Novos restaurantes adheridos

Na cidade de Vigo o restaurante La Candela ofrece na súa carta produtos procedentes da pesca artesanal nun ambiente ecléctico, con pequenos recunchos íntimos e agradables nos que sentirse como na casa. Tamén na cidade olívica, a carón da praia de Samil, en Marina Cíes Beach Club ofrecen tres tipos de cociña: tradicional, de autor e cociña xaponesa, así como servizo de comida para levar, todo elo elaborado con produtos frescos de mercado.

Pola súa banda na cidade de Ferrol, o restaurante D´tapas Café Bar ofrece no seu menú produtos frescos procedentes da pesca artesanal da lonxa desta localidade.

Certificacións

En abril a empresa distribuidora de peixes e mariscos Insuapesca, S.L. certificouse no selo pescadeRías co alcance de peixe, cefalópodos e crustáceos. Nas lonxas de Fisterra (bivalvos, cefalópodos, peixe, equinodermos, crustáceos e gasterópodos) e Aguiño (crustáceos, equinodermos e bivalvos) e nas empresas Mariscos Inés, S.L. (bivalvos, gasterópodos, crustáceos, cefalópodos, equinodermos e peixe), Cultivos Marinos de Vilanova, S.L. (bivalvos, equinodermos, gasterópodos e crustáceos) e Nagober, S.L. (cefalópodos e peixe) realizáronse auditorías de recertificación. A lonxa de Ferrol (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixes e antozoos) e a depuradora Mariscos Ramáis, S.L. (bivalvos) tiveron auditorías de seguimento.

Accións formativas

Durante o mes de abril impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a todo o persoal da Confraría de Pescadores de Pontedeume, da Confraría de Pescadores de Aguiño e da Confraría de Pescadores de Baiona.  

Ter formación actualizada nestas materias é requisito imprescindible para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Usuario do mes: Los Peperetes

A empresa Jelopa, S.L. é a propietaria da prestixiosa marca de conservas gourmet Los Peperetes, que elabora de xeito artesanal nas súas instalacións de Carril (Vilagarcía de Arousa – Pontevedra). Con máis de 30 anos de experiencia no sector, a selección e manufactura do marisco é a base fundamental do seu proceso para ofrecer á súa clientela un produto de máxima calidade coas mellores materias primas e tratadas co máximo respecto.

Especie do mes: ameixa rubia

O nome deste molusco bivalvo provén da súa tonalidade encarnada, que lle dá un aspecto diferente ao das outras ameixas. A maior parte das capturas realízanse dende pequenas embarcacións con raños, rastros ou ganchos. Tamén está permitida a súa extracción con endeño remolcado cunhas medidas reguladas. Se queres saber máis sobre esta especie e os seus valores nutricionais, preme aquí para ver unha ficha.

Aperturas e peches

O 2 de maio comezou a campaña da zamburiña na Ría de Ferrol. A explotación desta especie realízase baixo un plan de xestión conxunto presentado polas Confrarías de Ferrol, Mugardos e Barallobre, no cal están autorizadas 13 embarcacións que extraen esta especie con rastros de vieira/volandeira. O tope de capturas por tripulante e día é de 25 quilos. Por outra banda, en abril rematou a tempada para a captura de ourizo nas nosas costas.

Comeza a veda do polbo

O vindeiro 20 de maio comezará a veda do polbo en Galicia que durará ata o día 4 de xullo.

Máis do 90% do polbo comercializado nas lonxas galegas leva na súa etiqueta de primeira venda o selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Tamén podémolo atopar baixo este distintivo conxelado, cocido e pasteurizado ou en conserva. Premendo aquí podes consultar o listado de entidades certificadas para esta especie.

Premios Galicia Alimentación

Clúster Alimentario de Galicia convoca os Premios Galicia Alimentación co obxectivo de recoñecer e visibilizar as mellores prácticas en emprendemento, dixitalización, innovación, marketing, sustentabilidade e internacionalización do sector alimentario: produto innovador, produto excelente, proxecto empresarial ou institucional e estratexia de mercado.

Para máis información e inscricións preme aquí. En prazo ata o 31 de maio.

Convocatoria de PERMEX

Convocatoria de proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de percebe dende embarcación nas confrarías de Malpica e A Guarda. Convocatoria de proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de algas, mergullo en apnea e con subministro de aire dende superficie, da confraría de Corme. Convocatoria de proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación na modalidade de marisqueo a pé da confraría de Pontevedra. Convocatoria de proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de solénidos, mergullo en apnea e con subministro de aire dende superficie, da confraría de Muros.

O desove do bocarte evidencia o fenómeno das bioturbulencias

Un estudo realizado no marco do proxecto Remedios, publicado na revista Nature Geoscience, demostra que os peixes contribúen á produción de turbulencia e mestura oceánica nas rexións costeiras, polo que o papel que xogan na distribución de calor, nutrientes e osíxeno é máis importante do que se pensaba. O estudo constitúe a primeira evidencia científica obtida a partir de medicións in situ deste fenómeno. Preme aquí para ver unha pílula divulgativa do estudo e aquí para acceder a un artigo sobre o mesmo.