A marca pescadeRías de onde se non? suma unha nova empresa certificada: Algas Atlánticas Algamar S.L., especializada no secado de algas mariñas para a alimentación.
Fundada en 1996 polos irmáns Clemente e Fermín Fernández Sáa, Algamar naceu co obxectivo de dar a coñecer o valor nutricional das algas autóctonas das costas galegas. Desde entón, a empresa desenvolveu unha ampla variedade de produtos con certificación ecolóxica.
As algas recóllense a man, directamente nas rochas, seleccionando os exemplares adultos no seu momento óptimo de desenvolvemento. Despois trasládanse ás instalacións da empresa, en Pazos de Borbén, onde se revisan, seleccionan e secan a menos de 42 °C para preservar as súas propiedades nutricionais. A capacidade de procesamento da empresa alcanza as dez toneladas diarias de algas frescas. As algas comercialízanse enteiras, moídas ou incorporadas a diferentes elaboracións alimentarias.
A certificación de pescadeRías de onde se non? abrangue a súa actividade de transformación de algas e reforza a garantía de orixe dos seus produtos.
Dámoslles a benvida!