Empresa do mes: Pescados Jaime, S.L.

Pescados Jaime, S.L. é unha empresa dedicada á distribución de peixe fresco a maioristas, cadeas de distribución, frigoríficos e conserveiras. Contan con presenza nas lonxas de Ribeira e Celeiro, estando a súa sede principal no porto de Ribeira.

Pescados Jaime ven dunha longa tradición familiar que se remonta a tres xeracións e conta cunha consolidada carteira de clientes en toda a península aos que oferta produtos mercados nas principais lonxas galegas coas mellores condicións de calidade e frescura.

Especie do mes: percebe

O percebe (Pollicipes pollicipes) é un crustáceo que pasa a súa vida adherido a rochas en zonas moi batidas polo mar, de aí a dificultade da súa captura, que está regulada mediante plans de xestión de recursos específicos. Pode ser extraído en modalidade a pé ou dende embarcación ao longo de todo o ano. Entre outros beneficios para a saúde podemos citar que o seu consumo estimula o sistema inmunitario. Para preparalos abonda con darlles un fervor, preferiblemente en auga de mar. Para saber máis preme aquí para ver unha ficha sobre esta especie.

Accións formativas

O pasado 01 setembro o persoal da lonxa, da confraría e os vixiantes da Confraría de Pescadores de Rianxo recibiron formación en Hixiene e Manipulación de Produtos Pesqueiros previa á auditoría de seguimento que tiveron este mesmo mes.

Ter actualizada a formación nestas materias é requisito indispensable para renovar a certificación no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Novo restaurante adherido

En setembro adheriuse ao selo pescadeRías, ¿de onde se non? a Gastroteca Salvaxe, un proxecto de que Brais Bascoy e Jose M. Martínez no posto número 5 da Praza de Abastos de Santiago de Compostela.

A súa ubicación privilexiada dentro do mercado, permítelles seleccionar as mellores materias primas de tempada e de proximidade e aportar versatilidade e flexibilidade á súa carta na que combinan tradición, técnica e creatividade.

Certificacións

En setembro realizáronse auditorías de recertificación na empresa Mar do Morrazo, S. Coop. Galega (cefalópodos, crustáceos e peixe) e na Lonxa de Cangas (bivalvos, gasterópodos, cefalópodos, crustáceos, equinodermos, peixe, algas e antozoos), que ampliou a súa certificación como centro de expedición. Nas lonxas de Rianxo (peixe, cefalópodos, crustáceos e bivalvos) e Malpica (cefalópodos, peixe, crustáceos e equinodermos) realizáronse auditorías de seguimento e, esta última, ampliou o seu alcance a antozoos.

Inscrición para participar en feiras

O 03 de outubro abriuse o prazo de inscrición para asistir a feiras nacionais ou internacionais no primeiro semestre de 2023 ao amparo do posto da Consellería do Mar. Poden participar empresas produtoras e comercializadoras de produtos do mar con sede social en Galicia.

As empresas interesadas deben formalizar a súa inscrición e solicitude a través do portal Feimar, accedendo con Chave365 ou certificado dixital persoal.

Amigos para o seu propio beneficio

As asociacións entre diferentes especies a pequena escala adoitan pasar desapercibidas pero poden ter importantes implicacións ecolóxicas a nivel individual. Durante unha inmersión de exploración nas Illas Cíes, un equipo da asociación Ecoloxía Azul rodou un exemplar de congro aloxado nunha greta acompañado de ata sete diferentes especies de crustáceos, o cal representa un caso único de asociación interespecífica. Preme aquí para ver un artigo relacionado e aquí para ver o vídeo.