Campaña da vieira na Ría de Arousa

O luns 25 de novembro, comezaron as extraccións de vieira na Ría de Arousa, previa autorización polo INTECMAR.

A vieira procedente de Galicia, que podemos atopar nos mercados tanto fresca como conxelada, cumpre con todos os requisitos de seguridade alimentaria. Tras a captura, pasa por un proceso de depuración e eviscerado e por estritos controis  analíticos establecidos na ORDE de 15 de xaneiro de 2002 pola que se regula a extracción e comercialización de vieira (Pecten maximus). Premedo aquí podes acceder a máis información sobre esta especie.

Fin campaña da zamburiña en Ferrol

A mediados de novembro rematou a campaña da zamburiña (Chlamys varia) na Ría de Ferrol, que comezara o 15 de abril deste ano.

A meirande parte das capturas desta especie en Galicia, proceden da Ría de Ferrol, e comercialízanse nas lonxas de Ferrol e Barallobre, ambas certificadas polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Durante a tempada de extracción, as persoas consumidoras poden adquirir as zamburiñas nas depuradoras das dúas lonxas, que realizan venta directa deste molusco bivalvo.

pescadeRías na COP25

O 3 de decembro no espazo «Ciencia e Innovación Diálogos» na COP25, presentouse a ecoetiqueta «pescaenverde: Unha nova ecoetiqueta no sector pesqueiro» a cargo de Fernando Pardo, técnico de Transferencia de Tecnoloxía da USC. Como exemplo de implantación da ecoetiqueta, expúxose o caso de éxito da alianza pescadeRíaspescaenverde, como un referente no que se conxugaron intereses de ambas partes para promocionar e favorecer o consumo de produtos de proximidade en Galicia. Esta colaboración encaixa dentro dos ODS: 12 (Produción e consumo responsable), 13 (Acción polo clima), 14 (Vida submarina) e 17 (Alianzas para lograr os obxectivos).

Visita a entidades certificadas

Unha delegación do GALP Ría de Vigo – A Guarda, realizou unha visita a proxectos financiados polo FEMP ao abeiro da Estratexia de Desenvolvento Local Participativo do GALP Ría de Pontevedra.

A delegación estivo formada pola xerente do GALP Ría de Vigo – A Guarda, Elena Herbello, e por patróns/as maiores e membros do cabido das Confrarías de VilaboaA GuardaVigo e Baiona, que visitaron as empresas certificadas Mares de Galicia, S.A.,  Frigoríficos Rosa de los Vientos, S.L. e a lonxa da Confraría de Pescadores de Bueu, tamén certificada polo selo.

Alumnado do CSGH en O Percebeiro

Un grupo de alumnos/as e profesores/as do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) visitaron a empresa O Percebeiro S.L., certificada pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?, que distribúe peixes e mariscos procedentes da pesca artesanal, amparados polo selo.

Durante a xornada, puideron coñecer os produtos que comercializan desde a súa recepción, depuración, envasado e posterior distribución. Para rematar, participaron nun showcooking a cargo de Iñaki Bretal e nunha cata maridaxe a cargo de Luis Barrero de Viñedos Singulares. 

Recoñecemento a Pan do Mar

Pan do Mar, a marca de conservas da empresa Antonio Pérez Lafuente S.A., acaba de ser recoñecida co selo “Calculo-Reduzco-Compenso” outorgado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica polo seu compromiso co desenvolvemento sostible.

As súas conservas, elaboradas con produtos procedentes da pesca artesanal e responsable, están certificadas pola marca pescadeRías, ¿de onde se non?. Parabéns!

Real Conservera Española en Oporto

Do 14 ao 16 de novembro, a empresa certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, Real Conservera Española, S.L., asistiu á Melting Gastronomy Summit na Alfándega de Oporto, invitados por INTERNOVA e auspiciados por INTERREG.

Foron tres días de encontros comerciais entre profesionais da gastronomía lusa e galega, onde se estableceron contactos con clientes directos e empresas distribuidoras.

Mulleres do Mar na Ría de Arousa

O 21 de novembro presentouse en Vilagarcía de Arousa, o estudo sobre A Situación Profesional das Mulleres do Mar de Arousa promovido polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Arousa, co obxectivo de realizar unha radiografía da realidade social e profesional deste colectivo e amosar os avances, en materia de igualdade no sector. As conclusións obtidas foron o resultado do traballo de campo realizado con empresas e entidades do sector e cuestionarios e entrevistas a profesionais do eido marítimo-pesqueiro.

Bou de vara e bou e man

Publicada a RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2019 pola que se autoriza o plan de xestión de pesca coa arte de bou de vara e a arte de rapeta ou bou de man.

O período autorizado será dende o 1 de novembro de 2019 ata o 31 de marzo de 2020, ambos incluídos. Estas artes son utilizadas principalmente para a captura de volandeira e zamburiña, autorizándose o seu uso na Ría de Arousa, no caso do bou de vara e nas Rías de Arousa, Pontevedra e Vigo, para o bou de man.

Estrelas Michelín e Bib Gourmand

En novembro deuse a coñecer a listaxe de restaurantes co distintivo Estrelas Michelín de cara ao 2020, sendo 11 os restaurantes galegos que manteñen este galardón, 7 deles adheridos ao selo pescadeRías, de onde se non?. A maiores, 28 restaurantes galegos están distinguidos na categoría Bib Gourmand, coa que se recoñecen establecementos que ofrecen unha cociña de altísima calidade, a un precio axustado, sete deles adheridos tamén ao selo. Aquí podes ver as listaxes completas: Estrelas Michelín e Bib Gourmand.