Os días 22 e 23 de agosto, o porto de Barallobre (Fene) acollerá unha nova edición da Festa do Marisco da Confraría de Barallobre, unha cita que rende homenaxe ao marisqueo artesanal e aos produtos da ría.
Durante a fin de semana, veciñanza e visitantes poderán degustar marisco a prezos populares e participar nun amplo programa de actividades, que inclúe música en directo, xogos infantís, unha regata deportiva e unha carreira popular, entre outras propostas.
Organizada pola Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Barallobre, a festa constitúe unha oportunidade para promover o consumo de produtos do mar galegos e poñer en valor o traballo das persoas mariscadoras e do sector pesqueiro local.