Fórum Gastronómico

A marca pescadeRías de onde se non? participou no Fórum Gastronómico que se celebrou en A Coruña do 7 ao 9 de abril, acompañada de tres entidades certificadas que acudiron a promocionar os seus produtos: Porto-Muiños, S.L.; a Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre.

Os produtos protagonistas das catas foron os moluscos -vieira, navalla e carneiro-, cefalópodos como o choco e o polbo; a raia, e o peixe azul, en colaboración co distintivo Azul de Portosín.

Podes ver un vídeo resume das actividades da marca no Fórum Gastronómico aquí.

Salón Gourmets

Do 22 ao 25 de abril celebrouse en Madrid o Salón Gourmets, a feira líder en Europa de alimentos e bebidas de alta calidade dirixida a profesionais, na que a marca pescadeRías de onde se non? puido darse a coñecer a través das actividades organizadas no stand institucional da Consellería do Mar.

Participaron como coexpositores certificados: Confraría de Pescadores San Andrés de PortosínO Percebeiro S.L.Conservera Gallega S.A.Costas y Miñán S.L.Conservas Portomar SLU.Fish Factory, S.L.Conservas La Brújula, S.L. e Porto-Muiños, S.L.

Podes ver aquí un vídeo resume.

Vieira certificada en arte TV

A canle francoalemana Arte TV dedicou unha reportaxe á vieira galega, á que denominou “O ouro do mar”

José Antonio Domínguez, do blog Rutas y restaurantes, foi o anfitrión do programa en A Coruña, e deleitou á audiencia da canle cunha receita de vieiras ao albariño. Explicou paso a paso o procedemento, con consellos para tratar o produto de xeito que se poida apreciar ao máximo o seu sabor e textura. A receita foi elaborada con produto certificado de Porto de Cambados, S.L., adquiridas en Pescados y Mariscos Rabina.

Podes ver a reportaxe aquí.

Formación no CSHG

O 30 de abril impartiuse unha charla informativa sobre a marca pescadeRías de onde se non? ao alumnado de 2º curso de Gastronomía do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, en colaboración coa empresa certificada Artesa Rías Baixas S.L.

As persoas participantes coñeceron os oficios do mar e os produtos certificados amparados pola marca, a importancia do etiquetado e a trazabilidade dos produtos do mar, así como conceptos relacionados coa seguridade alimentaria. Ademais, puideron visualizar o proceso de comercialización da vieira certificada por parte de Artesa Rías Baixas S.L.

Visita guiada á praza de Bueu

O sábado 27 de abril realizouse unha visita guiada á  praza de abastos de Bueu para a Asociación de Mulleres en Igualdade de Galicia.

As participantes comezaron a visita polo porto, onde recibiron información sobre o tipo de pesca, embarcacións e artes coas que se capturan os produtos certificados pola marca pescadeRías de onde se non? Xa na praza, fixeron un recorrido polas bancadas para ver os mariscos e os peixes expostos, identificar as súas características de frescura e interpretar os distintos apartados dunha etiqueta de peixes e mariscos.

Formación a entidades certificadas

A formación de todo o persoal implicado na cadea mar-industria é fundamental para que a trazabilidade dos produtos do mar sexa efectiva. O equipo de xestión da marca imparte formación aos distintos axentes certificados para que poidan aplicar estes coñecementos no seu día a día.

No mes de abril impartiuse formación sobre a marca ao persoal da Confraría de Pescadores San José de Cangas e da Confraría de Pescadores Nuestra Señora de las Arenas de Fisterra.

Aperturas e peches

Despedímonos por uns meses do polbo (Octopus vulgaris) e o ourizo (Paracentrotus lividus), xa que as súas campañas acaban de pechar. O polbo abrirá de novo o 1 de xullo e o ourizo a partir do mes de outubro.

Por outra banda, volverán a estar presentes nos mercados o ameixón (Callista chione), desde o 6 de maio, debido á apertura da campaña na Ría de Muros, e os anemones (Anemonia viridis), xa que algunhas confrarías da provincia de A Coruña comezan a súa extracción este mes.

Tempo de anguías

O pasado mes de abril comezou a campaña da anguía (Anguilla anguilla) para as confrarías da Ría de Arousa e da Ría de Vigo, que estará vixente ata o 28 de setembro. Nas primeiras catro semanas de campaña capturáronse 3.184 quilos na Ría de Vigo e 777 na Ría de Arousa, por un valor de 46.208 e 10.879 euros, respectivamente.

As primeiras vendas concentráronse na lonxa de Arcade, que acaparou o 78% do volume descargado, seguida das lonxas de Carril (20%) e Vigo (2%).

Certificacións

Damos a benvida á marca a Conservas Antonio Alonso S.A., que no mes de abril pasou a auditoría de certificación inicial para moluscos bivalvos.

Conservas Antonio Alonso S.A., maestros conserveiros desde 1873, é a empresa deste sector máis antigua de España en activo, e veñen de celebrar no 2023 os seus 150 de historia. Comercializan a marca Palacio de Oriente, todo un referente da conserva galega.

Restaurantes adheridos

O pasado mes de abril adheríronse á marca os seguintes restaurantes: A artesa da moza crecha, Liresca e Salitre.

A artesa da moza crecha, en Betanzos, ten como máxima “Innovación na tradición” e está estreitamente ligado aos produtos da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O restaurante Liresca, en Lires (Cee), aposta por unha cociña na que destacan os produtos locais, con peixes e mariscos procedentes de Fisterra e das confrarías da Costa da Morte.

O restaurante Salitre, en A Coruña, ofrece unha carta protagonizada por peixes e arroces que misturan tradición e frescura.

Dámoslles a benvida!