O verán é tempo de festas gastronómicas en Galicia, unha excelente oportunidade para descubrir e saborear os produtos da pesca artesanal galega. O 25 de xullo e o 8 de agosto, Portocubelo (Lira) acolle unha nova edición da Degustación Popular dos Produtos da Reserva Mariña de Lira, con polbo, navallas, percebe, nécoras, mexillóns e berberechos como protagonistas.
Ademais, o 2 de agosto, Aguiño celebrará a XXVII Festa do Percebe, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, un evento que rende homenaxe a un dos produtos máis emblemáticos do litoral galego.
Dúas citas imprescindibles para gozar da gastronomía mariñeira, apoiar o sector pesqueiro e coñecer de preto a calidade dos produtos do noso mar.