No Corazón da Artesanía Galega

Do 6 ao 8 de xullo, a marca pescadeRías, ¿de onde se non? estará presente no VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Artesáns, expositores de produtos gourmet, obradoiros, música e showcookings con grandes cociñeiros/as serán os protagonistas do Corazón de Artesanía de Agolada. Os produtos certificados serán presentados por Héctor López do restaurante España e María Varela, do restaurante A Parada das Bestas.

Consulta o programa.

SALIMAT-ABANCA

Do 7 al 10 de xuño estivemos no Salón de Alimentación do Atlántico – SALIMAT-ABANCA coa aula de catas no stand da Consellería do Mar. As empresas Mariscos Laxe de Rons e Porto de Cambados S.L. tiveron a oportunidade de facer a presentación dos seus produtos durante as demostracións de cociña en directo. Entre outros, asistiron importadores de máis de dez países e blogguers gastronómicos e de turismo de Galicia. Como maestros de ceremonias, Emma Pinal, Criselda Iglesias e José Manuel Mallón. Aquí podes ver un vídeo.

Xornadas de exaltación da Vieira

O 14 e 15 de xullo celebraranse en Cambados as XVII Xornadas de Exaltación da Vieira organizadas por Porto de Cambados S.L., coa colaboración da Confraría de Cambados e a Consellería do Mar, entre outras entidades. As Xornadas de degustación, protagonizadas por vieira certificada, levaranse a cabo baixo a batuta dos cociñeiros Diego López, Manuel Garea, Fran Sotelino e María Varela. Festa declarada de Interese Turístico Galego. Descarga aquí o cartel.

Aperturas e peches

En xullo o polbo galego regresou de novo ás lonxas tras unha veda de 6 semanas. Tamén regresaron este mes nécoras e lumbrigantes, en veda dende o 5 de xaneiro.

Por outra banda, dende o 30 de xuño non se poden capturar centolas nin bois en toda Galicia. Ámbalas dúas especies estaban abertas entre Estaca de Bares e a desembocadura do Eo, tras pechar no resto das zonas o pasado 23 de xuño.

Explotación comercial do Rabioso

Cada vez son máis as confrarías de pescadores que apostan pola extracción do rabioso (Glycimeris glycimeris), do cal se levan comercializado este ano preto de 3000 kilos entre as lonxas de A Illa, Cambados e Muros. Este bivalvo, capturado mediante marisqueo a flote como acompañante a outras especies, é certificable polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?. Aquí podes ver un artigo relacionado publicado en La Voz de Galicia.

Visita de importadores a La Brújula

Importadores de máis de 10 países visitaron a fábrica de Conservas La Brújula, certificada polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?, para coñecer as súas instalacións e os procesos de elaboración dos seus produtos. A visita tivo lugar no marco dunha misión comercial inversa en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia.

Recertificacións

Frigoríficos de Camariñas, S.L. renovou a súa certificación para o selo pescadeRías, ¿de onde se non?. A empresa, adicada á conxelación e distribución de polbo, etiqueta baixo a marca o produto galego procedente de lonxas certificadas, que volve a estar presente no mercado tras o remate da veda a primeiros deste mes de xullo.

Normativa sectorial

Publicada a RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2018 pola que se convocan eleccións para a renovación dos órganos reitores das confrarías de pescadores de Galicia, incluídas as súas agrupacións sectoriais, e das súas federacións e o DECRETO 64/2018, do 7 de xuño, polo que se modifica o Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, polo que se regulan as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións.

Actividades formativas

Distribuidores de peixe e marisco e minoristas que mercan os seus produtos na Lonxa de Ribeira, actualmente en proceso de certificación, participaron nunha charla informativa sobre o selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Por outra banda, o persoal da Confraría de Cabo de Cruz, recibiu formación en Hixiene Alimentaria e Manipulación de Alimentos.