Campaña da vieira en Ferrol

O luns, 23 de marzo, comezou a campaña de extracción da vieira na Ría de Ferrol. 12 embarcacións procedentes das Confrarías de Pescadores de Ferrol, Barallobre e Mugardos descargaron as súas capturas na Lonxa de Ferrol.

A campaña prolongarase ata mediados de abril cun tope diario de 3.000 kg, entre todos os barcos. Tras pasar por un proceso de depuración, eviscerarase nas empresas Vieiras de Ferrol S.L. e Porto de Cambados S.L., ambas entidades certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Especies certificables

Os pepinos do mar, son especies con ampla presenza nas nosas costas. Aínda que no noso territorio non esteamos habituados ao seu consumo, algunhas confrarías galegas contan con plans para a súa explotación polo seu interese comercial noutras comunidades ou países. As 4 especies amparadas pola marca son: cogombro de mar vermello (Parastichopus tremulus), cogombro de mar negro (Holothuria forskali), cogombro de mar tubo (Holothuria tubulosa) e cogombro de mar real (Parastichopus regalis). Preme aquí para saber máis.

Fin da campaña marisqueira en Noia

O pasado mércores 30 de marzo, rematou a campaña marisqueira na Ría de Noia, na que participaron arredor de 1500 persoas autorizadas para a extracción de berberecho, ameixa fina, ameixa babosa e ameixa xaponesa, entre mariscadores/as a pé e dende embarcación.  Os bivalvos comercializados na lonxa de Testal e o centro de primeira venda de O Freixo están certificados polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Os nosos usuarios: Vieiras de Ferrol

Coincidindo coa apertura da campaña da vieira na ría de Ferrol, a empresa certificada Vieiras de Ferrol, S.L., reiniciou a súa actividade como centro autorizado para o eviscerado deste bivalvo. Vieiras de Ferrol, S.L. comercializa vieiras e zamburiñas evisceradas,  conxeladas ou en fresco, e co selo pescadeRías busca a posta en valor dos seus produtos.

Pesquería da xarda

A Secretaría Xeral de Pesca, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, ven de publicar tres resolucións polas que establecen disposicións adicionais da pesquería da xarda (Scomber scombrus) das zonas VIIIc e IXa, para os buques da frota doutras artes distintas ao arrastre e cerco do Cantábrico e Noroeste, con porto base nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo.

Accións formativas

O pasado 16 de marzo tivo lugar unha charla informativa a minoristas da praza de abastos de Ribeira sobre a marca de calidade pescadeRías, ¿de onde se non?.

A marca distingue a peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal, sendo a Lonxa de Ribeira unha das máis importantes lonxas de baixura en Galicia en canto a volume de ventas.

Nos mercados de abastos podemos atopar unha ampla variedade de produtos frescos do día, amparados polo selo. Mira as etiquetas e busca o distintivo.

Novas adhesións

Fresco y del mar, a peixería online de Mariscos A Insua S.L., que ofrece peixe e marisco fresco galego procedente da pesca artesanal da Costa da Morte e da Ría de Muros e Noia, adheriuse o pasado mes ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Así mesmo, en Carril, contamos coa adhesión de Peixería Lucía, que tamén realiza unha ruta de reparto como peixería ambulante pola contorna.

Por outra banda, en Cedeira, no Restaurante Vilavella, tamén adherido en marzo, podemos degustar peixes e mariscos de tempada da lonxa desta localidade.

Certificacións e ampliacións

En marzo acadaron a certificación as seguintes empresas: Fish Factory, S.L., distribuidor de conservas de peixe e bivalvos, José Javier Lago Figueiras, distribuidor de peixe, cefalópodos e crustáceos, Mariscos A Ínsua, S.L., distribuidora de bivalvos, crustáceos, cefalópodos, peixe e equinodermos e a depuradora e cetária Murosmar, S.L.U. (bivalvos e crustáceos). HQ Seaweed ampliou a súa certificación á transformación de algas, Conservas Portomar (bivalvos e equinodermos) ampliou o seu alcance á transformación de peixe e a Lonxa de Muros (bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe) ampliouno a equinodermos.

Cursos de mariñeiro/a pescador/a

A Consellería do Mar convoca tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade online que terán lugar entre o 18 de maio e o 25 de xuño de 2021 cunha duración de 50 horas. As accións formativas serán impartidas pola Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo, correspondendo 60 prazas a cada unha delas. O período de inscrición remata o vindeiro 16 de abril ás 15:00 horas. Podes consultar máis información premendo aquí.

Dieta atlántica: ecoetiquetas

A dieta atlántica, na cal peixes e mariscos son unha parte importante e característica, é moi respectuosa co medio ambiente, axudando a cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel definidos pola ONU, e sendo unha das que presentan unha menor pegada de carbono e hídrica.

Premendo aquí atoparás un artigo do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Gumersindo Feijoó sobre a dieta atlántica como hábito de vida saudable e sustentable e a importancia das ecoetiquetas.