Novos restaurantes adheridos

Este mes contamos con tres novas adhesións: En Pontevedra, na Praza da Leña, o restaurante O Eirado, que conta cunha Estrela Michelín e un Sol Repsol, e anexo ao mesmo, A Tapería Loaira, ofrecen na súa carta unha variada mostra de produtos do mar de tempada procedentes da nosa pesca artesanal. Por outra banda, en Madrid, no restaurante Farmacia de Guardia, situado no Barrio de Malasaña, podemos atopar orixinais elaboracións con produtos de O Percebeiro, entidade certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Certificacións e recertificacións

Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal acaba de obter a certificación da marca pescadeRías, ¿de onde se non?. A entidade xa pode comercializar os bivalvos, cefalópodos, peixes e crustáceos que venden na súa lonxa baixo o selo de calidade que identifica e promociona os produtos procedentes da pesca artesanal.

Por outra banda, Frigoríficos Moldes S.L. renovou a súa certificación na marca como transformador para os grupos biolóxicos cefalópodos e algas.

Plan territorial de continxencias

Publicada a RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2021 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de xaneiro de 2021 polo que se aproba a revisión do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste Plan, determínase o protocolo de actuación dos distintos departamentos da Comunidade Autónoma que teñen competencia directa nas actuacións do mesmo, así como a actuación ou participación que a outras administracións lles corresponde neste tipo de sucesos.

Proxecto VIRADA

Nos caladoiros galegos podemos atopar máis de 20 especies de cetáceos, sendo inevitable a interacción destes coa frota pesqueira, coa que comparten un mesmo espazo.  Neste escenario, o proxecto VIRADA, posto en marcha pola CEMMA, ten como obxectivo contribuir á protección da biodiversidade mariña e á sustentabilidade da pesca mediante a redución das capturas accidentais de cetáceos, en colaboración co sector pesqueiro. Podes ter máis información sobre este proxecto neste artigo de José Martínez Cedeira, presidente da CEMMA, especialista en estudos de interacción cetáceos-pesca.

A receita do mes

Axeitada para os últimos días do inverno, a nosa proposta para este mes é unha receita tradicional da nosa cociña, caldeirada de pescada preparada polo chef Iñaki Bretal do restaurante O Eirado de Pontevedra.

Iñaqui Bretal, forma parte do Grupo Nove. A súa cociña aposta por produtos galegos de calidade, con gran presenza dos produtos do mar, que elabora destacando o mellor sabor de cada un deles, coidando a súa orixe e autenticidade.

Preme aquí para acceder a receita.