Ordenación sardiña e xarda

Publicada a Resolución de 28 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se establecen disposicións de ordenación da pesquería da sardiña ibérica (Sardina pilchardus) que se pesca en augas ibéricas da zona CIEM VIIIc e IXa.

Publicada a Resolución de 22 de abril de 2021, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se modifica a do 12 de marzo de 2021, pola que se establecen disposicións adicionais de ordenación da pesquería da xarda (Scomber scombrus) das zonas VIIIc e IXa para os buques da frota de outras artes distintas ao arrastre e cerco do Cantábrico e Noroeste con porto base na provincia de Pontevedra.

Proxecto 1 Mar de Alosas

A alosa é un peixe de dorso escuro e ventre prateado que posúe unha característica mancha escura detrás da abertura branquial seguida dunhas manchas máis pequenas (menos de 3 na zamborca e entre 5 e 8 na alosa). Forma bancos e realiza importantes migracións. Habita no mar en augas profundas e remonta os ríos para realizar a posta. A Confraría de Pescadores de Malpica participa no proxecto «1 Mar de Alosas» cuxo obxectivo é avaliar as capturas incidentais de Alosa alosa (Zamborca) e Alosa fallax (Alosa) pola flota costeira galega e propor medidas de xestión e conservación así como a posta en valor destas especies.

Especies pescadeRías: Dourada

A dourada (Sparus aurata) ten o corpo alto e comprimido, de cor gris prateada, cunha mancha dourada entre os ollos, que desaparece cando morre, e unhas manchas negras por detrás da cabeza. Os beizos son grosos e carnosos. Pode chegar aos 70 centímetros. Vive en augas pouco profundas (menos de 30 metros) en fondos de area ou pedra. É un peixe de augas cálidas que escasea nas nosas costas. Cando se pesca faise con trasmallo e tamén con palangre.

Se queres coñecer os seus principais valores nutricionais, preme aquí para ver unha ficha desta especie.

Accións formativas

No mes de maio, tripulantes das embarcacións que traballan ao choco da Confraría de Vilaboa recibiron formación en Hixiene e Manipulación de alimentos. Tamén recibiu formación nestas materias o persoal de lonxa e de mantemento do Porto de Celeiro. Acreditar que o personal responsable da manipulación estea formado é requisito indispensable para todas as entidades certificadas ou en proceso de certificación polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Novos plans de xestión

A primeiros do pasado mes, publicáronse as resolucións polas que se aproban novos plan de xestión de marisqueo de nova incorporación para a conservación e explotación de recursos específicos presentados polas confrarías de pescadores de Corme (algas con técnicas de mergullo), Lira (anémones na modalidade a pé), Corcubión (anémones na modalidade a pé) e Malpica (ourizo na modalidade a pé).

Percebeiros das Cíes na TVE

O Programa España Directo da TVE estivo a gravar aos percebeiros da Confraría de Pescadores de Cangas traballando na cara máis escarpada das Illas Cíes. Podes ver a reportaxe premendo aquí, as imaxes son certamente impresionantes!

O percebe colleitado nas Illas Cíes é comercializado na Lonxa de Cangas e está certificado polo selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Participación en feiras 2021

A Consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, e dentro das súas actuacións de promoción do sector pesqueiro, prepara a programación para asistir a diferentes feiras de ámbito internacional e nacional durante o ano 2021. Se tes interese en participar, podes atopar toda a información premendo aquí.

Nova peixería adherida

Da Lonxa ao Prato abriu as portas dun novo local na Praza de Abastos de Monforte de Lemos (Lugo) adherida recentemente ao selo pescadeRías, ¿de onde se non?, o mesmo que a súa peixería en A Pobra do Caramiñal.

Nos seus establecementos, pon a disposición da súa clientela, peixes e mariscos da pesca artesanal, procedentes de lonxas galegas.

Recertificacións e seguementos

Durante o mes de maio, a depuradora Mariscos Malliño, S.L., renovou a súa certificación (bivalvos) no selo pescadeRías, ¿de onde se non?.

Por outra banda, a Lonxa de Marisco de Vigo (bivalvos), a Lonxa de Sada (peixe e cefalópodos) e a depuradora Mariscos Camino, S.L. (bivalvos), superaron auditorías de seguemento da marca.

Convocatoria de PERMEX

Convocados procesos selectivos para o acceso ao permiso de explotación, modalidade anémones a pé, para o exercicio da actividade extractiva nas Confrarías de Pescadores de Corcubión e Lira.

Podes atopar a información relacionada con ambas convocatorias na sección de anuncios do portal da Consellería do Mar. Accede premendo aquí.