Dous meses de veda para protexer o polbo galego

Seguirá habendo dispoñibilidade no mercado de polbo galego en conserva, conxelado e pasteurizado, con total garantía de orixe, certificado pola marca pescadeRías de onde se non?

A actual campaña do polbo en Galicia chegará ao seu fin ás 23:59 horas do vindeiro 1 de maio, momento no que comezará a veda biolóxica de dous meses destinada a favorecer a reprodución da especie e garantir a súa sustentabilidade. Este período prolongarase durante maio e xuño, ata as 05:00 horas do 1 de xullo, cando dará comezo unha nova campaña extractiva.

Durante a veda queda prohibida calquera actividade relacionada coa captura e comercialización de polbo fresco: non se poderá pescar, transportar, almacenar nin vender este produto, e as embarcacións deberán retirar as nasas do mar. Trátase dunha medida clave para preservar o recurso e asegurar o futuro dunha das especies máis emblemáticas da pesca artesanal galega.

A pesar da parada biolóxica, durante estes dous meses seguirá habendo polbo galego no mercado, tanto en formato conxelado como pasteurizado e en conserva, certificado pola marca pescadeRías de onde se non?, con todas as garantías de orixe e trazabilidade.

No ámbito das conservas, as marcas Mariscadora e Lago Paganini teñen no mercado distintas elaboracións de polbo galego. En canto ao produto pasteurizado, pode atoparse a través de empresas como Frigoríficos Rosa de los Vientos, Peixoto e O Percebeiro. Ademais, numerosas empresas transformadoras e distribuidoras certificadas pola marca pescadeRías —entre elas Frigoríficos Rosa de los Vientos, Frigoríficos de Camariñas, Frigoríficos Moldes, Pulponor, Susión e Hijos, Peixoto, O Percebeiro, Artesa e Porto de Cambados— garanten a dispoñibilidade de polbo galego conxelado.