Peixe pequeno, problema grande: a razón dos tamaños mínimos

Os tamaños mínimos son unha das ferramentas clave para garantir a sustentabilidade da pesca e do marisqueo.

O tamaño mínimo dun peixe ou marisco é a medida que debe acadar para poder ser capturado e comercializado legalmente. A súa función é sinxela pero fundamental: permitir que os exemplares máis novos medren e se reproduzan antes de seren extraídos, para asegurar así o futuro das especies e da actividade pesqueira. Estes tamaños non son arbitrarios. Establécense a partir de estudos científicos que analizan o ciclo vital de cada especie, a idade á que alcanza a madurez sexual e o estado dos recursos.

A normativa europea establece tamaños mínimos de referencia a efectos de conservación e define con precisión como deben medirse os exemplares. En Galicia, a Consellería do Mar adapta e concreta estas referencias mediante ordes específicas, tendo en conta as particularidades das rías e das pesqueiras galegas. Ademais, existen listaxes oficiais e materiais divulgativos que facilitan a identificación das tallas mínimas por especie.

En función do grupo biolóxico, a forma de medir o tamaño tamén cambia. Nos peixes, o tamaño exprésase normalmente en centímetros de lonxitude total, desde a punta da cabeza ata o extremo da cola. Nos crustáceos, como a nécora ou o boi, mídese unha parte concreta do corpo, xeralmente o cefalotórax. No caso dos moluscos bivalvos, como ameixas, berberechos ou vieiras, a referencia é o tamaño da cuncha. A continuación amósanse algúns exemplos das dimensións empregadas para a medición nos tamaños mínimos en distintos grupos biolóxicos:

A nivel europeo, os tamaños mínimos de referencia a efectos de conservación están recollidos en múltiples regulamentos. En Galicia, a Consellería do Mar desenvolveu esta normativa mediante a Orde do 27 de xullo de 2012 pola que se regulan os tamaños mínimos de diversos produtos pesqueiros na Comunidade Autónoma de Galicia, que establece tamén como deben medirse os exemplares.

Respectar os tamaños mínimos é unha responsabilidade compartida. As persoas do mar aplícano no seu traballo diario, pero o seu cumprimento tamén é clave na cadea de comercialización e nos hábitos de consumo.

Para saber máis preme aquí.

Principais capturas da flota artesanal galega en 2025

Un repaso ás especies que lideraron as lonxas galegas este ano, tanto en volume como en valor económico.

A piques de despedir o ano, traémosche a clasificación dos peixes e mariscos máis capturados en 2025 pola flota artesanal galega. Un resumo perfecto para entender que especies conquistaron as lonxas… e tamén as mesas!

Os peixes volven ser os grandes protagonistas*, tanto polo volume de capturas como por valor económico. Tras deles, sitúanse os bivalvos, os cefalópodos*, os crustáceos, os equinodermos, as algas e os gasterópodos.

Entre os peixes, o peixe azul manda con claridade: sardiña, xurelo, bocarte, xarda e congro encabezan a lista. E se falamos de valor, os catro primeiros repiten e a robaliza adiántase ao congro.

Nos bivalvos, a ameixa xaponesa, o berberecho e a navalla son as especies con maior volume de capturas. Por importe, o podio queda para a ameixa xaponesa, a navalla e a ameixa rubia, mentres o berberecho baixa ao cuarto posto.

Nos cefalópodos, polbo e choco son as estrelas absolutas tanto en volume como en facturación.

E nos crustáceos, centola e percebe lideran as capturas, aínda que, se miramos o valor económico, o percebe colócase por diante.

Gráfico: Volume de primeira venda nas lonxas galegas entre o 1 de xaneiro e o 19 de decembro de 2025.

*O gráfico inclúe o volume de primeira venda en todas as lonxas de Galicia, sen diferenciar as capturas segundo o tipo de pesca. Esta circunstancia non altera a importancia relativa dos distintos grupos biolóxicos en termos de volume de vendas para a flota artesanal galega. Mesmo se se considerasen unicamente as capturas desta frota, a distribución dos grupos biolóxicos en volume de vendas sería moi semellante.

Fonte: https://www.pescadegalicia.gal/

Aprobado o Real Decreto que actualiza as denominacións comerciais dos alimentos en conserva ou preparados aplicables aos produtos da pesca e da acuicultura

O obxectivo da norma é adaptar e actualizar as definicións e criterios relativos á presentación, conservación, comercialización e partes dos produtos da pesca e da acuicultura, para axustalos á realidade actual do sector e aos cambios na normativa europea e estatal en materia pesqueira, de información alimentaria e de seguridade alimentaria.

Recentemente aprobouse o Real Decreto 1082/2025, do 3 de decembro, que regula o procedemento para determinar as denominacións comerciais nacionais e denominacións de alimentos en conserva ou preparados admitidas en España aplicables aos produtos da pesca e da acuicultura.

Esta nova normativa, impulsada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, actualiza o marco vixente para adaptalo aos avances científicos, aos cambios nos hábitos de consumo e á realidade actual do mercado. O seu propósito central é reforzar a protección das persoas consumidoras e garantir unha información clara, veraz e comprensible. Para iso, o real decreto clarifica o ámbito das conservas e preparados e achega maior seguridade xurídica ao procedemento de determinación das denominacións legais.

A implantación deste sistema desenvolverase en dúas fases: a actualización normativa a través deste real decreto e a posterior publicación das denominacións comerciais de conservas e preparados nunha resolución da Secretaría General de Pesca.

A regulación establece tamén a base para publicar periodicamente listaxes de denominacións comerciais autorizadas para produtos frescos, conxelados, salgados, afumados, conservas e preparados en todo o territorio estatal. As denominacións comerciais que poidan emitir as comunidades autónomas terán carácter complementario ás de ámbito nacional.

A norma entrará en vigor o 2 de xaneiro de 2026.

Podes descargar a norma aquí.

Algas con certificación de orixe e frescura

Nos dez primeiros meses do ano 2025 as confrarías galegas comercializaron 390.231 quilos de algas*, recollidas maioritariamente a mergullo, unha arte selectiva e respectuosa co medio mariño que garante a sostibilidade do recurso.
*Fonte: Plataforma Tecnolóxica da Pesca (pescadegalicia.gal)

A lonxa da Illa de Arousa lidera a comercialización de algas con preto do 71% das vendas totais, seguida polas lonxas da Coruña, Corcubión, O Grove, Camelle, Aldán-Hío e Camariñas. A estas cifras hai que engadir as algas extraídas directamente polas empresas transformadoras, que en anos anteriores representaron aproximadamente un terzo do volume global rexistrado. A modalidade de extracción a mergullo permite preservar os ecosistemas litorais e asegurar a continuidade dunha actividade que, ano tras ano, gaña maior relevancia.

As algas galegas destacan non só polo seu valor gastronómico e nutricional, senón tamén polo seu potencial económico, reforzando o papel da pesca artesanal na diversificación e no aproveitamento responsable do mar. Actualmente, son sete as confrarías certificadas pola marca pescadeRías de onde se non?, ás que se suman dúas empresas transformadoras: HQ Seaweed, que comercializa baixo a marca Capitán Alga, e Porto Muiños, especializada en algas frescas, deshidratadas e en conserva.

Este conxunto de axentes garante unha oferta de algas de orixe certificada, frescas e de calidade contrastada, contribuíndo á consolidación dun sector emerxente que sitúa Galicia como referente internacional na produción e comercialización de algas mariñas.

Estreamos o blog de pescadeRías de onde se non?

A marca de calidade da pesca artesanal galega dá un paso máis na súa comunicación coa apertura deste novo espazo dixital.

O blog de pescadeRías de onde se non? nace co obxectivo de achegar ao público toda a actualidade arredor dos produtos do mar certificados, das entidades adheridas e das iniciativas que poñen en valor a pesca artesanal. Aquí atoparás información sobre especies de tempada, receitas elaboradas con peixe e marisco certificado, novidades normativas, eventos gastronómicos, entrevistas con profesionais do sector e contidos divulgativos sobre sustentabilidade e trazabilidade.

O novo blog pretende ser tamén unha xanela aberta ao mundo mariñeiro, dando visibilidade ao traballo das confrarías, lonxas, peixerías, restaurantes e empresas transformadoras que forman parte da marca pescadeRías de onde se non?

Con este proxecto reforzamos o noso compromiso de comunicar, educar e promover un consumo responsable de peixe e marisco fresco, de orixe garantida e capturado con artes selectivas e respectuosas co medio mariño.

Dámosche a benvida a este novo espazo. Agardamos que nos acompañes nesta travesía!