón clara polo dorso, salpicado de numerosas manchiñas negras, que forman zonas máis escuras e o ventre branco.

Vive en fondos de substrato coralíxeno, rochas cubertas de algas, area ou lama, desde os 40 metros ata os 700 metros de profundidade. Péscase con artes de pesca de enmalle, palangre e arrastre. Podes ampliar a información aquí.

A entidade do mes: Fresco y del Mar

A entidade do mes de novembro é a empresa distribuidora Pesca Artesanal Fresco y del Mar S.L., certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde xullo de 2023 para peixe, cefalópodos, crustáceos e bivalvos.

Con sede en Esteiro (Muros), a empresa merca diariamente en diversas lonxas da Costa da Morte e da ría de Muros e Noia, apostando pola frescura, trazabilidade e calidade dos produtos da pesca artesanal galega.

Comercializan os seus produtos tanto a consumidor final como a profesionais. A entidade conta cunha peixería online adherida á marca pescadeRías de onde se non? Os pedidos pódense realizar a través da web, por correo electrónico ou por teléfono.