Un ano máis, os produtos da pesca artesanal galega co selo pescadeRías de onde se non? estarán presentes nos menús elaborados polo alumnado de hostalaría do CIFP Carlos Oroza nas xornadas dedicadas aos produtos de calidade diferenciada, que se celebrarán ao longo dos meses de maio e xuño.
O alumnado de cociña traballará con navalla fresca, así como con polbo e volandeira en formato conxelado, todos eles produtos certificados que protagonizarán propostas culinarias centradas na orixe e na calidade.
As sesións centradas na pesca artesanal galega desenvolveranse no restaurante Álvaro Cunqueiro do centro os días 15 de maio e 5 de xuño, e tamén na Sociedade Gastronómica do CD Vasconia, en Donostia, o 22 de maio.