Como distinguir a vieira galega da vieira foránea no mercado

Non toda a vieira fresca é galega: así podes recoñecer a que procede das nosas rías

A vieira é un dos produtos do mar máis apreciados da gastronomía galega. Porén, non toda a vieira fresca que atopamos nos mercados ou nas peixerías é galega, nin se comercializa do mesmo xeito. Ter información é imprescindible para saber diferenciala, que non nos confundan e pagar polo que realmente estamos a comprar, e, o que é máis importante, con todas as garantías de seguridade alimentaria.

En Galicia, a extracción de vieira está regulada pola Orde do 15 de xaneiro de 2012 da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administracións Públicas, baixo autorización da Consellería do Mar. Esta normativa existe debido á presenza da toxina amnésica ASP (Amnesic Shellfish Poisoning), asociada ao ácido domoico producido por determinadas microalgas do xénero Pseudo-nitzschia.

A diferenza doutros moluscos bivalvos, a vieira presenta un proceso de intoxicación moi rápido e unha eliminación extremadamente lenta desta toxina. Por este motivo, en Galicia só se permite a extracción de vieira destinada exclusivamente á súa evisceración en plantas autorizadas. Durante este proceso elimínanse as partes nas que se concentra a toxina, garantindo que o músculo e as gónadas sexan totalmente seguros para o consumo.

Actualmente existen dúas plantas autorizadas e certificadas por pescadeRías de onde se non? para realizar este proceso en Galicia: Porto de Cambados, participada pola Confraría de Pescadores de Cambados, e Artesa Rías Baixas S.L., situada en Barro. Nelas procédese á evisceración e ao procesado da vieira capturada nas rías galegas autorizadas, como as de Vigo, Pontevedra, Arousa ou Ferrol. Para isto, os niveis de ácido domoico na vieira, analizados polo INTECMAR periodicamente, deben ser inferiores ao límite legal, o que permitiría autorizar a extracción.

Entón, como podemos identificar a auténtica vieira galega?

A clave está na etiquetaxe. A vieira galega fresca comercialízase sempre eviscerada, envasada individualmente e perfectamente etiquetada e identificada, con todas as garantías de trazabilidade e seguridade alimentaria.

Pola contra, se atopamos nunha peixería vieiras frescas a granel, sen eviscerar, sen etiquetar individualmente ou sen información clara sobre a súa procedencia, esas vieiras non son galegas. Trátase de produto foráneo importado doutros países.

A vieira galega tamén pode atoparse durante todo o ano en formato conxelado e desconxelado, xa procesada e eviscerada, e debidamente etiquetada, mantendo intactas todas as garantías de calidade e seguridade.

Escoller produto do mar galego é apostar pola trazabilidade, a seguridade alimentaria e polo traballo das confrarías e profesionais do noso litoral.