A parábola da abundancia
Ata o 24 de setembro está dispoñible no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, a exposición «A parábola da Abundancia», de Terry Berkowitz e Francesc Torres, centrada no marisqueo a pé na Costa da Morte e nas Rías Baixas. Durante a inauguración do evento, o 6 de xullo, serviuse unha degustación con produtos certificados: cebiche de berberechos, xoubiñas en tempura con mahonesa, empanada de xurelos e wakame e tosta de polbo con queixo San Simón da Costa.
Artesanía no prato, con pescadeRías
Do 7 ao 9 de xullo estivemos nos Pendellos de Agolada, en pleno corazón da artesanía. Os produtos certificados pescadeRías foron servidos en preciosas pezas de artesanía nas degustacións do programa Artesanía no Prato, que se levaron a cabo con motivo do VI Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. As preparacións correron a cargo de Lucía Freitas Rodriguez e Javier Rodríguez Ponte “Taky”.
Fotografía de César Martínez.
De Tapas x Galicia
Miguel González Quintela é o autor da mellor tapa de Galicia, segundo o xurado profesional do Concurso de Tapas x Galicia 2017, organizado por Turismo de Galicia. O chef do Restaurante Gastro-Bar Sanmiguel de Ourense, recentemente adherido a pescadeRías, gañou o concurso co prato Vieira de Outono. Dentro dos 10 cociñeiros finalistas están Rubén González e Sergio Orge, de El Cafetín, e Álvaro Villasante do Restaurante Paprica, establecementos tamén adheridos ao selo pescadeRías. Parabéns a todos eles!
Polbo certificado no Corte Inglés
Currimar Conservas Tradicionales, empresa certificada para a transformación de polbo, vén de presentar os seus produtos no Club do Gourmet de El Corte Inglés. Durante a segunda quincena de xullo estiveron nos centros de Marineda, en A Coruña, e en Santiago de Compostela, ofrecendo degustacións dos seus produtos. Do 4 ao 6 de agosto estarán en Produart, Feira dos Produtos Artesanais e Ecolóxicos de Burela.
Celebrouse a Festa da Vieira
Un ano máis, celebrouse en xullo a Festa de Exaltación da Vieira en Cambados, organizada por Porto de Cambados S.L., coa colaboración da Confraría de Cambados e a Consellería do Mar, entre outras entidades. A cociñeira Beatriz Sotelo foi a responsable das elaboracións culinarias, mentres que nos showcooking participaron tamén Leonor Costiña e Inés Abril. No seguinte vídeo podes ver un resume do evento.
Degustación popular en Lira
A Confraría de Lira organizou o pasado 29 de xullo unha degustación de produtos procedentes da Reserva Mariña Os Miñarzos. Non faltaron os produtos certificados pescadeRías, ¿de onde se non? como o polbo, berberechos ou longueiróns. Os socios e socias puxéronse á fronte dos fogóns e dérono todo para preparar os produtos ao xeito tradicional e servilos. As probas, no seguinte vídeo.
Documental Percebeiras de Baiona
As irmás González, percebeiras da Cofradía de Pescadores de Baiona», protagonizan o microdocumental de Great Big Story «Desafiando ás mareas para coller percebes na costa rochosa de España» («Braving the Tides for Goose Barnacles on Spain’s Rocky Coast») Esta compañía dedícase a narrar historias inspiradoras de persoas de todo o planeta e escolleu a explotación de percebe como exemplo de superación e xeito de vida. O produto estrela desta confraría, o percebe, comercialízase baixo o selo pescadeRías, así como as algas, gasterópodos, antozoos, peixes, bivalvos e outros crustáceos. Preme aquí para ver o vídeo.
Novo axente: Ría de Arosa S. Coop.
Damos a benvida á Cooperativa Ría de Arosa, que vén de certificarse como centro de primeira venda e depuración de bivalvos. A cooperativa, ubicada en Abanqueiro (Boiro), está formada por máis de 400 persoas socias, que capturan bivalvos a pé ou desde embarcación. Conta cun criadeiro de moluscos desde o ano 1997, onde produce semente de ameixa babosa, xapónica, fina e ostra. Ademais do selo pescadeRías, posúen tamén a certificación de MSC que recoñece a xestión sustentable dos bancos de ameixas e berberechos que traballa a cooperativa. Parabéns!
Renovacións e ampliacións
Durante o mes de xullo renovaron a súa certificación a Confraría de Pontedeume, para primeira venda de bivalvos, a Confraría de Cambados, para primeira venda de bivalvos, cefalópodos, crustáceos e peixes; a Confraría de Lira, que renovou a certificación para cefalópodos e crustáceos, e ampliou a bivalvos, gasterópodos e equinodermos; a Confraría de Fisterra, que incorporou as algas e a Confraría de Baiona, que incorporou algas, antozoos e gasterópodos; e Conservas Pérez Lafuente, que renovou a certificación para a transformación de bivalvos, crustáceos, equinodermos, algas e peixes. Parabéns a todos estes axentes!