Norma técnica de conservas artesás

En xuño publicouse a orde que aproba a norma técnica para conservas artesás de peixes e mariscos, enmarcada no Decreto 174/2019 sobre artesanía alimentaria. Esta regulación define requisitos básicos, desde o uso de materia prima certificada (DOP/IXP cando procede), técnicas tradicionais de elaboración, presentación, envases, trazabilidade, sistemas de control e límites de produción para microempresas, asegurando a seguridade alimentaria e a calidade diferencial do produto tradicional galego.

A norma permite inscribir no Rexistro de Artesanía Alimentaria as empresas que cumpran os criterios, o que reforza o seu recoñecemento oficial.

Consulta a norma técnica aquí.

Showcooking de cine, en Marín

Os produtos da pesca artesanal galega certificados pola marca pescadeRías de onde se non? foron os protagonistas dunha cata celebrada o pasado 27 de xuño no Festival de Cine do Mar de Marín, no Espazo Emprendedor do Parque Azul.

A degustación correu a cargo do chef Marcos S. Area, propietario de é Restaurante, de Marín, que elaborou dúas sorprendentes propostas gastronómicas: vieira galega con perlas de yuzu, panipuri recheo de cítricos e crema de allo negro; e pescada en texturas con pataca, chourizo e toque de kimchi. A vieira procedía da empresa certificada Artesa Rías Baixas S.L., mentres que a pescada de volanta foi adquirida por Mariscos Comesaña S. L., distribuidor certificado, na lonxa de Fisterra.

Visitamos o Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X

O pasado 20 de xuño impartiuse unha acción formativa ao alumnado do Obradoiro de Emprego Vigo Capacita X, das especialidades de Operacións Básicas de Restaurante e Cociña. O obxectivo foi achegar a marca pescadeRías de onde se non? aos futuros profesionais da hostalaría, dando a coñecer os seus valores, requisitos e a importancia da trazabilidade nos produtos do mar.

A sesión abordou os criterios da marca e a súa relevancia na pesca artesanal e no consumo responsable. Na parte práctica, realizouse un obradoiro de identificación de moluscos bivalvos que incluíu seguimento da trazabilidade dos produtos da pesca artesanal a través do código QR das etiquetas.

Estivemos no Galicia Market Place

O pasado 3 de xullo, a marca pescadeRías de onde se non? participou na 9ª edición do Galicia Market Place, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, en colaboración coa Xunta de Galicia, a propia marca e Abanca.

A marca estivo representada en dous paneis de expertos, coa participación de Cándido Rial, director xeral de Pesca, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica; Iago Soto, patrón maior da Confraría de Vigo; Mónica Pereira, responsable comercial de Pescados Loureda S.L.; Alberte Gutiérrez, do restaurante Alberte; e Ana Pérez, do equipo de xestión da marca. O evento contou cun showcooking con produtos certificados e novas propostas gastronómicas con valor engadido. No espazo de exposición e catas estiveron presentes dúas empresas certificadas: Capitán Alga e Pescados Loureda S.L., que achegaron exemplos da diversidade do sector pesqueiro artesanal galego.

Festa do Percebe en Aguiño e da vieira en Cambados

A Confraría de Carreira e Aguiño celebrará o sábado 27 de xullo a tradicional Festa do Percebe, que ofrecerá ao público unha tonelada deste prezado marisco, recoñecido pola súa calidade e sabor. A cita contará cun amplo espazo gastronómico no porto onde se poderán degustar racións de percebe certificado pola marca pescadeRías de onde se non?, acompañado de viños e música ao vivo.

Uns días antes, do 17 ao 20 de xullo, celebrarase a Festa da Vieira, organizada pola Confraría de Cambados xunto co Concello e Zona Centro. Serviranse 16.000 vieiras da ría procesadas por Porto de Cambados S.L., entidade certificada pescadeRías de onde se non? Non faltarán concertos, sesións vermú e showcookings a cargo do Obradoiro de Hostalaría do Salnés, Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa e Marcos Arufe, gañador do concurso de cociña Talentos Abril.

Degustación de produtos da Reserva Mariña de Lira

O porto de Portocubelo, en Lira (Carnota), acollerá dúas xornadas de degustación dos produtos da reserva mariña de Lira, certificados pola marca pescadeRías de onde se non?

O sábado 19 de xullo ofreceranse racións de polbo, navallas e percebes, cunha actuación da Agrupación Folclórica Ximiela. O sábado 2 de agosto será a quenda das nécoras e berberechos, acompañados polos Cantos de Taberna Doladosol.

Ademais das racións individuais, tamén se poderá desfrutar dun combinado de produtos. Os horarios de degustación serán de 13:00 a 17:00 e de 20:00 a 23:30 horas.

Unha oportunidade para saborear marisco local con garantía de orixe e sustentabilidade.

Tripulación pescadeRías: Mónica Miranda

Na nova entrega de Tripulación pescadeRías coñecemos a Mónica Miranda, compradora de marisco cunha ampla traxectoria na comercialización de produtos da pesca artesanal galega. Acompañámola nunha xornada na lonxa de Muros, un dos centros de primeira venda que visita a diario para adquirir produto destinado a conserveiras e depuradoras. Mónica cóntanos o seu día a día, marcado por un ritmo intenso, comunicación continua coa clientela e un profundo coñecemento das especies comerciais. O seu labor require precisión, axilidade e unha relación directa coas persoas do mar e coas empresas.

A través da súa historia amosamos o traballo esencial das profesionais da comercialización.

Preme aquí para ver o vídeo.

Certificacións

En xuño realizáronse as seguintes auditorías de seguimento:

Mariscos Laxe de Rons S.L. renovou a súa certificación como cetaria, distribuidor e transformador para cefalópodos, crustáceos e peixe, que ofrece marisco fresco e tamén listo para o consumo.

Cíes Artesanais S. Coop. Galega, cooperativa de pescadores da ría de Vigo, mantén a súa certificación para a primeira venda de bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixe nas lonxas de Vigo.

Insuapesca S.L., distribuidora instalada no porto de Portosín, renovou certificación en peixe, cefalópodos e crustáceos.

En xuño tamén se realizou a auditoría de certificación inicial da Confraría de Pescadores de Miño para primeira venda de bivalvos.

A entidade do mes: Confraría de Cangas

A Confraría de Pescadores San José de Cangas iniciou a súa certificación na marca pescadeRías de onde se non? no ano 2012. Na actualidade, o seu alcance inclúe bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixe, algas e antozoos.

A súa actividade abrangue a primeira venda en lonxa, a expedición de produtos procedentes de zonas A, a distribución de produto fresco e transformado, así como a venda a consumidor final. Colabora con depuradoras e empresas tamén certificadas para garantir a calidade ao longo de toda a cadea.

En 2023, a confraría lanzou ao mercado a liña gourmet NavalladasCíes, unha conserva artesanal en aceite de oliva con navallas de alta calidade, capturadas polos mergulladores/as da confraría.

A especie do mes: o lumbrigante

O lumbrigante galego (Homarus gammarus) é un dos mariscos máis prezados pola súa calidade gastronómica. Vive en fondos rochosos de ata 150 metros, aínda que se localiza sobre todo por debaixo dos 40, e captúrase de forma artesanal con nasas e, ocasionalmente, con artes de enmalle.

É unha especie de crecemento lento e moi voraz. Aliméntase de cefalópodos e pequenos peixes, e destaca polo seu alto valor nutricional: achega proteínas, Omega-3, vitaminas do grupo B e minerais como fósforo, zinc e selenio.

Comercialízase fresco e consúmese principalmente nos meses de verán. Cocido, á prancha ou en arroces, o lumbrigante galego é sinónimo de sabor do mar.

Podes ampliar a información aquí.