DIETLÁNTICA

Os días 13 e 14 de setembro celebrarase en Santiago de Compostela e Ribeira o I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible (DIETLÁNTICA). Promovido pola Fundación Dieta Atlántica a través da Universidade de Santiago de Compostela e coa colaboración da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o foro contará con profesionais de recoñecido prestixio que debatirán sobre os beneficios dunha dieta saudable desde os puntos de vista nutricional, medioambiental e social. Preme aquí para máis información.

pescadeRías no Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU

Entre o 10 e o 19 de setembro terá lugar a 14º Edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu – FICBUEU 2021.

O Domingo 19, directores/as e críticos/as do cinema e profesionais do audiovisual, música e radio asistirán á cata Descubrindo as excelencias do noso mar con pescadeRías, ¿de onde se non?, na cal terá lugar unha mostra de cociña en directo capitaneada por Criselda Iglesias (Tapería Lecer) con degustación de produtos do mar certificados .

Sementeira en Vilanova de Arousa

A Cofradia Pescadores A Pastoriza de Vilanova de Arousa, está a realizar tarefas de rexeneración dos seus bancos marisqueiros. O pasado mes sementaron máis de 250.000 unidades de ameixa babosa nos seus bancos de marisqueo a flote. Previamente arouse a zona e fíxose unha limpeza do substrato.

Esta actividade é a primeira parte dunha sementeira que se completará o próximo ano con 1.000.000 de unidades máis desta mesma especie.

Triple Coroa Illas Atlánticas

O pasado 4 de setembro tivo lugar a segunda edición da Triple Coroa Illas Atlánticas, na que máis de 120 nadadores percorreron 23 kms entre Ons e Combarro. Un dos obxectivos do evento foi a posta en valor da riqueza natural das Illas Atlánticas así como o patrimonio marítimo e cultural de Galicia. Os produtos pescadeRías estiveron presentes na degustación de produtos galegos que tivo lugar no Mosteiro de Poio en dúas preparacións: empanada de millo con xoubas e Fabas de Lourenzá con polbo.

Accións formativas

O pasado 20 de agosto impartiuse un curso de hixiene e manipulación de alimentos a responsables do cabildo, mariscadores a flote e pescadores de anguía da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade.

A formación no ámbito da hixiene e a manipulación do produto é requisito indispensable para superar as auditorías que se levan a cabo para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Os nosos usuarios: Conservera Gallega, S.A.

Conservera Gallega, S.A. é unha empresa centenaria dedicada á fabricación de conservas de peixes e mariscos ubicada en Vilanova de Arousa.

Elaboran as súas conservas de xeito tradicional con produtos de máxima calidade que seleccionan e empacan artesanalmente e que comercializan baixo as marcas Paco Lafuente e Rosa Lafuente.

Recertificacións e ampliacións

Ao longo do mes de agosto realizaron auditorías de recertificación a Confraría de Pescadores de Arcade (bivalvos e peixes) e a Confraría de Pescadores de Muros (bivalvos, cefalópodos, peixes, crustáceos e equinodermos). Así mesmo, a depuradora José Mª Daporta e Hijos, que tiña como alcance moluscos bivalvos, solicita ampliación de certificación ao grupo biolóxico crustáceos.

Convocatorias de axudas

Convocatoria de axudas destinadas á creación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros.

Convocatoria de axudas autonómicas para proxectos colectivos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do medio ambiente, da seguridade e das condicións de traballo, e da calidade e do control e rastrexabilidade dos produtos desembarcados da pesca.

O prazo para ambas remata o 13 de setembro.

Proxecto OCIMER

O proxecto OCIMER “Optimización do cultivo integral e a metodoloxía de repoboación do ourizo de mar» ten como obxectivo implementar novas técnicas optimizadas de cultivo e metodoloxía de repoboación do ourizo de mar (Paracentrotus lividus), que contribúan a mellorar a calidade das gónadas producidas, ampliando o seu período de comercialización no mercado, así como á recuperación das poboacións de zonas sobreexplotadas e da actividade pesqueira asociada. Está a desenvolverse nas instalacións do CIM- Uvigo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) e ten como socia á Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas, contando co apoio do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Preme aquí para acceder a un artigo sobre este proxecto.