Visita guiada á praza de Bueu

O sábado 27 de abril realizouse unha visita guiada á  praza de abastos de Bueu para a Asociación de Mulleres en Igualdade de Galicia.

As participantes comezaron a visita polo porto, onde recibiron información sobre o tipo de pesca, embarcacións e artes coas que se capturan os produtos certificados pola marca pescadeRías de onde se non? Xa na praza, fixeron un recorrido polas bancadas para ver os mariscos e os peixes expostos, identificar as súas características de frescura e interpretar os distintos apartados dunha etiqueta de peixes e mariscos.

Formación a entidades certificadas

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. O equipo de xestión da marca imparte formación aos distintos axentes certificados para que poidan aplicar estes coñecementos no seu día a día.

No mes de abril impartiuse formación sobre a marca ao persoal da Confraría de Pescadores San José de Cangas e da Confraría de Pescadores Nuestra Señora de las Arenas de Fisterra.

Aperturas e peches

Despedímonos por uns meses do polbo (Octopus vulgaris) e o ourizo (Paracentrotus lividus), xa que as súas campañas acaban de pechar. O polbo abrirá de novo o 1 de xullo e o ourizo a partir do mes de outubro.

Por outra banda, volverán a estar presentes nos mercados o ameixón (Callista chione), desde o 6 de maio, debido á apertura da campaña na Ría de Muros, e os anemones (Anemonia viridis), xa que algunhas confrarías da provincia de A Coruña comezan a súa extracción este mes.

Tempo de anguías

O pasado mes de abril comezou a campaña da anguía (Anguilla anguilla) para as confrarías da Ría de Arousa e da Ría de Vigo, que estará vixente ata o 28 de setembro. Nas primeiras catro semanas de campaña capturáronse 3.184 quilos na Ría de Vigo e 777 na Ría de Arousa, por un valor de 46.208 e 10.879 euros, respectivamente.

As primeiras vendas concentráronse na lonxa de Arcade, que acaparou o 78% do volume descargado, seguida das lonxas de Carril (20%) e Vigo (2%).

Certificacións

Damos a benvida á marca a Conservas Antonio Alonso S.A., que no mes de abril pasou a auditoría de certificación inicial para moluscos bivalvos.

Conservas Antonio Alonso S.A., maestros conserveiros desde 1873, é a empresa deste sector máis antigua de España en activo, e veñen de celebrar no 2023 os seus 150 de historia. Comercializan a marca Palacio de Oriente, todo un referente da conserva galega.

Restaurantes adheridos

O pasado mes de abril adheríronse á marca os seguintes restaurantes: A artesa da moza crecha, Liresca e Salitre.

A artesa da moza crecha, en Betanzos, ten como máxima “Innovación na tradición” e está estreitamente ligado aos produtos da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O restaurante Liresca, en Lires (Cee), aposta por unha cociña na que destacan os produtos locais, con peixes e mariscos procedentes de Fisterra e das confrarías da Costa da Morte.

O restaurante Salitre, en A Coruña, ofrece unha carta protagonizada por peixes e arroces que misturan tradición e frescura.

Dámoslles a benvida!

Permisos de explotación

Ampliación do prazo de renovación dos permisos de explotación a pé da confraría de pescadores de Vilanova de Arousa. Información aquí.

Algas a pé na confraría de pescadores de Corcubión. Preme aquí.

Xefatura territorial da Consellería do Mar da Coruña: renovación dos permex de recursos específicos a pé de percebe, ourizo, anemones, poliquetos e algas para o ano 2025 Información aquí.

Renovación de percebe, algas, equinodermos, solénidos, peneira, anémones e poliquetos, no permiso de explotación de embarcacións para o trienio 2025-2027. Xefatura territorial de A Coruña información aquí, Dirección Territorial Celeiro-Viveiro información aquí e Dirección Territorial de Vigo información aquí.

A especie do mes: O sanmartiño

O sanmartiño (Zeus faber) é un peixe de corpo alto e comprimido, cunha cabeza moi grande e carente de escamas, excepto na liña lateral. Presenta espiñas ao lado do abdome e a aleta dorsal ten radios moi longos. De cor dourada ou gris verdosa, ten unha mancha negra rodeada de branco ou amarelo no centro do corpo, a ambos os dous lados. Pode chegar aos 60 centímetros de largura, aínda que adoita medir entre 20 e 50. Acada a madurez sexual aos 4 anos.

Aliméntase principalmente de peixes das familias dos clupeidos (como a sardiña) e gádidos (como a faneca), e consomen en menor medida cefalópodos e crustáceos.

Podes atopar máis información sobre esta especie nesta ligazón.

Entidade do mes: Confraría de Pescadores de Malpica

A actividade das persoas socias da confraría de pescadores de Malpica de Bergantiños está centrada na pesca artesanal: a pesca do cerco e a pesca con artes menores (enmalle, anzol e nasas) son as súas principais modalidades.

No ano 2023, as principais especies descargadas por volume foron a sardiña, a pescada, a saboga e a xarda. En volume de ingresos destacan, nesta orde, o polbo, a robaliza, o xurelo e o linguado.

Está certificada pola marca pescadeRías de onde se non? para a comercialización cefalópodos, crustáceos e peixe.

O artigo do mes

Este mes queremos presentarvos un aparello hidráulico para a remoción de sedimentos en bancos marisqueiros. Foi desenvolvido por técnicos de SEAGA e investigadores do CIMA.

O seu deseño e as experiencias adquiridas no seu manexo están a disposición daquelas agrupacións e confrarías que desexen poñer en práctica o uso cotián das tarefas de remoción hidráulica para mellorar o estado do substrato dos seus bancos marisqueiros.

Podes ler aquí o artigo completo.