Ideas sinxelas para aproveitar cada parte do peixe e reducir o desperdicio na cociña
Cando mercamos peixe, adoitamos pensar nos lombos ou filetes como a parte principal e considerar cabezas, espiñas, peles e recortes como restos. Porén, moitas destas partes poden ter unha segunda vida na cociña. Aproveitar mellor cada exemplar permite preparar novas elaboracións e, ao mesmo tempo, reducir o desperdicio alimentario.
Planificar a compra tamén axuda a aproveitar
Antes de mercar, paga a pena pensar cantas persoas van comer, que cantidade necesitamos e como imos preparar o peixe. Unha boa planificación axuda a evitar compras excesivas e permite pensar de antemán como aproveitar as diferentes partes.
Ademais, comprar o peixe enteiro non significa ter que limpalo na casa. Podemos pedir na peixería que nolo preparen segundo a receita prevista e que nos garden a cabeza, as espiñas e os recortes.
Deste xeito, dun mesmo peixe poden saír varias elaboracións: a carne para o prato principal e as partes restantes para un caldo, unha salsa ou outra receita.
Un bo caldo pode comezar nas espiñas
Cabezas, espiñas e cartílagos son unha boa base para preparar caldos e fumets. Unha opción é facer primeiro un fondo con verduras como porro, cebola, cenoria ou apio e incorporar o peixe. Despois de dourar os ingredientes, cúbrense con auga e déixanse cocer uns 15-20 minutos a lume moderado.
Non todos os peixes ofrecen o mesmo resultado. As espiñas e cabezas dos peixes brancos son especialmente axeitadas para preparar caldos. Os ósos do peixe sapo ou a espiña central da pescada, por exemplo, proporcionan fondos saborosos que podemos utilizar en arroces, sopas, guisos, caldeiradas ou salsas.
Neste caso, máis tempo non significa necesariamente máis sabor: convén evitar coccións demasiado prolongadas, que poden achegar ao caldo sabores excesivamente intensos ou amargos.
Máis posibilidades que un caldo
Tamén podemos aproveitar os pequenos anacos de carne que quedan ao limpar ou filetear o peixe. Segundo a especie, poden servir para preparar croquetas, empanadas, hamburguesas, albóndegas ou recheos.
E mesmo as peles dalgúns peixes poden ter o seu lugar na receita: ben cociñadas, poden conseguir unha textura crocante e converterse nun elemento máis do prato.
Conservar ben para aproveitar despois
Se non imos utilizar estas partes de inmediato, é fundamental mantelas en frío e respectar unhas condicións adecuadas de conservación. Tamén podemos conxelalas canto antes, en recipientes ou bolsas ben pechadas e en cantidades adaptadas ás preparacións que faremos posteriormente. Así, podemos reservar espiñas, cabezas ou recortes para utilizalos outro día, sempre que se conserven correctamente desde o primeiro momento.
Aproveitar mellor o peixe non require receitas complicadas. Moitas veces abonda con planificar un pouco mellor a compra e mirar o produto doutro xeito.
A próxima vez que merques peixe fresco, antes de deixar a cabeza e as espiñas na peixería, pensa na seguinte receita: quizais o que parecía un resto sexa o comezo dun bo caldo.