Accións formativas

Durante o mes de marzo impartiuse formación en Manipulación de Produtos Pesqueiros a todo o persoal e responsables da Confraría de Pescadores de Malpica e ao personal das empresas Mariscos Calimar, S.L., Mariscos Islas Cíes, S.L. e Moluscos Ven do Mar, S.L.

Ter actualizada a formación nestas materias é requisito necesario para a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Solla de Rianxo en Vivir o Mar

O pasado 19 de marzo a solla foi protagonista dunha reportaxe do programa Vivir o Mar, na cal tamén participaron dúas entidades adheridas: a peixería As Rianxeiras no Mercado de Santiago e o restaurante Aghro da Corna de Rianxo, onde prepararon unha falsa caldeirada de solla con puré de patacas, castañas e apio nabo, conforme a receita publicada no boletín do pasado mes.

Preme aquí para ver o vídeo.

Feiras internacionais

No que vai de ano, a Consellería do Mar, baixo o lema GALICIA SABE AMAR, participou en tres importantes feiras internacionais acompañada de empresas galegas do sector. Entre o 20 e o 24 de febreiro estivo na Gulfood en Dubai, entre o 7 e o 10 de marzo na Foodex Japón, acompañada entre outras, da empresa certificada Porto-Muiños, e entre o 12 e o 14 de marzo participou na Seafood Expo de Boston. Preme aquí para ver algunhas imaxes destes eventos.

Nova Lei de Pesca Sostible

O pasado 18 de marzo publicouse no BOE a Lei 5/2023, de 17 de marzo, de pesca sostible e investigación pesqueira.

Entre outras medidas, a nova lei estabelece que o coeficiente reductor a aplicar nas actividades de marisqueo e recollida de percebes e algas será do 0,15 e recoñece este mesmo coeficiente para o colectivo das redeiras así como para os mergulladores profesionais.

Cursos de mariñeiro/a pescador/a

Convocados tres cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade de teleformación: na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira, na Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol e no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O período de preinscrición para estes cursos que contan con 60 prazas cada un, está aberto ata o próximo 14 de abril.

Curso de recolector/a de recursos específicos

Publicada a RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2023 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro pola que se convoca un curso de recolector/a de recursos específicos con técnicas de mergullo no Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) na Illa de Arousa. O prazo de admisión de solicitudes remata o 14 de abril e o número de prazas é de 12.

Aperturas e peches

O 31 de marzo rematou o periodo autorizado para a captura do lumbrigante, que poderá volver a ser extraído a partir do 1 de xullo.

Por outra banda, o 31 de marzo rematou a campaña da volandeira na Ria de Arousa e entre o 27 e o 30 de marzo realizáronse extraccións de vieira na Enseada de San Simón por parte de 3 embarcacións da Confraría de Pescadores de Redondela.

Plan da Anguía na ría de Vigo

Publicada a RESOLUCIÓN de 6 de febrero de 2023 pola que se autoriza o Plan de pesca de anguía para as confrarías de pescadores da ría de Vigo, tempada 2023.

O período autorizado será desde o 1 de maio ata o 31 de outubro. As artes autorizadas son nasa voitirón e nasa para anguía e ningunha embarcación poderá empregar máis de 80 nasas ao día.

Novos plans de xestión

Aprobados os plans de xestión de marisqueo de nova incorporación para a conservación e explotación do ourizo na súa modalidade a pé durante o período 2023-2024, presentado pola confraría de pescadores de Muxía e de anemone (Anemonia viridis) e longueirón (Ensis siliquia) na modalidade de mergullo con subministro de aire dende embarcación das confrarías de pescadores de O Barqueiro e Espasante.

Convocatoria de PERMEX

Convocados procesos selectivos para o acceso ao permiso de explotación, na modalidade de marisqueo a pé, para o exercicio da actividade extractiva nas Confrarías de Pescadores de A Illa de Arousa, O Barqueiro, Cabo de Cruz e Muros, e na Agrupación de Mariscadoras de San Cosme de Barreiros.

Convocados procesos selectivos para o outorgamento da modalidade solénidos e da modalidade anemone, ambas a mergullo con subministración de aire dende superficie, das Confrarías de Pescadores de Espasante e O Barqueiro.