Formación sobre a marca no CIFP Manuel Antonio de Vigo

O vindeiro 6 de novembro, o equipo de xestión de pescadeRías de onde se non? impartirá unha charla-obradoiro no CIFP Manuel Antonio de Vigo, dirixida ao alumnado de Dirección de Cociña e Comercialización de Produtos Alimentarios.

A sesión terá un enfoque práctico para achegar aos futuros profesionais da hostalaría e da comercialización alimentaria o valor da pesca artesanal galega e dos seus produtos.

Falaremos da marca, do etiquetado e da trazabilidade, da seguridade alimentaria e das ferramentas dixitais para coñecer os produtos do mar. Tamén aprenderán a identificar moluscos bivalvos, consultar as tallas mínimas e recoñecer os indicadores de frescura do peixe.