Algamar incorpórase á marca pescadeRías de onde se non?

Fundada en 1996 polos irmáns Clemente e Fermín Fernández Sáa, Algamar naceu co obxectivo de dar a coñecer o valor nutricional das algas autóctonas das costas galegas. Desde entón, a empresa desenvolveu unha ampla variedade de produtos con certificación ecolóxica.

As algas recóllense a man, directamente nas rochas, seleccionando os exemplares adultos no seu momento óptimo de desenvolvemento. Despois trasládanse ás instalacións da empresa, en Pazos de Borbén, onde se revisan, seleccionan e secan a menos de 42 °C para preservar as súas propiedades nutricionais. A capacidade de procesamento da empresa alcanza as dez toneladas diarias de algas frescas. As algas comercialízanse enteiras, moídas ou incorporadas a diferentes elaboracións alimentarias.

A certificación de pescadeRías de onde se non? abrangue a súa actividade de transformación de algas e reforza a garantía de orixe dos seus produtos.

Dámoslles a benvida!

Hotel Restaurante Javier Montero

Damos a benvida á marca ao Hotel Restaurante Javier Montero, situado en Ribadeo (Lugo), que se incorpora coa súa aposta por unha cociña tradicional creativa.

Á fronte está Javier Montero, quen combina a súa experiencia profesional coas raíces da cociña herdada da súa nai, o que da lugar a unha proposta innovadora e con identidade propia. A súa oferta gastronómica baséase en produtos de tempada e de proximidade, e adáptase á dispoñibilidade do mercado en cada momento.

Os menús degustación evolucionan ao longo do ano, mentres que o equipo de sala ofrece un asesoramento personalizado para a selección de viños, completando así unha experiencia coidada e de calidade.

Nova entidade certificada: Conservas Lago Paganini

Damos a benvida a Conservas Lago Paganini, que vén de superar a súa auditoría inicial de certificación como empresa transformadora co alcance de bivalvos, cefalópodos, peixes, equinodermos e algas.

Fundada en 1915, Conservas Lago Paganini leva máis dun século elaborando conservas tradicionais de peixe azul e marisco, mantendo unha forte vinculación co territorio e co saber facer conserveiro. As súas marcas de referencia son Balea, Lago Paganini e Borneira, e poden adquirirse na súa tenda on-line, onde contan con oferta de caixas de degustación e caixas personalizadas.

A empresa está situada no polígono industrial de Castiñeiras, en Bueu, desde onde continúa apostando pola calidade e pola tradición conserveira galega.