Accións formativas

Durante o mes de marzo impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a todo o persoal da Confraría de Pescadores «San José» de Cangas do Morrazo e a todo o persoal responsable da manipulación dos produtos pesqueiros da empresa Mariscos Inés, S.L., que ten as súas instalacións no concello de Redondela.

Ter formación actualizada nestas materias é requisito imprescindible para a certificación no selo pescadeRías, ¿ de onde se non?.

Cursos de mariñeiro/a pescador/a

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro convoca tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira e na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol.

O número de prazas é de 60 por cada centro. O prazo de prematrícula finaliza ás 15:00 horas do 12 de abril de 2022. Os cursos celebraranse entre o 10 de maio e o 17 de xuño de 2022.

Convocatoria de PERMEX

Convocatoria de proceso selectivo para o outorgamento da modalidade de anémone no permiso de explotación de embarcacións na confraría de pescadores de Camelle. Convocatoria de procesos selectivos para o acceso ao permiso de explotación na modalidade de marisqueo a pé nas confrarías de pescadores de Lira, Pontedeume e Mugardos. Convocatoria de procesos selectivos para o acceso ao permiso de explotación da modalidade de percebe a pé nas confrarías de pescadores de Malpica e Lira. Convocatoria de procesos selectivos para o outorgamento da modalidade de algas, da modalidade solénidos e da modalidade anémone na confraría de pescadores de A Illa de Arousa.

Efecto do ruído nos bivalvos

A contaminación acústica que as actividades humanas provocan baixo a auga constitúe un problema ambiental para a fauna submarina.

Soledad Torres Guijarro, investigadora no Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) no campo da acústica submarina, ofrécenos neste artigo algunhas conclusións sobre o efecto do ruído das embarcacións a motor sobre os moluscos bivalvos en base a estudos realizados en 2021 no Centro de Investigacións Mariñas de Toralla e no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo.

A receita do mes

O berberecho (Cerastoderma edule) é un molusco bivalvo baixo en calorías e graxas pero rico en minerais entre os que destacan o iodo, o ferro, o selenio, o fósforo e o calcio. Tamén contén vitamina A e niacina.

Este mes Begoña Vázquez, propietaria do Restaurante Regueiro da Cova en Verín, adherido ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? e membro do grupo Cociña Ourense, ofrécenos esta receita na cal os acompaña de salmorejo de amorodos.

Preme aquí para acceder a ela.