Novos restaurantes adheridos

En Cedeira, o restaurante El Náutico, con máis de 75 anos no sector, ofrece unha cociña tradicional e sinxela con produtos de primeira calidade.

En Rianxo, na taberna tradicional Curral do Marqués, atopamos unha cociña de autor, con produtos locais e de tempada. En días solleiros, podemos ademais desfrutar da súa ampla terraza no xardín.

Axudas COVID-19

ORDE do 17 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas afectadas pola crise da COVID-19 financiado con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

ORDE do 26 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19, e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría, e se procede á súa convocatoria para 2020.

Accións formativas

En novembro, impartiuse formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos e en Sistemas APPCC nas Confrarías de Pescadores de Pontedeume e Redondela, así como na empresa certificada HQ Seaweed S.L.

Un dos requisitos esixidos pola marca pescadeRías, ¿de onde se non? é que os establecementos conten cun sistema APPCC implantado, garantindo así o cumprimento de todos os requisitos hixiénico-sanitarios establecidos pola lexislación vixente. Así mesmo, todo o persoal manipulador, ou con responsabilidades no sistema APPCC, debe recibir a formación correspondente de xeito regular.

Convocatoria de PERMEX

Publicada a RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2020 da Xefa Territorial da Consellería do Mar en Vigo pola que se convoca o proceso selectivo para o acceso ao permiso de explotación de percebe a pé da confraría de a Guarda. O número de prazas ofertadas é de 4. Podes acceder a toda a información premendo aquí.

O plan de xestión do recurso percebe na modalidade a pé da Confraría de A Guarda, contempla un número máximo de 50 permisos de explotación, cun tope de 4 quilos netos de percebes por persoa e día. A Lonxa de A Guarda está certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non? para todos os grupos biolóxicos que comercializa.