A pesca artesanal galega, en Etiqueta Negra Gourmet

Do 7 ao 9 de novembro, temos unha cita en Pontevedra. A feira Etiqueta Negra Gourmet contará coa presenza da pesca artesanal galega no stand institucional da Consellería do Mar.

As empresas certificadas por pescadeRías de onde se non? Conservas Lago Paganini, Costas y Miñán S.L., a OPP95 Noia e Insuapesca S.L. participarán como coexpositoras e amosarán os seus produtos aos visitantes.

E tamén haberá tempo para probar e descubrir novas formas de preparalos. Ao longo da fin de semana celebraranse varios showcookings e catas con produtos da pesca artesanal galega.

Tres días para coñecer, degustar e gozar dos produtos da pesca artesanal galega.

Formación sobre a marca no CIFP Manuel Antonio de Vigo

O vindeiro 6 de novembro, o equipo de xestión de pescadeRías de onde se non? impartirá unha charla-obradoiro no CIFP Manuel Antonio de Vigo, dirixida ao alumnado de Dirección de Cociña e Comercialización de Produtos Alimentarios.

A sesión terá un enfoque práctico para achegar aos futuros profesionais da hostalaría e da comercialización alimentaria o valor da pesca artesanal galega e dos seus produtos.

Falaremos da marca, do etiquetado e da trazabilidade, da seguridade alimentaria e das ferramentas dixitais para coñecer os produtos do mar. Tamén aprenderán a identificar moluscos bivalvos, consultar as tallas mínimas e recoñecer os indicadores de frescura do peixe.

Aperturas e peches de campaña

Remata a campaña de pesca coa arte do boliche e comeza a da volandeira (Aequipecten opercularis).

O 31 de outubro pechou a campaña do boliche, unha arte de pesca que ten na lura (Loligo vulgaris) a súa principal especie obxectivo.

Pola súa parte, o 2 de novembro comezou a campaña da volandeira, que está previsto que se prolongue ata abril.

A nova tempada da volandeira chega tras unha campaña histórica: preto de 424 toneladas descargadas e máis de 1,8 millóns de euros de facturación, cifras récord para esta especie. A lonxa de Tragove, en Cambados, foi a gran protagonista, ao concentrar o 75% das vendas totais de volandeira durante a pasada campaña.

Seis novas peixarías súmanse á marca

A rede de establecementos adheridos a pescadeRías de onde se non? segue medrando.

Este mes damos a benvida a seis novas peixarías que apostan por ofrecer á súa clientela produtos da pesca artesanal galega certificados pola marca.

• Peixes Franmar e Pescados y Mariscos Mayán, na Praza de Abastos de Ribeira.
• Pescados y Mariscos Triana e Pescadería Valentín, no Centro Comercial 3 Praza de América, en Vigo.
• Pescadería Fashion Fish, no Mercado do Berbés, en Vigo.
• Pescados y Mariscos Martínez Balea, na Praza de Abastos de Portonovo.

Seguimos visibilizando puntos de venda nos que atopar peixes e mariscos frescos e de proximidade con garantía de orixe.

Entidades usuarias e certificacións

As confrarías de pescadores de Muros e Mugardos recertificaron as súas lonxas en outubro. A primeira mantén a certificación para bivalvos, cefalópodos, crustáceos, peixes e equinodermos, mentres que a segunda continúa certificada para bivalvos e gasterópodos.

Pola súa parte, Mariscos Calimar S.L. renovou a certificación para a expedición, transformación e distribución de equinodermos.

Finalmente, Mariscos Campelo S.A. renovou a certificación como depuradora, centro de expedición e distribuidora de moluscos bivalvos.

Os certificados teñen unha validez de cinco anos. Durante este período, as empresas sométense a auditorías de seguimento para comprobar que seguen cumprindo os requisitos da marca.

Especie do mes: Berberecho

Este mes dedicámoslle a nosa ficha a un dos moluscos máis populares das rías galegas: o berberecho (Cerastoderma edule).

De cuncha arredondada e con entre 22 e 28 costelas ben marcadas, vive enterrado a poucos centímetros da superficie, en fondos de area fina e lama. Grazas ao seu pé musculoso, pode dar pequenos saltos e enterrarse rapidamente na area.

Captúrase tanto a pé como desde embarcación, utilizando diferentes ferramentas de marisqueo, como o sacho, a forquilla ou o raño.

E na cociña? Ao vapor, con arroz, en guisos ou nunha empanada de millo ao estilo da ría de Arousa é un produto de éxito asegurado.

Amplía a información aquí.

Entidade do mes: Conservas Lago Paganini

A historia de Conservas Lago Paganini comeza en 1915, nun pequeño negocio de salgaduras no peirao de Ojea, en Cangas. Máis dun século despois, esta empresa familiar continúa dedicada á elaboración de conservas de produtos do mar.

Hoxe traballa desde o polígono de Castiñeiras, en Bueu, onde combina a experiencia acumulada durante xeracións cos procesos da industria conserveira actual.

O pasado mes de febreiro incorporouse á marca pescadeRías de onde se non? como empresa transformadora certificada. A certificación abrangue unha ampla variedade de produtos: cefalópodos, peixes, moluscos bivalvos, equinodermos e algas.

Unha traxectoria centenaria que segue a sumar novos capítulos.

BIOTOX

O proxecto BIOTOX (2022-2026) estuda as proliferacións de Alexandrium minutum, unha microalga que produce toxinas paralizantes e pode afectar á actividade marisqueira nas rías galegas.

A investigación estuda os factores que favorecen que o desenvolvemento destas proliferacións, como inflúen as interaccións con outros organismos mariños e que determina a toxicidade da microalga. Os resultados permitirán coñecer mellor estes episodios, unha información de interese para o seguimento das proliferacións tóxicas nas nosas rías.

No proxecto participa persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC).

Podes ler o artigo aquí.

A receita do mes: Salmonete con arroz das súas espiñas torradas e aire do seu caldo

Este mes propoñemos unha receita na que se aproveita o salmonete ao máximo. Emma Pinal, do Gastrobar O Birrán, combina os lombos deste peixe cun arroz elaborado a partir dun caldo das súas propias espiñas torradas.

O caldo, preparado con verduras e alga kombu, é a base do arroz, que se cociña cunha salmorreta de allo, tomate e pemento chouriceiro. Os lombos de salmonete márcanse na tixola e remátanse no forno para conservar a súa textura.

O prato complétase cun aire elaborado co mesmo caldo de espiñas, que achega un toque lixeiro á presentación.

Descubre a receita completa aquí e anímate a preparala!