Certificacións

Durante o pasado mes realizáronse auditorías de seguimento das seguintes entidades:

Confraría de Pescadores de Sada (peixe e cefalópodos). Ademais, a entidade ampliou o seu alcance a crustáceos e certificouse como distribuidor.

Confraría de Pescadores de Vigo (bivalvos, cefalópodos, crustáceos, peixe, algas, antozoos e equinodermos). Esta entidade realiza a primeira venda dos produtos da pesca na Lonxa de Canido e Lonxas do Porto de Vigo.

Confraría de Pescadores de Noia (bivalvos). Esta confraría xestiona a Lonxa e depuradora de bivalvos de Testal e o Centro de Venda de O Freixo.

Formación

No mes de marzo impartiuse formación en Hixiene e Manipulación de Alimentos e Principios do Sistema APPCC a tres entidades certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?: Confraría de Pescadores de Vigo (Lonxa de Canido), Cíes Artesanais S. Coop. Galega e Confraría de Pescadores de Arcade.

Na confraría de Vigo e na cooperativa Cíes Artesanais a formación estivo dirixida ao novo persoal, que adquiriu coñecementos sobre as funcións e responsabilidades relacionadas co sistema APPCC e o autocontrol.

O equipo da Confraría de Arcade recibiu formación específica en APPCC e boas prácticas de manipulación, trazabilidade e seguridade alimentaria de bivalvos.

Novas tendas on line adheridas

O pasado mes de marzo sumáronse á marca dúas novas tendas online: Bongarth e Cetaria Salitre, ás que damos a benvida.

Bongarth é unha empresa galega especializada en conservas premium artesás. A súa orixe vincúlase a Vigo e ao mar, establecendo unha íntima relación coas rías galegas que definen a súa filosofía, fundamentada nunha aposta decidida pola tradición e a procura da excelencia.

Cetaria Salitre é unha tenda online de peixe e marisco de calidade. Todos os produtos proceden das rías galegas e son seleccionados nas mellores lonxas para ofrecer a máxima frescura.  A compra realízase de forma rápida e cómoda na súa web e o produto recíbese no domicilio en 24 ou 48 horas.

Novos restaurantes adheridos

Damos a benvida á marca a tres establecementos de hostalaría: Trasmallo Restaurante, El Olivo Cocina & Bar e Gastrolab Arousa.

Trasmallo, en Pontevedra, é un restaurante cunha marcada alma mariñeira. Inspirado na tradición e na paixón polo mar, ofrece unha experiencia gastronómica que rende homenaxe á familia, á cultura e aos sabores auténticos de Galicia.

Á sombra dunha oliveira centenaria, El Olivo Cociña & Bar, en Narón, destaca pola súa aposta por produtos de calidade procedentes das lonxas da contorna.

Gastrolab Arousa, en Boiro, é un espazo gastronómico onde organizan eventos culinarios tanto nas súas instalacións como no lugar que elixa a clientela.

Peches de campaña

Aprobado o Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) para a campaña 2025/26 mediante a Resolución da Consellería do Mar de 26 de marzo de 2025. O novo Plan recolle unha parada temporal da actividade durante o mes de abril e unha veda biolóxica durante os meses de maio e xuño.

O 31 de marzo foi o último día autorizado para o emprego do bou de vara e bou de man na ría de Arousa.  As especies que se capturan con estas artes son a volandeira (Aequipecten opercularis) a zamburiña (Mimachlamys varia) e outras especies demersais.

Tamén pechou o período de captura do lumbrigante (Homarus gammarus), ata o 1 de xullo.

Aperturas de campaña

O 1 de abril iniciouse a campaña de extracción da lagosta (Palinurus elephas), que se prolongará ata o 30 de setembro.

Por outra banda, autorizáronse os Plans de pesca de anguía (Anguilla anguilla) para as confrarías de pescadores das rías de Vigo e Arousa para a tempada 2025, mediante Resolucións da Consellería de Mar do 26 de marzo.

Poderán participar nos plans de pesca de anguía as embarcacións que teñan no seu permiso de explotación a nasa voitirón ou a nasa para anguía. O período autorizado é do 1 de abril ata o 30 de setembro de 2025, e cada embarcación poderá empregar ata 80 nasas diarias de anguía ou voitirón.

Especie do mes: Serrán Cabra

O serrán cabra (Serranus cabrilla) é unha especie capturada pola flota artesanal galega con artes de enmalle e anzol, que se comercializa en fresco. Habita fondos rochosos e destaca pola súa cor rosada con bandas transversais acastañadas.

Desde o punto de vista reprodutivo, é hermafrodita sincrónico, podendo actuar como macho ou femia. Trátase dun peixe solitario e territorial, que se agocha entre as rochas ao sentirse ameazado.

É un peixe de carne branca e sabor excelente, aínda que algo espiñento. A súa preparación tradicional inclúe fritido en aceite ben quente ou en caldeirada á galega, sendo tamén ideal para pratos de peixe esmiuzado. Máis información aquí.

A entidade do mes: Pescados Rabina

Con máis de cen anos de historia, Pescados Rabina é sinónimo de calidade, frescura e tradición na selección, venda e distribución de peixe e marisco galego. Fundada en 1895, mantivo sempre un firme compromiso coa excelencia e o respecto polo produto do mar. 

Situada no mercado da Praza de Lugo, na Coruña, a empresa adquire maioritariamente os seus produtos en Ribeira e Coruña, que comercializa a restaurantes, peixarías e consumidores de toda España. 

Marcos Rabina, cuarta xeración da familia, destaca que a súa filosofía non é só vender peixe, senón custodiar o legado familiar e a riqueza das nosas costas.

Premio ao proxecto Seacaps

O concurso Eduemprende Idea, promovido pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, premiou o proxecto Seacaps, unha proposta innovadora para crear un fertilizante concentrado en cápsulas elaborado con algas mariñas e cunchas de moluscos.

O proxecto foi desenvolvido por catro estudantes do ciclo superior de Comercio Internacional do CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, baixo a supervisión da profesora Paula Boo.

O equipo gañador poderá acceder aos viveiros da Rede galega de viveiros de empresas en centros educativos ou á área de emprendemento industrial do Centro Galego da Innovación da FP e recibir asesoramento técnico especializado. Máis información aquí.

A receita do mes: Choco Benedictino

A cociñeira Emma Pinal, do Gastrobar O Birrán de Ribadavia, sorprende cunha receita orixinal e sinxela: Choco Benedictino. O prato ten como protagonista o choco, que se acompaña de Pan de Cea e unha salsa especial que lle achega un sabor único.

Esta elaboración foi unha das presentadas no showcooking «pescadeRías de onde se non? – De proximidade e con selo propio», dentro da X edición do Galicia Fórum Gastronómico.

Se queres probar unha combinación diferente cun produto tan versátil como o choco, esta receita é unha excelente opción.

Podes ver a receita completa aquí.