Nova entidade certificada

A Organización de Produtores Pesqueiros OPP-95 Noia superou recentemente o proceso de auditoría inicial e quedou certificada como entidade usuaria da marca de calidade pescadeRías de onde se non? para a xestión da depuradora de bivalvos de Testal, en Noia.

A OPP-95 Noia foi creada pola Confraría de Pescadores de Noia co obxectivo de reforzar a xestión colectiva da actividade pesqueira e a comercialización dos seus produtos, e asume agora a xestión da depuradora, anteriormente a cargo da confraría.

A certificación da OPP-95 garante a continuidade dos criterios de funcionamento, control e seguimento esixidos pola marca na xestión das instalacións e na comercialización dos bivalvos.

Restaurantes adheridos

Rematamos o ano cunha campaña de adhesión de restaurantes á marca pescadeRías de onde se non? nas comarcas de Ferrolterra, A Coruña e Santiago de Compostela, o que reforza a visibilidade dos produtos da pesca artesanal galega no ámbito da restauración.

Damos a benvida ao Restaurante Sinxelo e ao Restaurante Modesto de Ferrol; A Rampa do Solpor (Mugardos), Hotel Restaurante A Roldana (Narón), Restaurante Licar e Restaurante Pepecho de Sada, Fogar do Santiso (A Coruña) e á Barra de Mercado O Testo (Santiago de Compostela).

Agradecemos a súa aposta por dar visibilidade a un produto local con garantía de frescura, orixe e trazabilidade, xunto cunha oferta gastronómica comprometida co territorio e co mar.

Peche de campañas

O pasado 5 de xaneiro pechouse a campaña da lagosta (Palinurus elephas), a nécora (Necora puber) e o santiaguiño (Scyllarus arctus), tres especies emblemáticas que volverán progresivamente aos mercados ao longo do ano: a lagosta o 1 de abril, a nécora o 1 de xullo e o santiaguiño o 1 de outubro.

Durante a campaña da nécora comercializáronse 81 toneladas, cun valor próximo aos dous millóns de euros. As lonxas de Vigo, A Coruña, Ribeira, O Grove e Cangas concentraron o 65% do volume de primeira venda.

No caso do santiaguiño, nos seus tres meses de campaña capturáronse 850 quilos, cunha facturación de 105.000 euros. O prezo medio en lonxa foi de 123 euros por quilo, acadando máximos de 280 euros.

Especie do mes: a cornicha

Recoñecible pola súa cuncha branca de forma oval tirando a triangular, a cornicha (Spisula solida) captúrase principalmente mediante marisqueo a flote co raño, e adoita aparecer asociada á ameixa babosa e á rubia. En determinadas zonas tamén pode recollerse a pé con ganchas.

O seu prezo nos mercados é máis económico que o doutras especies como a rubia, a babosa ou a xapónica, polo que é unha excelente opción para axustar o orzamento da cesta da compra.

Na cociña ofrece múltiples posibilidades: en fresco encaixa perfectamente cunha salsa mariñeira tradicional, en empanada ou guisada con patacas. Tamén resulta moi saborosa acompañando pastas ou fabas.

Podes ampliar aquí a información.

Entidade do mes: Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño

A Confraría de Pescadores de Carreira – Aguiño, fundada no ano 1924, é unha das entidades históricas do sector pesqueiro galego e un referente na posta en valor dos produtos do mar.

Certificada pola marca pescadeRías de onde se non? desde 2008, a súa certificación abrangue crustáceos, bivalvos e equinodermos. No ano 2025, o principal recurso comercializado por volume foi o ourizo, con 60 toneladas capturadas, seguido da navalla, o percebe e a ameixa babosa. Por importe de vendas, o percebe destacou como o recurso máis relevante, cunha facturación próxima aos 950.000 euros, que representou o 34% da recadación total.

Cada mes de xullo, a confraría organiza a tradicional Festa do Percebe de Aguiño, unha cita clave para achegar este produto de alta calidade ao público.

O artigo do mes: Ferramentas para o coidado dos bancos de marisqueo

Achegámonos á evolución das tarefas asociadas ao marisqueo na Ría de Pontevedra a través da experiencia de Andrés Simón, Asistencia Técnica da Lonxa de Campelo AIE, Miguel Prado, patrón da embarcación Lonxa de Campelo, e Iban Cortegoso, mariñeiro da mesma embarcación.

O artigo analiza como a innovación e a mecanización poden convivir cun modelo extractivo tradicional, socialmente sostible e profundamente vencellado ao territorio. A partir do traballo desenvolvido nas confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó, os autores expoñen retos ambientais, solucións técnicas e resultados concretos que amosan que é posible avanzar sen renunciar á esencia do marisqueo galego.

Podes ler o artigo completo aquí.

A receita do mes: albóndegas de choco

Este mes achegámonos á cociña da man de Alberto Ribas, creador de contidos de gastronomía e turismo e autor do blog Alvientoooo. Alberto convídanos a preparar unha receita con sabor a mar e moita personalidade: unhas albóndegas de choco que aprendeu do cociñeiro e profesor de cociña Ricardo Fernández.

Apaixonado por experimentar e saír do convencional, Alberto aposta polo choco como un dos seus ingredientes estrela, pola súa versatilidade e pola súa fonda ligazón coa nosa cociña mariñeira. Unha proposta sinxela pero chea de matices, perfecta para poñer en valor os produtos da pesca artesanal galega e gozar do mar na mesa.

Pon o mandil e anímate a cociñar estas albóndegas. Podes ver a receita completa aquí.

Sorteo de Experiencia pescadeRías de onde se non?

En pescadeRías de onde se non? queremos compartir contigo o que nos fai únicos: o traballo honesto da xente do mar e uns produtos que nacen do respecto polo océano e polo saber facer de xeracións enteiras.

Por iso organizamos o sorteo dunha experiencia para dúas persoas que inclúe a visita a unha entidade certificada nas Rías Baixas, onde poderás achegarte á pesca artesanal galega, e unha cata de produtos do mar que falan por si sós.

Un premio para achegarte á orixe, á confianza e á calidade que identifican a pesca artesanal galega.

Participa nas nosas redes sociais (Facebook e Instagram) ata o 14 de xaneiro e descubre por que pescadeRías de onde se non? é sinónimo de mar, territorio e confianza.

Consulta as bases do sorteo en Facebook aquí.

Consulta as bases do sorteo en Instagram aquí.